
Así mesmo, afirmou que o seu bo uso proporcionará vantaxes competitivas esenciais ás empresas e facilitará resultados positivos en sectores tan importantes como a saúde, a agricultura, a educación, a administración de infraestruturas, a enerxía, o transporte, os servizos públicos, a seguridade e a xustiza.
Igualmente, subliñou que a Lei regula o uso por parte da Administración dunha tecnoloxía que permite mellorar as predicións para axudar a tomar decisións, optimizar operacións e personalizar solucións dixitais.
Esta tecnoloxía permite tamén reducir tempos e liberar ás persoas que traballan na Administración de tarefas repetitivas ou de busca de documentación, engadiu, destacando que, durante a pandemia, empregáronse sistemas intelixentes para a tramitación de Expedientes de Regulación Temporal de Emprego, que permitiron adiantar en máis dun mes a recepción das prestacións por parte das persoas afectadas.
Nesta mesma liña, e a modo de exemplo, recordou a posta en marcha, no ámbito da saúde, dun proxecto piloto para o uso da intelixencia artificial na detección precoz do cancro de mama. E, no medio rural, resaltou o desenvolvemento dun sistema de Inspeccións Intelixentes Avanzadas para mellorar a eficiencia dos controis derivados da Política Agraria Común.
O conselleiro de Facenda e Administración Pública incidiu en que a nova lei regula que sistemas de IA se poden desenvolver ou comprar desde a Administración e como se deben usar; asegura que as persoas teñan sempre a última palabra, e establece cal é a responsabilidade e funcións de cada un dos servidores públicos e entidades no proceso de planificación e implantación desta tecnoloxía. Ademais de fomentar a implantación dunha intelixencia artificial axeitada aos intereses estratéxicos de Galicia, por parte das empresas e da sociedade no seu conxunto.
Estamos a falar dunha aposta polo futuro, pola innovación e polo benestar da sociedade, dixo, resaltando que o novo texto contribuirá a construír unha Galicia máis intelixente e competitiva.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.