Buscador
Noticias
Dúas Festas de Interese Turístico Internacional e sete de Interese Turístico para Galicia compoñen o máis destacado da oferta da Semana Santa na comunidade. Unha serie de festividades que recollen relixión e tradicións e permiten ás persoas visitantes gozar do rico patrimonio histórico, cultural e artístico destas zonas. Son as festividades de Semana Santa nas vilas de Viveiro e Ferrol as que contan co recoñecemento internacional. As Festas de Interese Turístico para Galicia son a Festa do Santísimo Cristo de Fisterra, a Semana Santa de Cangas, a Semana Santa de Paradela (Meis), a Semana Santa de Betanzos, a Semana Santa de Mondoñedo, a Semana Santa de Santiago de Compostela e a Semana Santa de Lugo.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, protagonizou hoxe un acto institucional para facer balance do seu primeiro ano de lexislatura, xusto cando van doce meses da súa investidura tralos comicios autonómicos de 2024. No encontro, celebrado baixo o lema Estilo Galicia e acompañado do seu Executivo, Rueda subliñou que a súa forma de gobernar está marcada 'polo compromiso co traballo ben feito, a escoita activa e a estabilidade institucional'.'Galicia avanza con paso firme, sen ruído, sen confrontacións e sen mirar a corto prazo', asegurou o xefe do Goberno autonómico, quen reivindicou a importancia de facer política 'desde o sentidiño, a esixencia e a vocación de servizo'.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, resaltou hoxe que a Xunta 'aprobará no último trimestre deste ano' o Catálogo do patrimonio cultural do litoral Galicia, unha das primeiras medidas que impulsará ao abeiro da Lei de ordenación e xestión do litoral tras formalizarse o traspaso a Galicia dos servizos, medios e funcións necesarios para que a comunidade poida asumir a xestión plena e efectiva da súa costa. Cinco días despois de que o Goberno central e a Xunta rubricasen en Santiago o acordo histórico sobre as transferencias á comunidade pendentes neste eido, o Consello foi informado da folla de ruta a seguir para activar, na práctica, o desenvolvemento das competencias galegas sobre a xestión e a ordenación do litoral.
A Xunta de Galicia acaba de lanzar a nova edición do seu catálogo Films from Galicia, que ofrece unha completa panorámica da actual produción galega de cinema e televisión para a súa promoción nos principais mercados e feiras do sector a nivel internacional. A compilación de 2025 reúne 62 novos títulos do audiovisual galego, dos que 14 foron estreados recentemente e os 48 restantes están ultimando a súa próxima chegada á gran e pequena pantalla. Tamén son 48 as producións desta escolma que contaron con financiamento da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a través dalgunha das liñas de subvencións ao sector que xestiona a través da Axencia Galega das Industrias Culturais.
O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, pediu en Bruxelas un modelo de xestión compartida dos Fondos Europeos e o reforzo do papel dos entes territoriais. Galicia aposta por unha Política de Cohesión europea máis forte e moderna onde as rexións teñan un papel fundamental á hora de deseñar e xestionar as accións necesarias para abordar os retos de cada territorio, como puxeron de manifesto tanto o propio Miguel Corgos como o presidente da Xunta en distintas intervencións no Parlamento Europeo nos últimos meses. Durante unha intensa xornada de reunións, organizada pola Fundación Galicia Europa, Miguel Corgos trasladou a visión do Goberno galego sobre unha posible reforma dos fondos de cohesión para o novo marco de actuación.
Foi inaugurada a exposición 'Cantareiras. Oralidade Creación Transmisión', impulsada polo Museo do Pobo Galego, no marco das homenaxes das Letras Galegas 2025. A mostra, que se pode visitar ata o 28 de setembro, salienta o papel das mulleres que, a través da súa voz, foron vehículo de transmisión da poesía popular oral galega ao longo das xeracións. A exposición, reúne fondos sonoros do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade do propio museo, material gráfico e documental, así como pezas cedidas por particulares. A proposta museográfica artéllase arredor da cadea de transmisión oral e incorpora unha perspectiva de xénero para recoñecer os espazos, formas e persoas que fixeron posible a conservación deste legado.
O novo Plan Estratéxico de Comercio de Galicia 2025-2030 foi presentado pola Xunta de Galicia a través de 74 accións que, cun orzamento de máis de 320 millóns de euros, potenciarán e incrementarán a competitividade, a visibilidade e a gobernanza deste sector, que na nosa comunidades ocupa a máis de 107.000 persoas en máis de 32.000 establecementos, o que fai que Galicia sexa a quinta comunidade de España con maior número de empresas de comercio retallista.
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, reclamou hoxe para Galicia unha maior participación na xestión dos fondos europeos ao considerar que 'son un mecanismo importantísimo para loitar nesta guerra comercial', e demandou que se reparta ás comunidades autónomas 'todo ou parte' dos aranceis recadados en España. 'É clave a participación que reclamamos as comunidades autónomas nas decisións respecto de a onde e como se xestionan os fondos', subliñou Lorenzana, logo de asistir esta mañá ao pleno do Consello Interterritorial de Internacionalización convocado polo Ministerio de Economía, Comercio e Empresa.
O audiovisual galego vén de acadar un novo fito coa selección na sección oficial do Festival de Cannes de dúas películas con participación galega. Sirat, do galego Oliver Laxe, e Romería, rodada en Galicia pola catalá Carla Simón, serán ademais as únicas producións españolas que competiran este ano pola Palma de Ouro, a máxima distinción do prestixioso certame francés, que desenvolverá a súa 78ª edición do 13 ao 24 de maio. A cuarta longa de Laxe forma parte da selección oficial cunha historia rodada entre Aragón e Marrocos e protagonizada por Sergi López e Bruno Núñez, nos papeis dun pai e o seu fillo que viaxan ao sur do país árabe na procura da súa filla e irmá.
A Consellería de Sanidade, a través da Dirección Xeral de Saúde Pública, publica na súa páxina web o informe de actividade das infeccións respiratorias agudas correspondente á semana 14 do ano, que determina que a intensidade da gripe en Galicia se mantén baixa e con tendencia estable. Segundo os datos, a taxa de consultas por gripe nos servizos de atención primaria diminuíu un 22 % e fica en 25,8 por 100.000 habitantes. O descenso da taxa obsérvase en todos os grupos de idade, agás no de 0 a 4 anos, no que aumentou un 14 %. Por áreas sanitarias, a taxa de consultas foi inferior á da semana anterior en todas elas.