Noticias

Rueda reivindica no balance do seu primeiro ano de lexislatura un Goberno 'con rumbo claro, responsabilidade e identidade propia'

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, protagonizou hoxe un acto institucional para facer balance do seu primeiro ano de lexislatura, xusto cando van doce meses da súa investidura tralos comicios autonómicos de 2024. No encontro, celebrado baixo o lema Estilo Galicia e acompañado do seu Executivo, Rueda subliñou que a súa forma de gobernar está marcada 'polo compromiso co traballo ben feito, a escoita activa e a estabilidade institucional'.'Galicia avanza con paso firme, sen ruído, sen confrontacións e sen mirar a corto prazo', asegurou o xefe do Goberno autonómico, quen reivindicou a importancia de facer política 'desde o sentidiño, a esixencia e a vocación de servizo'.

Neste senso, fixo fincapé no estilo de goberno da Xunta: un modelo baseado 'no rigor, na estabilidade e na acción'.

Rueda destacou na súa intervención algúns fitos acadados neste primeiro ano, facendo especial mención aos avances en materia de sanidade, educación, economía e política social. Entre eles, a consolidación do calendario vacinal máis avanzado de Europa; a educación universitaria gratuíta, sendo Galicia pioneira neste eido; a aposta pola vivenda pública, duplicando o parque público; ou a reactivación do rural galego, con Galicia como líder en produción láctea a nivel estatal.

Tamén puxo en valor o liderado de Galicia en enerxías renovables (cun 84,6% da súa enerxía procedente de fontes limpas) e o traballo en sectores como a automoción, a biotecnoloxía, a loxística e a industria conserveira.

Un proxecto que non deixa a ninguén atrás

O titular do Executivo galego incidiu na importancia de gobernar 'con alma, esixencia e sentidiño', e reafirmou que Galicia 'non deixa a ninguén atrás'. Mencionou a posta en marcha de medidas pioneiras como o Bono Coidado, o reforzo de prazas públicas en política social (superior ás 16.000) e a Estratexia Retorna, que permitiu no último ano a volta de 8.500 galegos do exterior, o mellor dato histórico rexistrado.

Tamén defendeu con firmeza o papel de Galicia na defensa das súas competencias, en especial no relativo á recente transferencia de xestión do litoral, reclamando 'un trato xusto sen complexos, con responsabilidade e sen renuncias'.

O presidente quixo tamén facer un recoñecemento público ao seu equipo de goberno, destacando o labor conxunto e a cohesión do Executivo. 'Aquí gañamos e erramos xuntos. Porque isto é un equipo, e así se comporta', afirmou.

Concluíu asegurando que o balance deste primeiro ano é positivo, pero advertindo que 'o mellor está por vir'. 'Galicia', dixo, 'está preparada para liderar, para innovar e para coidar o seu territorio cun proxecto estable e un estilo propio: o estilo Galicia'.

R., 2025-04-15

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES