Buscador
Noticias
O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, afirmou hoxe que Galicia contará coa primeira lexislación rexional para o desenvolvemento dunha intelixencia artificial ética, segura, fiable e centrada nas persoas. Durante a súa intervención no debate de totalidade do Proxecto de Lei, Miguel Corgos recordou que esta norma nace con tres obxectivos principais: dispoñer dunha IA segura e salvagardar os dereitos da cidadanía, mellorar a eficacia da Administración autonómica e a súa relación coa cidadanía e consolidar a Galicia como rexión de referencia en Europa nesta materia.
Galicia vén de rexistrar un novo fito para o sistema sanitario público galego tras acadar 10.000 transplantes de órganos realizados na comunidade desde que se iniciou o programa, en 1981. No ano 1981, o Hospital Público da Coruña realizaba a primeira intervención do programa galego de transplante renal. Na actualidade, a comunidade galega xa contabiliza 5.168 transplantes deste órgano. Do mesmo xeito, en 1991, Galicia iniciaba o seu programa de transplante de corazón, un ámbito no que xa se está a achegar ao milleiro de intervencións, cun total de 959 transplantes. No ano 1994 asentábanse no sistema sanitario público galego os programas de transplante hepático nas áreas sanitarias de Santiago e Barbanza e na da Coruña e Cee. Neste caso, os dous hospitais de referencia acumulan un total de 2.803 transplantes de fígado.
O Centro GaiásTech da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia lanza unha nova actividade enmarcada nas actuacións para fomentar as vocacións femininas STEAM. O taller Ecocápsulas do Futuro: Supervivencia e Tecnoloxía nun Clima Cambiante terá lugar os días 10 e 24 de abril, véspera do Día Internacional das Rapazas nas TIC. A apertura hoxe do prazo de inscrición coincide co Día Internacional de Muller e a Nena na Ciencia. A actividade está aberta a nenos e nenas de 9 a 13 anos que terán a oportunidade de deseñar, construír e automatizar a súa propia ecocápsula e aprenderán a controlar o ambiente interno dese espazo, empregando tecnoloxía de control ambiental e deseño 3D.
A mostra leva o Camiño de Santiago ata novas formas de expresión, como son o cómic e a banda deseñada e artéllase arredor da publicación 'A aventura xacobea de Simón Martel', centrada na adolescente que lle da nome. Esta é unha personaxe de longa tradición no cómic galego, protagonista de sete libros desde 1994. Martel lánzase a percorrer o Camiño cos seus tíos e un amigo. Durante o percorrido vanse cruzando con distintos personaxes reais e situacións a través das que repasar a historia e a importancia das peregrinacións a Santiago.
O Banco de explotacións entrará en funcionamento de inmediato, coa publicación da Orde coa adopción de modelos normalizados para a xestión do Banco. Esta norma permitirá, na práctica, a inclusión dunha explotación no Banco por parte das persoas titulares que pretendan cesar na súa actividade e, por outra banda, tramitar a solicitude de intermediación para o acceso a unha explotación do Banco por parte de persoas interesadas no seu arrendamento, permuta ou adquisición. Esta posibilidade constitúe unha oportunidade tanto para o titular da explotación como para o titular que asume a xestión dunha explotación viable. Por unha banda, os cedentes, titulares de explotacións agrarias familiares, poderán complementar á súa pensión de xubilación cos ingresos xerados polo arrendamento ou venda da súa explotación. Por outra parte, os agricultores mozos ou novos agricultores poderán acceder á xestión dunha explotación en funcionamento e viable.
Galicia pechou o ano 2024 cun superávit do 0,2%, acadando o 100% de execución do orzamento, con 846,5 millóns de euros máis gastados respecto ao 2023, e ao mesmo tempo, reducindo a débeda. Así o reflicte o informe presentado ao Consello da Xunta polo titular da Consellería de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, relativo ao peche do exercicio do 2024. Neste sentido, o esforzo investidor da Comunidade alcanzou o 16,5%, manténdose nas cifras máximas xa acadadas en 2023 (16%). A Xunta investiu 2.181M de euros, unha das cifras máis altas da historia, incrementándose o investimento real en máis de 200 millóns de euros con respecto ao ano anterior. Tamén se reforzaron os gastos correntes, principalmente vinculados a Sanidade, Educación e Servizos Sociais, con máis de 772 millóns de euros, que elevaron a súa execución ao 106%.
Galicia foi a primeira comunidade autónoma en adaptar a súa normativa ao Marco europeo, creando o Marco galego de competencias dixitais, que acredita coñecementos en 21 competencias agrupadas en cinco áreas. As acreditacións fóronse implantando no ámbito educativo e no sector público e en 2024 convocáronse as primeiras probas para a cidadanía. Para este 2025 están xa fixadas as probas para a obtención do certificado nos tres ámbitos.
Tivo lugar o Comité de Autoridades Competentes da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, no que, entre outras cuestións, se aprobou por unanimidade a actualización e revisión da avaliación preliminar do risco de inundacións (EPRI) para o ciclo 2028-2033. Esta aprobación supón un paso previo fundamental para o desenvolvemento do Plan de xestión de risco de asolagamentos así como do Mapa de perigosidade xa que incorpora a proposta de Áreas con risco potencial significativo de inundación (ARPSI). Nese senso, esta nova planificación incorpora dúas novas ARPSIS fluviais.
A Academia Galega do Audiovisual deu a coñecer as candidaturas finalistas dos seus XXIII Premios Mestre Mateo, así como os detalles da cerimonia de entrega que terá lugar no Concello de Lalín o vindeiro 15 de marzo. A actual edición dos galardóns bateu o récord de candidaturas inscritas, tanto nos apartados de produción, cun total de 199 obras, como de profesionais, con 536 participantes. A categoría de longametraxes mantivo a cifra do ano pasado, con 10 filmes, en tanto que as de programa de televisión, curtametraxe en imaxe real e curtametraxe de animación superaron a marca de aspirantes de toda a historia dos premios.
O secretario xeral Técnico e do Tesouro, David Cabañó, destacou hoxe no Parlamento que a condonación da débeda das comunidades sería 'un mal negocio para Galicia', ao incrementar en 470 euros a débeda por habitante. En resposta a unha pregunta oral, David Cabañó incidiu en que a condonación é unha redistribución da débeda, é dicir, non desaparece, senón que se redistribúe entre todos os españois, prexudicando ás comunidades menos endebedadas. Así, no caso de Galicia, cada galego deixaría de asumir 896 euros de débeda galega e pasaría a ter que asumir 1.366 euros de débeda do conxunto das CC.AA. Así mesmo, lembrou que a condonación tampouco daría ás comunidades unha maior capacidade de gasto, ao non permitir utilizar o importe para incrementar políticas de gasto.