
A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, asistiu hoxe á fase final das categorías de moda e deseño de xoias do Xuventude Crea 2024, dúas das especialidades máis consolidadas e concorridas deste certame co que o Goberno galego impulsa o talento da mocidade en moi diferentes disciplinas, 16 en total.
Nesta cita decidiuse que o primeiro premio en moda recaese no traballo Corpus Christi, presentado por Uxía Loureiro Caamaño, de Ponteareas, que homenaxea á recoñecida festividade do seu municipio cunha colección baseada na arte floral con cores vivas e chamativos estampados e que está dedicada especialmente ás mulleres alfombristas. No segundo lugar destacou con Lilas a viguesa Ana Román Rodríguez, con pezas inspiradas na pintura de Monet e no deseñador Paco Rabanne. Pola súa banda, o terceiro recoñecemento foi outorgado a Laura Villar Loureiro, de Guitiriz, que co proxecto Lembranza que busca representar a esencia dos oficios e a artesanía tradicional de Galicia.
No acto, o xurado tamén elixiu os mellores deseños de xoias. Así, en primeiro lugar foi seleccionada Raquel Martín Míguez, de Rois, con Orixe, un conxunto de colar, pendentes e anel de prata e cuarzo. O segundo posto acadouno Yago Piñeiro Portela, de Cangas, cun xogo de colar e pendentes elaborados en prata e plástico co título Orquídeas. Isani Diana Gil Antón fíxose co terceiro dos recoñecementos con A armonía do origami e o metal composto por un pasador, un pendente e un broche de prata e papel.
As pezas están expostas na Igrexa da Universidade de Santiago, na Praza de Mazarelos, abertas ao público en xeral ata o 6 de decembro.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.