
O programa desta edición, distribuído en dúas xornadas, contará coa presenza de investigadoras, cineastas e profesionais de recoñecido prestixio que abordarán desde diferentes perspectivas a invisibilización das mulleres en ámbitos como a sonorización, a composición musical, a coprodución e o cinema de non ficción.
A desenvolver no auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación, o IX CO(M)XÉNERO inaugurarano ás 16.00 horas a delegada do reitor para Igualdade da USC, Sonia Esperanza Rodríguez Boente, e a catedrática emérita de Comunicación Audiovisual, Margarita Ledo. A continuación, terá lugar a intervención de Xaime Varela Sieiro, investigador e profesor do IES Arcebispo Xelmirez II de Santiago de Compostela, quen recupera a figura da sonidista Cruz Risco, pioneira galega do audiovisual creadora da peza Por que marchamos (1979). Esta intervención permitirá coñecer o legado desta creadora, cuxa obra como sonidista e directora foi recuperada recentemente e que desenvolveu a súa carreira en producións internacionais nos anos 70 e 80, como Le musée fantôme (1974) ou Río de sombras (1986). O relatorio porá de relevo a importancia da recuperación de figuras femininas que contribuíron de forma decisiva ao desenvolvemento do cinema galego e internacional.
A continuación intervirá Carme Rodríguez, compositora e orquestradora galega cunha dilatada experiencia en cinema, televisión e teatro, que abordará a relevancia da música na construción do relato audiovisual. Analizará como a composición musical estrutura o tempo narrativo e potencia as simboloxías, subliñando a escaseza de compositoras mulleres neste campo, tradicionalmente dominado por homes. Rodríguez explicará tamén como a mirada feminina pode aportar novas sensibilidades á narrativa audiovisual, grazas á súa experiencia en proxectos nacionais e internacionais, como Lume (2025), Prefiro Condenarme (2024) e Esto no es Noruega (2023).
Programa do día 7
Ana Viñuela, profesora e investigadora da Université Paris 3 Sorbonne Nouvelle especialista en coproducións e políticas públicas do audiovisual, iniciará a xornada do 7 de novembro abordando o mundo da coprodución a través do modelo francés e o caso dO que arde (2019), froito do traballo conxunto entre Galicia, Francia e Luxemburgo. A súa intervención permitirá comprender os mecanismos que favorecen a circulación de filmes independentes a nivel internacional e os retos que enfrontan as coproducións no contexto actual.
Por último, o seminario contará coa participación de Pilar Monsell, directora, montadora, guionista e investigadora na Universitat Pompeu Fabra (UPF) de Barcelona, que ofrecerá unha reflexión sobre as mulleres que desempeñan múltiples roles na creación de cinema documental, coñecidas como "mulleres orquestra". A través da súa experiencia como cineasta e investigadora, Monsell analizará os desafíos de combinar produción, dirección e montaxe nun contexto de traballos creativos con recursos limitados. Falará tamén do seu propio cinema, onde se mesturan o documental creativo e o cine ensaio, destacando obras como África 815 (2014) e o seu proxecto actual Ensayo para una revuelta (2024).
Quen desexe participar no seminario Na letra pequena. As mulleres nos oficios do cinema dispón ata o día 4 para inscribirse. A actividade está aberta ao público en xeral mais con preferencia a profesionais e persoal investigador no eido das ciencias da comunicación, estudantado do Programa de Doutoramento en Comunicación e Información Contemporáneas e estudantado dos graos de Comunicación Audiovisual e Xornalismo.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.