Noticias

A gripe en Galicia continúa con tendencia decrecente e mantén unha intensidade baixar

A Consellería de Sanidade, a través da Dirección Xeral de Saúde Pública, publica na súa páxina web o informe de actividade das infeccións respiratorias agudas correspondente á semana 14 do ano, que determina que a intensidade da gripe en Galicia se mantén baixa e con tendencia estable. Segundo os datos, a taxa de consultas por gripe nos servizos de atención primaria diminuíu un 22 % e fica en 25,8 por 100.000 habitantes. O descenso da taxa obsérvase en todos os grupos de idade, agás no de 0 a 4 anos, no que aumentou un 14 %. Por áreas sanitarias, a taxa de consultas foi inferior á da semana anterior en todas elas.

A rede de farmacias sentinela, que nesta campaña están a remitir os seus datos á Dirección Xeral de Saúde Pública, reflicte que a taxa de dispensación de antigripais e probas de antíxenos descendeu respecto da semana anterior.

En canto aos ingresos hospitalarios, na semana 14 do ano ingresaron 191 persoas con gripe confirmada, un 1 % menos que na semana anterior (193). A taxa de ingresos no conxunto da poboación foi de 7,1 por 100.000 habitantes, sendo o grupo de 80 e máis anos o único no que a taxa aumentou. En canto ás áreas sanitarias, a taxa de ingresos só aumentou na de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, e moi lixeiramente na de Santiago de Compostela e Barbanza.

No que vai de tempada, notificáronse 3.297 ingresos por gripe, a maioría deles, 2.883, con virus do tipo A.

Respecto da positividade das mostras estudadas para virus do tipo A, foi do 14,2 %, o que supón un descenso respecto da semana anterior (15,3 %). A positividade das mostras estudadas para virus do tipo B foi do 0,4 %, polo que a positividade dos virus da gripe foi do 14,6 %, inferior á da semana anterior (16 %).

O informe de actividade das infeccións respiratorias agudas indica que ingresaron 14 persoas con covid confirmada, un 39 % menos que na semana previa (23 ingresos). Por grupos de idade, a taxa non aumentou en ningún deles e en relación ás áreas sanitarias, observouse certa estabilidade, con lixeiro ascenso na área de Pontevedra-O Salnés.

Estimación

Segundo se recolle no informe, a estimación puntual do modelo de predición suxire que nas vindeiras dúas semanas a taxa de consultas por gripe descenda de 25,8 consultas por 100.000 habitantes a 22,5 e 20,1 nas semanas 15 e 16.

O escenario desta semana amosa unha tendencia decrecente da actividade gripal, observándose unha diminución da taxa de consultas do 22,2 % en comparación coa semana previa.

Polos datos deste informe, consolídase a tendencia decrecente da actividade gripal, que descendeu un 53,6 % nas últimas seis semanas, cun descenso medio semanal do 9 %. De seguir con esta tendencia, é posible que na vindeira semana se acade o nivel basal e se poida dar finalizada a onda de gripe.

A Xunta lembra a recomendación do uso da máscara en pacientes con síntomas respiratorios, ademais dos seus acompañantes e visitas, e no caso dos profesionais que os atenden, así como en determinados grupos de risco ou dispositivos asistenciais como poden ser as urxencias hospitalarias.

R., 2025-04-10

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES