Noticias

O Comité Internacional de Expertos no Camiño reuniuse en Santiago coa vista posta no Xacobeo 2027

O Comité Internacional de Expertos no Camiño reuniuse estes días no Pazo de Amarante, en Santiago. Unha xuntanza na que abordaron diversos asuntos que lles van permitir avanzar na programación relativa ao Xacobeo 2027 e que contou coa presenza do director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles. En concreto, a reunión serviu para debater sobre varias propostas de cara ao Ano Santo 2027, como a realización de varias exposicións ou o Congreso Internacional do Comité de Expertos que se prevé que se desenvolva nese ano. Tamén para o 2027, no mes de outubro, propúxose a participación do Comité nunha xornada en Núremberg sobre a peregrinación a Santiago.

Durante a súa intervención, Xosé Merelles puxo en valor “o traballo da organización na difusión e promoción do Camiño de Santiago e de toda a cultura xerada arredor das rutas xacobeas”. Destacou, ademais, a importante aportación do Comité na planificación dos futuros eventos que conformarán o programa de actividades de cara ao Xacobeo 2027.

Previo a isto, estase xa preparando un Coloquio Internacional do Comité de Expertos do Camiño de Santiago centrado no Camiño Portugués, pensado para novembro de 2026 en Tui. Presentáronse ademais varias propostas desde Brasil, como o Ciclo de Estudos Composteláns e o III Congresso Internacional Sacralidades Medievais: Divulgação Científica e Publicização do Caminho de Santiago no Brasil, a celebrar xa en abril de 2026.

Ademais dos futuros eventos, o encontro serviu para analizar o desenvolvemento da revista Ad Limina, centrada en estudos do Camiño de Santiago e no fenómeno das peregrinacións. En concreto, repasouse a traxectoria nos últimos números editados, avanzouse a temática e proxección de futuras edicións e debateuse sobre os protocolos de avaliación e seguimento.

Na reunión houbo tempo para revisar outros temas relacionados co Comité, como o estado actual da edición das actas do XIII Congreso Internacional de Estudios Xacobeos ou o da colección de libros do Comité.

R., 2025-07-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (20261016-xunta.jpg) O xurado dos Premios da Cultura Galega 2026 reuniuse hoxe en Santiago de Compostela para outorgar os recoñecementos desta edición. A xuntanza, que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, estivo presidida polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos. Ao remate do acto, fíxose público o fallo nas distintas categorías propostas, resultando galardoados María Solar, en Letras; Almudena Fernández Fariña, en Artes Visuais; a compañía Elefante Elegante, en Artes Escénicas; a Asociación Galega de Empresas Musicais, en Música; Alfonso Zarauza, na categoría Audiovisual; Espazo Lectura, en Lingua; o Obradoiro de Gaitas Seivane, en Patrimonio Cultural; e o Festival EmigraSON, en Proxección Exterior.
Foto de la tercera plana (apoio.jpg) O obxectivo desta rede de recursos é acompañar ás persoas con discapacidade ao longo da súa vida, desde os primeiros anos ata que se fan maiores, ofrecendo respostas axeitadas a cada etapa e a cada necesidade. Desde o ano 2016, o número de unidades de atención temperá aumentou ata as 57. Estes servizos públicos e gratuítos dirixidos a nenas e nenos de 0 a 6 anos de idade son fundamentais para detectar, previr e actuar ante trastornos de desenvolvemento. A Rede galega de atención temperá na actualidade chega a máis de 200 concellos e a 6.000 familias.

Notas

A Cátedra Rosalía de Castro da Universidade de Santiago de Compostela, dirixida por María do Cebreiro Rábade Villar e Fernando Cabo Aseguinolaza, acaba de publicar Cartas de Alejandra Murguía de Castro a Ángela Santamarina (1916-1925), un epistolario que recupera a voz dunha muller durante moito tempo eclipsada polas figuras dos seus pais e que achega novos datos sobre a familia Murguía-Castro e, de maneira moi especial, sobre a vida e a obra de Rosalía de Castro.
O Congreso XoveTIC, organizado polo CITIC e a Facultade de Informática da UDC, recoñeceu os mellores traballos presentados na súa novena edición, destacando a excelencia investigadora e a innovación tecnolóxica en distintos ámbitos das tecnoloxías da información e das comunicacións. Este congreso consolídase como un espazo de intercambio de coñecemento e presentación de resultados científicos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES