
Ao mesmo tempo, prémiase ás institucións e empresas que contribuíran de xeito significativo a impulsar o traballo artesán. Constan de cinco categorías, tres delas para proxectos de artesáns Premio Nacional de Artesanía, Premio Produto e Premio Emprendemento e dúas que recoñecen o labor de promoción por parte de entidades públicas e privadas.
En total, na edición deste ano participaron 80 candidaturas das que o xurado seleccionou 15 finalistas, tres para cada categoría de premios que son, Nacional de Artesanía, Produto, Emprendemento, Promociona Entidades Públicas e Promociona Entidades Privadas
Finalistas galegos
Nesta edición dos Premios Nacionais de Artesanía, Galicia volverá ter representación a través de dúas candidaturas. O torneiro de madeira Aitor Martínez, do obradoiro Aitor. (Tomiño), competirá polo Premio Emprendemento pola súa colección Códigos del alma. Este mesmo ano Aitor resultou galardoado na III edición dos Premios Maestro Artesano impulsados polo Círculo Fortuny, na categoría Premio Joven Promesa, en recoñecemento ao seu talento, o que lle permitiu recibir un asesoramento por parte dun equipo de mentores durante seis meses. O seu produto baséase na utilización da materia prima sustentable e coa trazabilidade documentada a través da ferramenta FORTRA coa idea de poñer en valor a orixe e a materia da que se dispón no territorio.
Aitor Martinez forma parte de Artesanía de Galicia dende o ano 2022, ano no que resultou tamén finalista nos Premios Nacionais de Artesanía na categoría Emprendemento. Nesta ocasión competirá polo Premio Produto xunto coa colección Piel de Mouro do ceramista Raúl Mouro (Asturias) e coa lámpada Eclipsis de Pròsper Riba Vilardell (Barcelona).
Por outra banda, o ebanista Fran Millán, do obradoiro Frouma Atlantic Wood (Ribeira), optará ao Premio Emprendemento, polo seu proxecto de creación de mobiliario artesanal con madeira de batea recuperada das rías galegas despois de máis de 20 anos no mar. É un dos novos talentos da marca Artesanía de Galicia da que forma parte desde o ano pasado e resultou gañador do Premio Artesanía de Galicia 2023 por Noray.
Frouma é un proxecto no que se reivindican os oficios vinculados ao mar, a sustentabilidade e os produtos con identidade e alma galega. O seu traballo baséase nun modelo de produción sustentable no que recicla, reutiliza e repara materiais xa existentes como a madeira das bateas ou as redes de pesca. Fran Millán competirá polo Premio Emprendemento con Javier Reta Gallego e Myrte Sara Huyts, coa súa marca de sombrerería Maleza Hatmakers (Madrid); e con Laura Siles Ceballos, polo seu proxecto baseado na la do val de Karrantza "Mutur Beltz" (Biscaia).
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.