Noticias

A Filmoteca de Galicia e a Fundación Japón organizan unha retrospectiva sobre a documentalista Sumiko Haneda

A Filmoteca de Galicia acolle en novembro unha programación especial dedicada á documentalista xaponesa Sumiko Haneda e unha nova sesión do ciclo Close-Up: Cine e perspectiva de xénero coa visita da directora Pilar Palomero. A presentación do libro Escuela de cineastas e a continuidade da retrospectiva sobre Agnès Varda son outras das citas que vertebran a nova carteleira mensual. Baixo o título Ampliar os afectos. O cine de Sumiko Haneda, a cinemateca da Xunta e a Fundación Japón achéganlle ao público galego a obra desta cineasta nipoa, aínda moi descoñecida en Occidente. Francisco Algarín e Irene González-López presentarán mañá esta retrospectiva, da que son comisarios, facéndose eco do estudo e do recoñecemento crecente cara a Haneda.

A Sala José Sellier da Coruña é unha das catro paradas deste ciclo itinerante, que propón un percorrido cronolóxico por 10 fitas da directora, a meirande parte delas inéditas en España.

Máis de 60 anos en activo

Pioneira do cinema de non-ficción xaponés, Sumiko Haneda (Dalian, 1926) é unha das poucas cineastas que conseguiu facerse un lugar nun mundo de homes durante a posguerra, cando entrou a formar parte dos estudios Iwanami, produtora de filmes educativos e punto de encontro dos mellores documentalistas nipóns. Ao longo dos seus máis de 60 anos en activo e cunha obra filmada que comprende máis de 100 títulos, Haneda trata temas tan diversos como a preservación da natureza, as artes tradicionais, a desintegración do Xapón rural, o envellecemento da sociedade ou a celebración do traballo e da creatividade das mulleres.

O 12 de novembro a Sala José Sellier acolle unha nova sesión do ciclo Close-Up: Cine e perspectiva de xénero, que ofrece un encontro coa directora Pilar Palomero a propósito da proxección do seu filme Los destellos, recentemente estreado en cines e Concha de Prata á mellor interpretación protagonista para Patricia López Arnaiz na pasada edición do Festival de San Sebastián.

Viaxe aos comezos de Saura ou Borau

Esa mesma semana, a Filmoteca da Xunta tamén recibirá a visita de Fernando Méndez-Leite, presidente da Academia de las Artes y las Ciencias Cinematográficas de España, para a presentación o día 15 do libro Escuela de cineastas. Las primeras prácticas de los grandes directores del cine español xunto aos seus autores, Asier Aranzubía e José Luis Castro de Paz. Trátase dun estudo das prácticas dos alumnos dos antigos Instituto de Investigaciones y Experiencias Cinematográficas e Escuela Oficial de Cine entre os anos 50 e comezos dos 70 do pasado século. Con tal motivo, tanto o venres 15 como o martes 19 proxectaranse seis prácticas firmadas polos cineastas Carlos Saura, Francisco Regueiro, José Luis Borau, Basilio Martín Patino, Manuel Summers e Agustín Navarro como estudantes destes centros.

Ademais, en novembro continúa o ciclo Universo Agnès Varda, desta volta centrado sobre todo no seu traballo documental. Exhibiranse 13 curtametraxes divididas en tres sesións os días 6, 9 e 30, así como catro longametraxes: Lions Love (…and Lies) os días 19 e 20 de novembro, Documenteur (días 21 e 22), Murs Murs (días 23 e 26) e Daguerrotipos (días 27 e 29).

No marco da sección Off Galicia, o venres 29 o cineasta pontevedrés Iago Barrado presenta a súa primeira longametraxe, Sen alma, unha película de suspense que conta a historia dunha vila galega que se enfronta ao virus da rabia, que xa infectou a poboación mundial.

A cinemateca da Xunta ofrece, así mesmo, unha nova entrega da serie Walker, do cineasta taiwanés Tsai Ming-liang, coa proxección de Sin dormir e ARENA o 20 de novembro. Xa na sección Fóra de serie, esta programación inclúe a reposición do filme Las margaritas, un dos títulos fundamentais da Nova Onda do cine checo, dirixido por Vera Chytilová (27 e 28 de novembro). E tamén nas últimas semanas do mes, a Filmoteca colabora co Cormorán Film Fest como unha das sedes deste festival de cine de autor.

R., 2024-11-04

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES