
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe a posta en marcha esta semana do novo Banco de explotacións que vai promover a remuda xeracional no agro galego e evitar o peche de empresas agrogandeiras. A previsión é que con este instrumento, previsto na Lei de recuperación da terra agraria, se poda facilitar a transmisión de case 140 explotacións ata 2026.
O Banco de explotacións entrará en funcionamento de inmediato, coa publicación, este mesmo mércores, da Orde coa adopción de modelos normalizados para a xestión do Banco. Esta norma permitirá, na práctica, a inclusión dunha explotación no Banco por parte das persoas titulares que pretendan cesar na súa actividade e, por outra banda, tramitar a solicitude de intermediación para o acceso a unha explotación do Banco por parte de persoas interesadas no seu arrendamento, permuta ou adquisición.
Esta posibilidade constitúe, en consecuencia, unha oportunidade tanto para o titular da explotación (cedente) como para o titular que asume a xestión dunha explotación viable (cesionario). Así, por unha banda, os cedentes, titulares de explotacións agrarias familiares, poderán complementar á súa pensión de xubilación cos ingresos xerados polo arrendamento ou venda da súa explotación. Por outra parte, os agricultores mozos ou novos agricultores poderán acceder á xestión dunha explotación en funcionamento e viable.
Cómpre salientar que o proceso de transmisión de explotacións estará tutelado pola Administración autonómica, a través da rede de oficinas rurais. Calquera persoa interesada poderá dirixirse á súa oficina rural para informarse sobre este tema e recibir asesoramento.
Ademais, tal e como adiantou Rueda, a partir desta semana tamén iniciará a súa operatividade o visor público do Banco, unha ferramenta informática situada na páxina da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural que, unha vez resoltas as solicitudes de inclusión, permitirá localizar e visualizar as características das explotacións que están incluídas no Banco.
Todo isto suporá a entrada en funcionamento do Banco de Explotacións, creado en virtude ao establecido pola devandita Lei de recuperación, co fin de garantir a remuda xeracional e o contacto entre persoas titulares de explotacións que cesan ou van cesar a súa actividade e as interesadas en asumir a súa xestión, mediante compra ou arrendamento.
Axudas da Xunta para a sucesión
Tal e como explicou o presidente, en paralelo a posta en marcha desta plataforma, a Xunta vai lanzar unha convocatoria de axudas á cooperación para a sucesión de explotacións. Será unha achega de 2,1 millóns de euros no período 2025-2029 destinada á persoa cedente da explotación e que se convocará en breve.
Ademais, as persoas cesionarias poderán acceder ás axudas planificadas dentro do Plan Estratéxico da PAC (PePAC) 2023-2027. Achegas como as destinadas á incorporación de persoas mozas á actividade agraria, unha liña xa existente; tamén, as axudas á incorporación de persoas novas agricultoras á actividade agraria, unha liña posta en marcha en 2024; e as subvencións para investimentos en explotacións agrarias, liña tamén xa existente.
Outra medida adoptada para a posta en marcha do Banco é o Xesbex, unha ferramenta informática habilitada pola Consellería do Medio Rural para administrar tanto as solicitudes de inclusión de explotacións como as peticións de intermediación para o acceso a unha delas.
A maiores, deuse un impulso á formación para o asesoramento a través das oficinas rurais e así, ao longo do ano 2024, desenvolveuse unha actividade formativa específica relacionada coa posta en marcha do banco dirixida ao persoal destes centros da Consellería repartidos por todo o territorio. A acción centrouse na elaboración de material didáctico e formación de asesores na transmisión de explotacións a través do Banco de explotacións mediante venda ou arrendamento. Cómpre ter en conta, neste sentido, que o proceso de transmisión de explotacións estará tutelado, precisamente, pola administración autonómica, a través da rede de oficinas rurais.
A entrada en funcionamento deste Banco terá unha incidencia directa na sustentabilidade do sector primario, na medida en que favorecerá a continuidade das explotacións agrarias, que contribúen á xestión do territorio, a fixar poboación e a xerar riqueza e emprego no rural, entre outras aportacións. Ao mesmo tempo, é unha aposta para que a xente decida quedarse e emprender no rural que pivota sobre tres principios reitores básicos: a voluntariedade, a rendibilidade e a sustentabilidade.
Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.