
No ano 1999 a comunidade galega rexistraba a incorporación de dous novos programas de transplantes de órganos. En concreto, o programa de transplante pulmonar, que conta con 942 intervencións realizadas desde a súa posta en marcha; e o programa de transplante de páncreas, que nos seus primeiros 25 anos de instauración acumula 128 operacións.
A Xunta lembra que acadar estas cifras non sería posible sen a xenerosidade das 3.487 persoas doantes falecidas e das súas familias, así como das 468 persoas que doaron o seu ril en vida.
Así, a solidariedade da poboación galega, engadida á colaboración establecida entre o Servizo Galego de Saúde e Oficina de Coordinación Autonómica de Transplantes da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), posibilita que a comunidade estea a conseguir cifras récord en transplantes e doazón de órganos.
Nesta liña, o ano 2024 rematou coa mellor cifra histórica neste ámbito ao rexistrar un total de 424 intervencións, un 28 % máis que no ano anterior.
Galicia pechou o ano 2024 coa maior taxa de doantes de órganos por millón de habitantes cun 50,7, desde a creación da Organización Nacional de Transplantes no 1989.
Ademais, tamén finalizou o exercicio coa menor cifra de pacientes á espera de transplante da súa historia, cun total de 193 persoas.
Na actualidade, 8 de cada 10 familias din si á doazón en Galicia.
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, instou ao Goberno central a paralizar a suba dos prezos da AP-9 para 2027 e que os conxele como a Xunta fará coas autoestradas de titularidade autonómica. Allegue respondeu a unha interpelación sobre a situación da autoestrada no Parlamento autonómico, e apuntou que a suba prevista para AP-9 e AP-53 é dun 5% e un 4% respectivamente, o que as converte nas máis caras de España. Incidiu en que nesta lexislatura houbo un incremento dun 20% nos prezos mentres que nas da Xunta non houbo ningún aumento.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, reclamou en Bruxelas 'financiamento suficiente, estabilidade e seguridade' para a nova PAC. Foi durante a súa intervención no evento da Coalición Agriregions, no Comité Europeo das Rexións, no que estivo acompañada polo director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño. Na organización da xornada tomou parte a Fundación Galicia Europa, que prestou apoio técnico á delegación galega na capital comunitaria para participar nesta reunión conxunta con membros do Parlamento Europeo e do devandito Comité das Rexións.