
O secretario xeral Técnico e do Tesouro, David Cabañó, destacou hoxe no Parlamento que a condonación da débeda das comunidades sería "un mal negocio para Galicia", ao incrementar en 470 euros a débeda por habitante.
En resposta a unha pregunta oral, David Cabañó incidiu en que a condonación é unha redistribución da débeda, é dicir, non desaparece, senón que se redistribúe entre todos os españois, prexudicando ás comunidades menos endebedadas. Así, no caso de Galicia, cada galego deixaría de asumir 896 euros de débeda galega e pasaría a ter que asumir 1.366 euros de débeda do conxunto das CC.AA.
Así mesmo, lembrou que a condonación tampouco daría ás comunidades unha maior capacidade de gasto, ao non permitir utilizar o importe para incrementar políticas de gasto. "É dicir, non é certo que se poida dedicar o importe da quita a sanidade, a educación ou a dependencia. Unicamente se deixaría de pagar unha cantidade de xuros que tería que pagar o Estado e que, polo tanto, tería que detraer doutras políticas de gasto nos orzamentos de cada ano", explicou, facendo fincapé en que só as comunidades máis endebedadas sairían beneficiadas.
Diante deste panorama, o secretario xeral Técnico e do Tesouro afirmou que o prioritario para Galicia é negociar un modelo de financiamento que teña en conta aquelas variables que determinan que o custe de prestar os servizos en Galicia é superior que noutros territorios. A diferencia da condonación da débeda, a mellora do sistema de financiamento si nos permite ter unha maior capacidade de gasto e si nos permite mellorar a prestación dos servizos, incidiu.
Nesta liña, concluíu recordando que o Acordo adoptado no Parlamento de Galicia en 2023 non pon nada de que se estea a favor dunha quita de débeda, senón que pon o foco no importante, en que se aborde a reforma ponderando o custe que supón a dispersión e o avellentamento, nun modelo xusto de financiamento da Administración Local e que se trate a todas as comunidades por igual, sen que se produzan agravios.
O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.