Noticias

O Xuventude Crea outorga os premios de teatro a Luscofusco de Rianxo e Coidadobastón! de Redondela

Déronse a coñecer os grupos gañadores da especialidade de teatro do certame Xuventude Crea 2024, despois das representacións que tiveron lugar durante a fin de semana no Salón Teatro de Santiago. Na fase final o xurado outorgou o primeiro premio na modalidade Amador a Luscofusco, de Rianxo (A Coruña), coa obra Fraktal, e no apartado Pro a Coidadobastón!, de Redondela (Pontevedra), coa función Recordari. Na sección Amador levou o segundo premio LaBarata producións, de Santiago de Compostela, que representou Ingobernábeis (Apto/non apto), e o terceiro O Cadro, de Taboadela (Ourense), coa peza A puta namorada.

Así mesmo, conseguiron o segundo e terceiro posto na modalidade Pro a compañía t.E.T.a, de Ourense, co espectáculo Que importante é e que pouco se fala, e Nauta Teatro, de Teo (A Coruña), con Ephímeros, respectivamente. Nesta última tamén recibiu unha mención de honra o grupo Ancoraxe, de Narón (A Coruña), coa peza Novecento.

Cómpre lembrar que a división nestes dous apartados da categoría de teatro é unha das novidades que incorporou o Xuventude Crea 2024 con respecto ás súas 14 edicións anteriores. Así, os grupos xuvenís vinculados a centros de educación secundaria, grupos amadores ou escolas municipais, entre outros, puideron participar na modalidade Amador, mentres que as compañías de nova creación, profesionais emerxentes ou grupos formados por alumnado ou egresados da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia fixérono na de Pro.

Os primeiros premios de cada unha das seccións están dotados de 2.000€, os segundos levan 1.500€ e os terceiros 1.000€. Ademais do incentivo económico, o certame ofrece a oportunidade de visibilización dos traballos presentados, ao que se suma a colaboración do Centro Dramático Galego, que poderá apoiar ás persoas ou compañías gañadoras no apartado Pro impulsando o lanzamento do seu proxecto artístico.

Os galardoados recibirán as distincións xunto co resto dos premiados nas distintas especialidades do certame, 16 en total, nunha gala final que terá lugar a mediados de decembro.

R., 2024-10-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES