Noticias

A Xunta propón declarar o Ano Castelao no 2025 coincidindo co 75 aniversario do seu pasamento

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, anunciou hoxe no pleno do Parlamento que proporá a todos os grupos representados na Cámara a adopción dun acordo para declarar no 2025 o Ano Castelao, coincidindo co 75 aniversario do pasamento do intelectual. Con esta proposta, resaltou, 'temos a oportunidade de celebrar a unión de todos os galegos e galegas cun gran pacto ao redor da nosa cultura, simbolizada nunha das figuras clave da nosa identidade' e, xa que logo, 'abrimos unha porta a permanecer todos xuntos polo que nos une, permitíndonos levar a cabo accións que poñan en valor os nosos fitos e prestixien a nosa lingua'.

Así, o representante da Xunta situou esta iniciativa, para a que dixo agardar “o consenso de todas as formacións”, no marco de actuacións coas que o Goberno autonómico quere impulsar e prestixiar o uso do galego entre a sociedade. Deste xeito, lembrou que se une a outras propostas que se porán en marcha como son cursos en ámbitos específicos, como o sanitario, e sobre o que onte avanzou co responsable da Consellería de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, ou os programas de voluntariado lingüístico para organizar grupos de conversa.

Estas son algunhas das medidas que figuran no documento presentado aos grupos parlamentarios nas primeiras reunións mantidas hai uns dís para traballar nun Pacto pola Lingua e que continuarán en breve, así como se iniciarán tamén esta semana os encontros con outras institucións que participarán do proceso.

Neste senso, López Campos referiuse na súa intervención á “vontade de diálogo e o clima de concordia” no que se desenvolveron esas xuntanzas como unha mostra “da importancia que ten a lingua para todos e a sensibilidade que temos todos cara ela”. Así, apuntou, “a mellor forma de pór en valor o galego é transmitindo unha mensaxe de unión e cordialidade ao seu redor”.

Tal e como recordou o responsable de Lingua do Goberno galego na interpelación sobre o Pacto pola Lingua, a súa proposta baséase en 5 liñas: a renovación do Plan xeral de normalización da lingua galega coa creación de comisións de traballo antes de final de ano formadas por persoas de recoñecido prestixio; a posta en marcha dun plan de 50 medidas para impulsar o uso do galego en diversos eidos; o incremento dun 30% da partida destinada a accións de dinamización da lingua nos orzamentos de 2025; situar a CRTVG como catalizadora da lingua, favorecendo produtos en galego, e seguir as recomendacións da Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias como folla de ruta.

López Campos concluíu que con todo este proceso “pretendemos construír unha Galicia próspera na que a nosa lingua siga a ser un sinal de referencia, con liberdade, sen xerar escenarios conflitivos, e atendendo aos cambios sociais”.

Accións a prol da lingua

O documento de traballo inicial deseñado polo Goberno galego ten por obxectivo acadar un Pacto pola Lingua que derive nunha actualización do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. Trátase dunha folla de ruta que se irá enriquecendo ao longo dos próximos meses con novas propostas xurdidas do mesmo Executivo autonómico e coas achegas dos grupos parlamentarios e entidades implicadas.

Así, ás súas liñas de base para o impulso do galego ­como son o eido dixital, as persoas chegadas do exterior e o neofalantismo, súmanselle outras accións transversais encamiñadas a reforzar a presenza da lingua en distintos grupos de idade, especialmente a xuventude, diferentes sectores profesionais e diversos ámbitos da sociedade.

Cómpre sinalar así a posta en marcha o ano que vén de máis de 100 cursos de cultura e lingua galegas para persoas chegadas do exterior, ademais de grupos de voluntariado lingüístico para organizar conversas e propostas de traballo colaborativo coas asociacións de distintas comunidades asentadas en Galicia. A isto, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude engade outros cursos centrados en distintos ámbitos profesionais e propostas como actividades para incentivar a lingua na escola.

Tamén se pretende seguir impulsando o fenómeno do neofalantismo ofrecéndolles máis ferramentas a esas persoas que deciden falar galego cando a súa lingua nai foi outra. Neste senso, o portal neofalantes.gal comezou a funcionar, máis alá de como punto informativo, como unha rede social para dar testemuños e compartir experiencias sobre o proceso. Ademais, no eido dixital tamén destaca o Proxecto Nós, unha das propostas máis ambiciosas a prol do galego que avanza para situar a lingua nun medio esencial hoxe en día, de maneira que estea presente en todas as plataformas tecnolóxicas.

Isto, sen esquecer outras iniciativas como as campañas de concienciación e sensibilización sobre o uso do galego como a que está funcionar na actualidade baixo o lema Saca a lingua que levas dentro.

Fotografía: isaacdiazpardo.gal

R., 2024-11-06

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES