
Esta ferramenta, denominada CANTICAR, elaborouse no marco do proxecto Lírica galego-portuguesa desenvolvido no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades onde se presentou esta mañá.
Situamos no mapa todos os topónimos que os trobadores e xograres mencionaron nos seus textos. Ademais de completar o coñecemento existente sobre a toponimia medieval e descubrir o motivo polo cal uns lugares eran máis importantes ca outros, permítenos visualizar a transformación que foi experimentando o espazo ao longo do tempo, e tamén observar como determinadas vilas pasaron de ter unha gran relevancia a ir perdendo protagonismo desde a Idade Media ata os nosos días, indican as investigadoras.
Por outro lado, este recurso dixital achega as dimensións sociopolíticas nas que foron elaboradas as cantigas. Non só se marcan os topónimos, senón que se reconstrúen as fronteiras dos diversos reinos que existían na Península Ibérica; de feito, no mapa pode verse a evolución deses límites ao longo de todo o período trobadoresco, subliña a catedrática Pilar Lorenzo.
As investigadoras explican tamén que os topónimos elixidos polos trobadores e xograres teñen sempre un valor distintivo, xa que son empregados nos textos tanto en función do tema abordado como do xénero escollido. Así, o peso que ofrecen os nomes de lugar varía se se trata dunha cantiga de amor, de amigo ou de escarnio. Por exemplo, as cantigas satíricas están máis ancoradas na realidade, polo que a toponimia ten unha presenza maior que nas cantigas de amor ou amigo, nas que o espazo real ocupa un segundo plano, sinalan. En consecuencia, este mapa interactivo permite localizar a autores e personaxes nun marco concreto, que, en moitas ocasións, está ligado a grupos sociais ou a determinados acontecementos históricos.
Ademais de situar cada topónimo no mapa, recóllense os textos nos que se mencionan e os usuarios poden consultar tamén os datos biográficos dos trobadores e xograres. Toda esta información servirá de apoio ao desenvolvemento de novas investigacións sobre a nosa tradición lírica, apunta a coordinadora, que destaca ademais que a web é moi intuitiva, polo que representa un recurso docente moi valioso para diferentes niveis educativos, ao permitir que o estudantado vexa de maneira gráfica os lugares citados nos textos.
Un percorrido pola paisaxe galega e a dos reinos da Península Ibérica
Mariña Bermúdez e Carmen de Santiago poñen de relevo que a maioría dos lugares que se recollen nas cantigas aínda existen na actualidade, pero cunha importancia social moi diferente á que tiveron na Idade Media. É o caso da localidade sevillana de Morón de la Frontera, a vila de Castrojeriz (situada en Burgos, no Camiño de Santiago), o mosteiro de Nogueira na localidade pontevedresa de Meis, Santa María de Reza na freguesía de Ourense, as terras de Lemos (Lugo), Deza (A Coruña), Toroño (Pontevedra) ou Crecente en Compostela
, entre outros moitos lugares que foron perdendo importancia co paso do tempo. Pola contra, outros que eran (e seguen a ser) moi relevantes como Santiago de Compostela aparecen en contadas ocasións nos textos.
A través deste mapa dixital, os usuarios non só poderán ver o papel clave que determinados espazos desenvolven nas cantigas, senón tamén observarán o peso e a función expresiva que a toponimia tivo na nosa tradición lírica. Así pois, a ferramenta é unha oportunidade para percorrer virtualmente as espazos da ficción trobadoresca, tanto a paisaxe galega como a dunha gran parte dos reinos da Península Ibérica e a doutras localidades estranxeiras, desde finais do século XII ata mediados do século XIV, Lorenzo.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.