Buscador
Noticias
A Cidade da Cultura presentou o resultado das últimas Residencias Artísticas do Gaiás de 2024, correspondentes aos catro proxectos beneficiarios da liña de axudas promovida pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. Catro iniciativas contemporáneas que abordan temáticas como a situación do acceso á vivenda, as representacións do colectivo LGBTI+ no rural galego e na cultura portuguesa, a aplicación de técnicas de alta costura á creación de esculturas téxtiles e a creación de música a partir de cartas náuticas.
Galicia rexistrou o pasado mes de outubro un incremento da demanda hoteleira, medida en noites, do 4,8% e un crecemento tamén da cifra de viaxeiros aloxados do 5,6%, mentres que o crecemento medio do conxunto de España foi do 4,7% en pernoitas e do 3,7% en número de viaxeiros. O turismo galego medra, con 510.524 viaxeiros en outubro, case dous puntos por riba do indicador nacional, alcanzando así o valor máis elevado dos últimos once anos no mes de outubro.Confírmanse así os avances de resultados da política desenvolta pola Xunta de Galicia para desestacionalizar o turismo fóra da tempada alta e garantir unha actividade sostible durante todo o ano.
O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, participou na sesión plenaria do Comité Europeo das Rexións (CdR). Na súa intervención no debate sobre a política de cohesión posterior a 2027, reclamou que as rexións sigan tendo un papel relevante na planificación e xestión dos fondos. Gamallo explicou que Galicia está aberta á simplificación desta política dende un enfoque baseado no rendemento, pero loitará por preservar os programas rexionais dos fondos europeos.
A mostra Convidadas: dúas miradas de Zuloaga estará aberta ao público ata o vindeiro 23 de febreiro de 2025 na sala cinco do Museo de Belas Artes da Coruña. As obras seleccionadas son dous retratos do artista Ignacio Zuloaga (1870-1945), pintados ambos en París en 1912, que exemplifican o seu amplo labor como retratista. Son dúas figuras femeninas, o Retrato da señora Mlinowska, a Rusa, e A bailaora Antonia, a galega, que ofrecen dúas visións diferentes da maneira de concibir a imaxe da muller por parte de Zuloaga.
Presentouse hoxe o programa 'Os trazos de Risco', unha iniciativa que contará con cinco pezas audiovisuais para homenaxear a Vicente Risco coincidindo co 140ª aniversario do seu nacemento. Trátase dunha iniciativa que conta coa colaboración do Goberno galego e que afonda nas distintas facetas do autor. Este programa afondará na vida e obra do ourensán Vicente Risco, un home que desenvolveu as súas inquedanzas en diversos eidos, como o literario ou o político, que pertenceu á Xeración Nós e que deixou unha herdanza cultural que perdura ata os nosos días. O programa está composto por cinco conversas que se gravaron no Teatro Principal de Ourense.
O expositor da Consellería de Educación foi realizado polo Centro de Innovación Educativa e Dixital. Este stand chamou a atención dos asistentes a feira polo emprego da IA, tecnoloxías innovadoras, unha pantalla holográfica e distintos vídeos divulgativos nos que explican os programas de innovación educativa da Xunta, entre os que destacan o Plan de nova arquitectura pedagóxica, os Polos Creativos ou o Plan MEGA de mellora educativa. Tamén o traballo que se realiza desde o Centro da Innovación da FP Eduardo Barreiros e a potente rede de centros integrados de Formación Profesional.
Gastro Movida Summit contará con 24 accións, showcookings, obradoiros de coctelería, competición de startups e máis de 80 relatores, entre os que destacan 5 chefs Estrela Michelín como Pepe Solla, de Casa Solla; Rafa Centeno, de Maruja Limón; Alberto G. Preclic, de Silabario, e Lydia del Olmo e Xosé Magalhaes, de Ceibe. Tamén asistirán sumilleres de primeiro orde no panorama nacional como Tomás Ucha, de DiverXo (3 Estrellas Michelín); Ebelia Mora, de Pepe Vieira (2 Estrellas Michelín), Esther Daporta, de Yayo Daporta (1 Estrella Michelín), Estefanía Rodríguez Alves, de Culuca; ou Carlos Taboada, de Hotel Santo Mauro Madrid.
aRi(T)mar Galiza e Portugal é un proxecto didáctico-cultural desenvolvido pola Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela, dependente da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, ten por obxectivo divulgar a música e a poesía galego-portuguesas actuais para achegar mutuamente a cultura e a lingua de ambas rexións, no marco do fortalecemento dos vínculos coa lusofonía e na promoción do ensino do portugués. A gala, que estará conducida por Chévere, contará ademais coas actuacións dos premiados na categoría musical. A entrada será de balde e sen necesidade de reserva previa.
As xornadas, celebradas na sede da Fundación RIA, presidida por David Chipperfield, desenvolveranse os vindeiros catro días e contarán coas intervencións de expertos do urbanismo, da mobilidade, da vivenda ou da cohesión social. Nas distintas mesas reuniranse experiencias de éxito nacionais e internacionais e tamén locais. Nestes encontros terá lugar o intercambio de experiencias sobre asuntos como a singularidade territorial galega, conxugando o urbano e o rural; o equilibrio entre a contorna construída e o natural; o sistema de circularidade; a investigación e formación; a gobernanza ou a planificación vinculante da política estratéxica e a realidade.
O primeiro premio en moda recaeu no traballo Corpus Christi, presentado por Uxía Loureiro Caamaño, de Ponteareas, que homenaxea á recoñecida festividade do seu municipio cunha colección baseada na arte floral con cores vivas e chamativos estampados e que está dedicada especialmente ás mulleres alfombristas. No segundo lugar destacou con Lilas a viguesa Ana Román Rodríguez, con pezas inspiradas na pintura de Monet e no deseñador Paco Rabanne.