Noticias

A Semana Santa de Galicia achega cultura, tradición e patrimonio con nove festas de interese turístico na comunidade

Dúas Festas de Interese Turístico Internacional e sete de Interese Turístico para Galicia compoñen o máis destacado da oferta da Semana Santa na comunidade. Unha serie de festividades que recollen relixión e tradicións e permiten ás persoas visitantes gozar do rico patrimonio histórico, cultural e artístico destas zonas. Son as festividades de Semana Santa nas vilas de Viveiro e Ferrol as que contan co recoñecemento internacional. As Festas de Interese Turístico para Galicia son a Festa do Santísimo Cristo de Fisterra, a Semana Santa de Cangas, a Semana Santa de Paradela (Meis), a Semana Santa de Betanzos, a Semana Santa de Mondoñedo, a Semana Santa de Santiago de Compostela e a Semana Santa de Lugo.

Desde o venres 11 ou Venres de Dores ata o Domingo de Resurrección, o 20 de abril, a Semana Santa de Viveiro enche as rúas desta vila costeira de solemnidade, como recolle a guía das festividades de interese turístico de Turismo de Galicia. Trátase dunha das de maior tradición na comunidade, varios dos seus pasos posúen grande interese artístico e histórico, remontándose ata o século XV. Un dos máis característicos é o paso da Cea, que sae no Xoves Santo na procesión da Última Cea, creado en 1808 por un artesán que tomou a mariñeiros do veciño porto de San Cibrao como modelos para as figuras dos Apóstolos. O Venres Santo pola mañá ten lugar a procesión do Encontro e o Sermón das Sete Palabras, mentres que pola tarde, realízase o Descendemento ou Desencravo, seguido das procesións do Santo Enterro - a máis luxosa de todas, cos levadores ataviados con negra roupa talar de longa cola e un gran caparucho con anteface- e a da Paixón. Xa de madrugada é o momento do Sermón da Soidade e a Procesión dos Caladiños.

As cinco confrarías da Semana Santa de Ferrol encárganse de transformar a cidade coa súa relixiosidade na semana que vai do Domingo de Ramos ao de Resurrección. Malia que son días de procesións constantes, que recordan a chegada de Xesús a Xerusalén, a súa Paixón, Morte e Resurrección, os actos máis multitudinarios celébranse no Venres Santo. Este día, na praza de Armas da localidade, represéntase o encontro de Xesús Nazareno, camiño do calvario, con San Xoán, a Santa Verónica e a Virxe das Dores. Pola tarde, na procesión do Crucificado, vívese outro dos momentos emotivos, cando tras saír a cruz co Cristo Redentor tombada da capela, os confrades a levantan sobre o seu trono para comezar o percorrido. A procesión dos Caladiños, na que o silencio das persoas participantes so é interrompido polo son dos tambores e o arrastrar de cadeas, péchase coa Salve Regina. Algúns dos pasos destas confrarías datan do século XVIII, o que converte as procesións en espectáculos artísticos, tanto como relixiosos.

Variada programación

Ademais destas, a guía de Turismo de Galicia destaca que hai sete Festas de Interese Turístico da comunidade: a Festa do Santísimo Cristo de Fisterra, a Semana Santa de Cangas, a Semana Santa de Paradela (Meis), Semana Santa de Betanzos, a Semana Santa de Mondoñedo, a Semana Santa de Santiago de Compostela, e a Semana Santa de Lugo.

O máis característico das Festas do Santísimo Cristo de Fisterra son as representacións de distintos momentos da Paixón de Cristo por parte dun grupo de veciños da vila. O Xoves Santo escenifícase a Última Cea e do tradicional lavatorio de pés, así como a oración no Monte das Oliveiras e o prendemento de Cristo, para terminar coa procesión do paso da Oración do Horto. O Domingo de Resurrección, miles de romeiros asisten á representación en verso da chegada das mulleres ao sepulcro e do seu encontro co anxo que lles anuncia a Resurrección. A xornada culmina coa danza de Nosa Señora das Areas ou danza dos Paus.

A Semana Santa de Cangas é a máis madrugadora de todas, con eventos desde o sábado 29 de marzo. Especialmente orixinal é a procesión do Xoves Santo, co Paso da Mesa, na que a escenificación da última cea conta con produtos naturais. O Venres Santo, a mañá ábrese coa procesión da Negación de San Pedro, unha das principais citas de xente nova durante as celebracións destas datas; como nota, unha chocolatada constitúe o peche. Desde entón e ata despois da medianoite vanse articulando distintas escenas para recrear as últimas horas de Cristo e as personaxes que o acompañaron.

A parroquia de Santa María de Paradela, en Meis, Pontevedra, acolle unha das Semanas Santas galegas máis peculiares, cunha coidada representación das principais escenas destes días que desde 1993 organiza a Confraría de Semana Santa e Pascua. Nestas recreacións, o público participa activamente, o que axuda a dotar de maior realismo ás escenas. As datas centrais da Semana Santa acollen todas cadros deste tipo. Así, o Domingo de Ramos pódese asistir á entrada triunfal en Xerusalén. O Xoves Santo represéntase a última cea de Xesús, a oración no Horto das Oliveiras, o prendemento e o Xuízo do Sanedrín no adro da igrexa. Durante o Venres Santo escenifícanse as derradeiras horas da vida de Xesús, co prendemento, o Vía Crucis, a Paixón, o Desencravo e o Santo Enterro. O Domingo de Pascua ponse o peche coa mostra da Resurrección de Xesús.

A Semana Santa de Betanzos caracterízase por engadir á parte máis devota unha interesante programación musical. O VIII Ciclo de Música Sacra, celebrado este ano do 12 ao 14 de abril, abre o tempo de programación, acompañando ás principais procesións e cerimonias.

Tamén a Semana Santa de Lugo combina a relixiosidade propia das datas coa música sacra, nunha serie de actuacións previas aos días centrais. A singularidade das celebracións vén dada polo privilexio da exposición permanente do Santo Sacramento no altar maior da Catedral. Isto configura unha Semana Santa especial en toda España, xa que, desde o ano 1963, a procesión do Xoves Santo é a única no país en que a Sagrada Forma sae de procesión polas rúas da cidade.

A tradicional Semana Santa de Mondoñedo remóntase no tempo ao século XVI, cunha experiencia máis sobria e contida, na que a emotividade dos desfiles se vive a través do recollemento. O Vía Crucis do Mércores Santo leva ata a Capela de San Brais do Mosteiro dos Picos. A catedral concentra algúns dos principais actos, como a celebración da Cea e da Paixón ou do Domingo de Resurrección. Nos días grandes, distintas procesións percorren as rúas da localidade.

Como punto de chegada dos Camiños de Santiago, a capital galega conta tamén cunha longa tradición espiritual e relixiosa que se exemplifica nun rico calendario para a Semana Santa. Os distintos actos percorren as rúas da cidade de forma continuada desde o venres de Paixón ou de Dores ata o Domingo de Resurrección, con saídas ou paradas nalgúns dos templos centrais da vila, como a igrexa de San Francisco, a de Santa María do Camiño, das Mercedarias ou a propia Catedral. A programación péchase o domingo 27, co traslado do Santísimo Cristo da Paciencia.

Diversificación

Esta rica programación constitúe unha boa mostra non só do aporte do turismo cultural á comunidade, senón tamén da diversificación da oferta. Desde Turismo de Galicia promóvese a posta en valor de citas e celebracións en localidades e puntos xeográficos máis aló dos grandes núcleos co fin de revalorizar o rico patrimonio cultural, material e inmaterial que hai no territorio.

R., 2025-04-16

Actualidad

Foto del resto de noticias (museo_do_pobo_galego_2.jpg) Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Foto de la tercera plana (cdc-00.jpg) Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.

Notas

O concerto de Sofía Ros na Casa do Saber do Campus de Lugo este luns, 26 de outubro, ás 20.15 horas, abre unha nova semana ateigada de citas culturais na USC. Música, diversos faladoiros, así como proxeccións audiovisuais integrarán os vindeiros eventos do Outono Cultural. Ese mesmo 26 de outubr,o no Pazo de Montenegro, a partir das 17.30 horas, desenvolverase o primeiro dos encontros 'Memoria democrática'. María Valcárcel, profesora da USC e periodista cultural, é a persoa coidadora deste proxecto. O acceso require inscrición previa.
A música folk será neste 2026 a gran protagonista do ciclo Música para reCREAr, que a Vicerreitoría do campus promove coa colaboración do Concello de Pontevedra, ao abeiro dun convenio de colaboración. Esta programación botará a andar este xoves 29 de outubro, ás 20.30 horas, no Pazo da Cultura, cunha actuación do grupo Caldo, mentres que o 12 de novembro, á mesma hora, poderá coñecerse o proxecto musical do dúo Abril.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES