
'Con esta exposición queremos amosar algunhas das facetas polas que hoxe, con tristura, recordámolo con todo o noso recoñecemento', explica o decano do centro, José Montero.
Catedrático da Universidad Autónoma de Barcelona durante catro décadas, Francisco Rico foi membro numerario de varias academias (Accademia Nazionale dei Lincei, British Academy, Real Academia Española) e posuidor dun sen fin de recoñecementos; entre outros, Premio Internacional Menéndez Pelayo (1998), Premio Nacional de Investigación Ramón Menéndez Pidal (2004), Premio Alfonso Reyes (2013), Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes (2015) e doutor honoris causa polas universidades de Valladolid (1996) e Boloña (2016).
Filólogo, investigador, editor do Quijote, director de coleccións...
Na exposición recórdase o seu labor desde distintos ámbitos, comezando polo de filólogo e investigador. Fano, neste caso, a partir dun dos números da revista Ínsula, dedicado integramente a el e que apareceu no mes de marzo deste mesmo ano. Xunto a este, recóllense tamén algúns dos seus libros máis significativos, incluídos unha selección das súas obras maiores dedicadas a Petrarca e Cervantes.
No seu papel como editor do Quijote, Montero lembra que a edición que dirixiu Francisco Rico constitúe un antes e un despois na historia editorial deste libro e constitúe o seu maior legado ao cervantismo. Neste senso, a exposición recolle distintas edicións destes libros, todas elas en dous volumes, publicadas en 1998 (Crítica), 2004 (Galaxia Gutenberg y Círculo de Lectores) e 2015 (Real Academia Española).
A estas facetas súmanse tamén a de director de coleccións, de clásicos que foron -e seguen sendo- referentes; a de editor de textos clásicos (La Celestina, El caballero de Olmedo, El desdén con el desdén, El poema del mío Cid...); historiador da literatura, sendo guía e vademecum para quen estudamos literatura española nos anos oitenta e noventa do século pasado, e mesmo personaxe literario en obras de autores como Javier Marías e Arturo Pérez Reverte.
As persoas interesadas en visitar a mostra poden facelo ata o venres día 31 na biblioteca da Facultade de Filoloxía e Tradución.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.