
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na capital madrileña na presentación do programa da décimosexta edición do Festival Eñe, certame internacional que reunirá en Madrid e Málaga, do 9 de novembro ao 1 de decembro, a 100 escritores, cineastas e músicos de Europa e Latinoamérica, entre os que se atopan nove creadores galegos, grazas ao apoio da Xunta de Galicia.
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude salientou a alta presenza de creadores galegos nesta edición na actividade Ventá á literatura galega, programa de varios encontros a tres bandas, comisariado polo xornalista e escritor Xesús Fraga, que se celebrará o 15 novembro no Círculo de Bellas Artes de Madrid.
Anxo M. Lorenzo considerou xusta e merecida esta ampla participación desde Galicia que atribuíu o bo momento que atravesa o sector cultural galego e á calidade excelsa dos nosos creadores, tal e como reflicten os numerosos recoñecementos. Precisamente, destacou que entre os nove asistentes están varios premios nacionais, como Manuel Rivas, Diego Ameixeiras e Berta Dávila, que contan con esta distinción na categoría de Crítica; Ismael Ramos e Alba Cid, ambos os dous Premios Nacionais de Poesía Xove; e Paula Carballeira, Premio Nacional de Literatura Dramática.
Súmanselle a esta delegación, a cineasta Jaione Camborda, quen dirixiu O Corno, que se converteu na primeira película en galego en gañar unha Concha de Ouro no Festival de Donosti en 2023. Ademais, tamén participarán o músico e investigador Samuel Diz, que conta co Premio da Crítica El Primer Palau, e José Ignacio Carnero, cronista de viaxes e novelista, que coa súa novela Ama, sobre a vida da súa nai, emigrada galega en Euskadi, foi finalista do Premio Euskadi de Literatura.
Ademais de Ventá á literatura galega, o Festival Eñe ofrecerá un amplo abano de actividades que van desde encontros, conversas, recitais e cafés literarios en máis de 30 sedes culturais.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.