Noticias

O novo Plan Estratéxico do Comercio de Galicia 2025-2030 impulsará o sector a través de máis de 70 accións

O novo Plan Estratéxico de Comercio de Galicia 2025-2030 foi presentado pola Xunta de Galicia a través de 74 accións que, cun orzamento de máis de 320 millóns de euros, potenciarán e incrementarán a competitividade, a visibilidade e a gobernanza deste sector, que na nosa comunidades ocupa a máis de 107.000 persoas en máis de 32.000 establecementos, o que fai que Galicia sexa a quinta comunidade de España con maior número de empresas de comercio retallista.

Este plan supón un fito nos esforzos do goberno autonómico para adaptarse a un novo escenario definido polos desafíos globais dun mercado hiperconectado e polas novas tendencias de consumo, recollidos nun proceso de diagnose realizado en colaboración coa Federación Galega de Comercio, e que contou coa participación de máis de 300 representantes de federacións e asociacións de comerciantes, centros comerciais abertos, prazas de abastos, venda ambulante, grandes superficies, artesás, autónomos, cámaras de comercio, persoas consumidoras e administración local.

Que ofrece o novo Plan

O Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030 serve como guía estratéxica con ambiciosas medidas para asegurar o seu futuro. Entre elas, destacan accións para aumentar a visibilidade e dinamización, como a creación dunha marca unificada para o comercio galego e a recuperación de espazos comerciais urbanos en localidades emblemáticas a través do proxecto 'Vilas Vivas'. A planificación tamén se centra en potenciar o traballo de axentes clave do sector para ofrecer experiencias de compra únicas, como os centros comerciais abertos -mellorando a calidade das súas ofertas- e as prazas de abastos, que son motores do territorio e escaparates dos mellores produtos galegos, promovendo o selo 'Mercados Excelentes' e colaborando cos restaurantes da súa contorna a través da iniciativa 'Prato de Mercado'.

A conexión coa xente moza é outra das prioridades, abordándose de dúas maneiras: por un lado, a través de accións como a campaña 'Localízate', que busca que este grupo estableza vínculos co comercio local; e, por outro, prestixiando a actividade comercial para fomentar novas vocacións emprendedoras que aseguren a necesaria remuda xeracional, apoiando proxectos sólidos e viables que se adapten á evolución dos clientes e ás necesidades do territorio.

Compromiso coa competitividade

Entre as diversas medidas para impulsar a competitividade do sector, o documento enfócase en aspectos clave como a promoción da dixitalización, que inclúe accións innovadoras como a creación de espazos de demostración tecnolóxica para comerciantes en feiras de Galicia. Tamén se aposta pola modernización dos espazos comerciais como ferramentas atractivas de venda e por aumentar a capacitación profesional, implementando microformacións dixitais en temas específicos de interese para os negocios ou un plan de formación para os xestores de centros comerciais abertos e prazas de abastos.

Tamén se desenvolverán accións específicas para fomentar o emprendemento e a continuidade de negocios rendibles, buscando sinerxías coa Rede de Polos e atraendo talento de perfís estratéxicos como a mocidade e os galegos que regresan. Asegurar a remuda xeracional é un dos obxectivos principais para a Artesanía de Galicia, promovendo a recuperación de oficios tradicionais con iniciativas como bolsas de aprendices en paralelo ao programa Aprender da Tradición.

Medidas para dinamizar o comercio

En relación co segundo dos eixos, que busca fomentar a visibilidade e o consumo no comercio local (xunto con iniciativas destacadas como os Bonos Activa Comercio ou as xa mencionadas 'Vilas Vivas', 'Prato de Mercado' e 'Localízate', tamén se subliña a colaboración nas Áreas Rexurbe, enfocada na recuperación de conxuntos históricos de vilas e cidades galegas. Tamén hai medidas en favor doutras figuras clave do comercio galego, como o distintivo de calidade Feiras de Galicia para o comercio ambulante, e os obradoiros artesanais (impulsando diferentes vías de comercialización da Artesanía de Galicia e organizando novos programas de divulgación como Artesanía na Escola).

Reforzo da coordinación do sector

Con respecto ao terceiro eixo, o Plan establecerá un modelo activo baseado no coñecemento e na participación de todo o sector, a través da Mesa do Comercio Galego, un instrumento para a adecuada colaboración entre todo o ecosistema e as administracións públicas, en paralelo ao traballo que xa se está realizando a través das mesas locais de comercio, cuxo papel se seguirá fortalecendo. Tamén se promoverá a colaboración en prol do comercio coa Fegamp, as cámaras de comercio e os recintos feirais. Ademais, reforzarase a labor do Instituto Galego do Consumo e da Competencia en defensa dos dereitos das persoas consumidoras e, por conseguinte, da calidade dos servizos do sector comercial.

R., 2025-04-10

Actualidad

Foto del resto de noticias (museo_do_pobo_galego_2.jpg) Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Foto de la tercera plana (cdc-00.jpg) Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.

Notas

O concerto de Sofía Ros na Casa do Saber do Campus de Lugo este luns, 26 de outubro, ás 20.15 horas, abre unha nova semana ateigada de citas culturais na USC. Música, diversos faladoiros, así como proxeccións audiovisuais integrarán os vindeiros eventos do Outono Cultural. Ese mesmo 26 de outubr,o no Pazo de Montenegro, a partir das 17.30 horas, desenvolverase o primeiro dos encontros 'Memoria democrática'. María Valcárcel, profesora da USC e periodista cultural, é a persoa coidadora deste proxecto. O acceso require inscrición previa.
A música folk será neste 2026 a gran protagonista do ciclo Música para reCREAr, que a Vicerreitoría do campus promove coa colaboración do Concello de Pontevedra, ao abeiro dun convenio de colaboración. Esta programación botará a andar este xoves 29 de outubro, ás 20.30 horas, no Pazo da Cultura, cunha actuación do grupo Caldo, mentres que o 12 de novembro, á mesma hora, poderá coñecerse o proxecto musical do dúo Abril.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES