
As súas curtas exhibiranse o mércores 22, na segunda xornada dun festival que, na súa XXI edición, bateu o seu récord histórico de obras inscritas a concurso, coa presentación de 261 pezas chegadas de oito países.
Da facultade aos festivais
Sempre que recoñecen o teu traballo senta moi ben e o feito de que un festival do nivel de Cans che seleccione, senta aínda mellor, sinala Miguel Romero, director de Xogo de Nenos. Nacida como un proxecto persoal levado a cabo pola produtora que conforman un grupo de estudantes, trátase dunha curta de suspense, acción e supervivencia. Como explica, esta é a sexta selección para un festival dunha curtametraxe distinguida a finais de 2023 co primeiro premio do III Concurso A Canteira-Augal, dirixido a recoñecer os mellores proxectos do alumnado da Facultade de Comunicación.
No caso de Tara, que os Rebeca Tella e Daniel F. Filloy crearon como traballo para unha materia, son xa preto dunha decena as seleccións acadadas e que abranguen desde Curtocircuíto ou o Curtas Festival do Imaxinario a certames de Portugal, Chile, India e Reino Unido. Supón unha oportunidade para que a xente poida ver a nosa obra e opinar sobre ela, que é o que nos motiva a crear, apunta Filloy da selección dunha curta que presenta un distinguido grupo de individuos que se reúne nun banquete no que todos ocultan a súa identidade.
Obras nacidas nas aulas que se estrearán en Cans
Nacida tamén como un traballo académico, Juan Ares estreará en Cans Sainte Agathe, unha curta documental na que acompaña a Agatha, unha moza de 22 anos con disforia de xénero, no día anterior e posterior a unha operación de masculinización de tórax nun hospital público, tras case dous anos de espera. Como unha oportunidade enorme para dar a coñecer unha peza na que a protagonista reflexiona sobre cuestións relativas á expresión e identidade de xénero recibe este alumno a selección dun traballo, recoñecido previamente nos premios de creación audiovisual da Universidade de Vigo.
Xurdida do seu interese persoal sobre as memorias almacenadas a través da fotografías, Anxo González creou como traballo para unha materia a súa curta .jpeg, que tamén se estreará en Cans. De aí que sinale a súa ilusión por presentar unha peza que define como un ensaio audiovisual que busca explorar a presenza das imaxes en formato físico, en contraposición á inmaterialidade do dixital.
Titulado en Comunicación Audiovisual, Manu Sacoga presentará Ángel de Plástico, curta resultado do seu TFG, titorizado por Diana Ramahí. Considero que esta selección é a máis importante que tivera nunca. O Festival de Cans é un escenario moi especial, polo que faime moitísima ilusión, recoñece da escolla dunha curta que suma tamén diferentes seleccións en festivais. Como unha historia que fala da nostalxia, de como o recordo é unha distorsión da realidade, pero igual de válida, presenta este egresado unha peza que reflexiona sobre o que significa o amor, a amizade e, sobre todo, os recordos.
Ademais, tamén foi seleccionada para Novas Camadas, por terceiro ano consecutivo, a egresada da Facultade de Belas Artes Candela Conde, desta volta por Eu quero unha pipa, resultado da súa participación no Chanfaina Lab de San Sadurniño.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.