Noticias

Galicia pide en Bruxelas un modelo de xestión compartida dos fondos europeos e o reforzo do papel dos entes territoriais

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, pediu en Bruxelas un modelo de xestión compartida dos Fondos Europeos e o reforzo do papel dos entes territoriais. Galicia aposta por unha Política de Cohesión europea máis forte e moderna onde as rexións teñan un papel fundamental á hora de deseñar e xestionar as accións necesarias para abordar os retos de cada territorio, como puxeron de manifesto tanto o propio Miguel Corgos como o presidente da Xunta en distintas intervencións no Parlamento Europeo nos últimos meses. Durante unha intensa xornada de reunións, organizada pola Fundación Galicia Europa, Miguel Corgos trasladou a visión do Goberno galego sobre unha posible reforma dos fondos de cohesión para o novo marco de actuación.

O conselleiro de Facenda admitiu que, se ben Galicia comparte o consenso en relación á reforma da política de cohesión para simplificar os instrumentos de financiamento, teme que estes cambios poidan conducir a unha maior centralización.

Por iso defendeu o reforzo do papel dos entes territoriais cun modelo de xestión compartida e unha gobernanza a todos os niveis, para lograr unha política de cohesión máis forte e modernizada. Para isto comprometeu a disposición de Galicia a colaborar coas institucións europeas para consensuar as melloras precisas.

Miguel Corgos pediu autonomía no deseño e xestión das medidas para abordar os obxectivos das políticas europeas nas rexións, para poder mellorar a converxencia económica, social e territorial, abordando as súas diferentes necesidades, ao tempo que se respectan os principios de asociación e subsidiariedade da UE.

Nesta liña se desenvolveu a xuntanza que mantivo co director de Cohesión da Conferencia de Rexións Periféricas e Marítimas, Jorge Núñez, co que conversou sobre o marco actual e futuro da política de cohesión e os novos retos e prioridades da UE, así como da contribución dos fondos de Cohesión 21-27 a estas prioridades.

O conselleiro de Facenda e Administración Pública lembrou a importancia que os fondos da UE teñen no desenvolvemento de Galicia e o esforzo que o Goberno galego fai para optimizar a súa xestión. E destacou, tamén, a exemplar execución que Galicia está a realizar dos recursos comunitarios, cun 100% de execución da axuda asignada dos programas operativos rexionais 2014-2020 de FEDER, FSE e Emprego Xuvenil.

Galicia recibe o 100% dos Fondos de Transición Xusta asignados a España

Miguel Corgos mantivo tamén unha reunión coa directora da Axencia Executiva de Clima, Infraestruturas e Medio Ambiente (CINEA), Paloma Aba, na que constatou que Galicia é a única comunidade autónoma que superou a fase de avaliación da subvención e con estes case 60 M€ recibe o 100% dos Fondos de Transición Xusta asignados a España.

Grazas a conseguir estes recursos, a Consellería de Facenda e Administración Pública puido asinar onte co Banco Europeo de Investimento (BEI) o segundo e último tramo dun préstamo por importe total de 450 M€ para financiar as obras do novo Complexo Hospitalario Universitario da Coruña. Unha infraestrutura sanitaria estratéxica para Galicia, que ampliará a súa capacidade para atender a unha área sanitaria de 550.000 persoas

Ao longo da xuntanza, Miguel Corgos tivo ocasión de trasladarlle á directora da axencia novos proxectos nos que está a traballar a Xunta de Galicia que poderían ser apoiados a través deste organismo.

Priorizar o acceso á vivenda e a descarbonización

O responsable da Facenda galega rematou a xornada cun encontro con responsables do departamento da Vicepresidencia de Cohesión e Reformas da Comisión Europea, para abordar os avances realizados xa pola Xunta de cara á revisión intermedia dos programas comunitarios do marco 2021-2027.

Nesta liña, Corgos confirmou que no marco dos fondos Feder e Fondo Social Europeo, a Comunidade xa está a priorizar actuacións en temas clave como a mellora do acceso á vivenda ou a descarbonización en sectores industriais tan importantes para Galicia como o da automoción, impulsando así a competitividade das empresas.

R., 2025-04-11

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES