Actualidad de Tecnología

Noticias tecnologia

Foron presentados os comités que asesorarán o Proxecto Xenoma Galicia, a nova iniciativa sanitaria coa que a Xunta recompilará o ADN de 400.000 galegos e galegas, co obxectivo de poder detectar enfermidades antes de que aparezan, diagnosticalas dun xeito precoz e ofrecer tratamentos farmacolóxicos individualizados. O devandito proxecto, permitirá identificar as variantes xenéticas das persoas que, con idades comprendidas entre os 35 e os 65 anos, participen neste programa. Así, o conselleiro destacou o seu carácter “de país”, de acordo ao grande valor científico-sanitario que terá a recollida e secuenciación destes datos xenéticos.
A Axencia Galega da Calidade Alimentaria participará no proxecto europeo AgrifoodTEF (Testing and Experimenting Facilities), que ten como fin a incorporación da intelixencia artificial e tecnoloxías robóticas ao sector agroalimentario e forestal. A Axencia forma parte dunha iniciativa que, en total, mobilizará 60 millóns de euros nos próximos catro anos. Este orzamento está repartido entre nove Estados membro da UE (Alemaña, Austria, Bélxica, España, Francia, Holanda, Italia, Polonia e Suecia) con 30 entidades participantes.
A nova plataforma, que se insire dentro do Plan Obesidade Zero, estrutúrase ao redor de catro grandes eixos que teñen por obxectivo contribuír ao mantemento dunha boa saúde entre os galegos e galegas. En concreto, a alimentación saudable, a realización de actividade física, o coidado do benestar emocional e a prevención de condutas adictivas. Deste xeito, Sanidade Mediaverso contén recursos dixitais, audiovisuais, aplicacións, xogos e programas de realidade aumentada e virtual, nos que se achegan solucións para acadar un estado de saúde óptimo, e cuxas destinatarias son persoas de todas as idades.
Desde 1993, o Cesga foi varias veces líder a nivel estatal en capacidade de cálculo, destacando o fito de converterse no ano 2007 en Infraestrutura Científico-Tecnolóxica Singular como membro da Rede Española de Supercomputación. En 30 anos, o centro multiplicou por 2 millóns a potencia do primeiro supercomputador, por 250.000 a capacidade de memoria e por 3 millóns a de almacenamento. O nacemento do Cesga coincidiu coa extensión do uso de internet en Galicia a través da RedIris. Entre os seus maiores activos atópanse os seus recursos humanos, que pasaron de 6 a 51, e a ampla comunidade de usuarios, que pasou de 89 a máis de 1.150 actualmente.
A súa finalidade é impulsar a colaboración entre os distintos axentes de demanda e oferta tecnolóxica dunha forma áxil, directa e aberta, para acelerar o proceso de desenvolvemento tecnolóxico, valorizar o coñecemento e que as pemes atopen os recursos e capacidades que precisan para innovar. InnovaRede nace con información de 35 axentes de I+D+i de Galicia e coa aspiración de seguir medrando. A plataforma recolle unha síntese de información priorizada de cada un deles sobre quen son, onde se atopan, como contactalos e a que se dedican. En total, a ferramenta inclúe 750 patentes, 3700 publicacións e 3500 proxectos, que representa o coñecemento de maior utilidade para as empresas.
O director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, recibiu o encargo da Xunta de Galicia para o nomeamento dunha Comisión de Expertos, un grupo de profesionais de recoñecido prestixio en tecnoloxía, ciencias e humanidades, que asesorará ao goberno galego no campo da intelixencia artificial, co obxectivo de facilitar a toma de decisións con criterios éticos, fiables e humanistas. A creación deste comité asesor de alto nivel é unha das medidas previstas na Estratexia Galega de Intelixencia Artificial 2030 (EGIA), aprobada en 2021 e que converteu a Galicia nunha rexión pioneira neste eido.
Deste o xoves pola tarde e ata o vindeiro martes, Ourense acolle a celebración de Futurgal Summit 2023, unha cita na que participan máis de 50 especialistas. A través de experiencias de éxito e o coñecemento disruptivo, quere profundar en “ideas audaces e transformadoras para resolver os novos desafíos da sociedade e construír un futuro sostible e inclusivo”. As súas primeiras sesións estiveron dedicadas a diferente apoios que teñen as persoas emprendedoras para sacar adiante os seus proxectos. O evento está organizado pola Escola Superior de Enxeñaría Informática da Universidade de Vigo.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Consello autorizou o inicio da tramitación do Anteproxecto de lei para o desenvolvemento e impulso da intelixencia artificial (IA), que converterá 'Galicia na primeira rexión europea en regular por lei o uso' desta tecnoloxía. 'O obxectivo é garantir que os sistemas de intelixencia artificial que se utilizan na comunidade son fiables e respectuosos cos dereitos fundamentais das persoas', resaltou. A lei establecerá os principios éticos para o deseño, adquisición implementación e uso de sistemas de IA por parte da Administración baixo criterios de dilixencia, auditabilidade, explicabilidade, transparencia, imparcialidade, ausencia de nesgos, seguridade ou privacidade.
O proxecto Aeroganp, liderado polo Instituto de Física e Ciencias Aeroespaciais da UVigo e cofinanciado polo programa Interreg España-Portugal POCTEP, xa está en marcha. O seu obxectivo é crear unha rede de investigación aeroespacial na eurorrexión Galicia-norte de Portugal. O consorcio que o desenvolve está formado por 12 socios: as tres universidades galegas e as portuguesas de Minho e Porto, centros tecnolóxicos como Gradiant, ITG, Inesctec ou Ceiia, administracións públicas como a Axencia Galega de Innovación e a Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal e o Consorcio Aeronáutico de Galicia.
Foi inaugurado na Coruña o novo centro Galaxy Lab da Cidade das TIC, que será un dos campos de probas de vehículos aéreos non tripulados máis completos de Europa. O Galaxy Lab -financiado ao 50% pola Xunta e polo Instituto Tecnolóxico de Galicia- vai prestar servizo a empresas, campus ou centros de investigación de todo o mundo que precisen experimentar ou testar de forma segura os seus drons para transporte de mercadorías ou persoas. Os seus máis de 1.000 metros cadrados de superficie permitirán realizar adestramentos nun contorno real, e ademais este centro vai actuar como tractor para seguir atraendo investimentos tecnolóxicos á comunidade.
« Anterior | 9  de  59 | Siguiente »

Notas tecnologia

A sociedade xestora da Cidade das TIC quedou constituída tras a sinatura do documento de constitución por parte do reitor da Universidade da Coruña (UDC), Ricardo Cao, e a alcaldesa da Coruña, Inés Rey. Este acto formaliza a posta en marcha da entidade encargada de xestionar este proxecto tras a aprobación en novembro por parte das institucións dos novos estatutos que rexerán o funcionamento da sociedade.
A rápida evolución da IA representa un reto inminente para a sociedade e os gobernos, pero tamén para o mundo científico. Esta tecnoloxía pode revolucionar moitos eidos do coñecemento, pero avaliar as súas potencialidades e eivas é imprescindible para poder sacarlle partido. Con este obxectivo, o campus de Vigo reuniu a máis de 60 investigadores e investigadoras de diferentes eidos.
As praias agochan moito máis que area entre as súas ondas. Co obxectivo de comprender mellor os procesos costeiros e os efectos do cambio climático, o Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM-UVigo) impulsa Iberarenum, un innovador proxecto de ciencia cidadá que invita a persoas de todas as idades a participar na creación do primeiro banco nacional de area de praia da península ibérica.
Samsung España anunciou nun acto celebrado en Madrid o lanzamento de The Mind Guardian1, unha innovadora aplicación gamificada baseada en intelixencia artificial, que presenta unha proba de autoavaliación de memoria para o cribado a gran escala de signos de deterioración cognitiva, un síntoma común nas fases temperás de enfermidades como o Alzheimer. Detrás deste avance atópase un equipo de investigadores do Centro de Investigación de Tecnoloxías da Telecomunicación da Universidade de Vigo, atlanTTic
Arrancaron hai apenas uns meses e por diante teñen tres anos para conseguir aplicar modelos avanzados de evolución molecular á predición da evolución de distintas proteínas de virus que son diana de terapias antiretrovirais e que, polo tanto, poderían usarse para o deseño de novas vacinas e tratamentos. Falamos do grupo de investigación Evolución Molecular Computacional do CINBIO, o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo.
Case o 68% da poboación mundial é usuaria da internet. Todo o tráfico anual da rede supón 100 Zettabytes. As emisións de C02 de Netflix nun día equivalen a un coche dando 3.248 voltas ao mundo. Publicar un reel de 15 segundos en Instagram consome a mesma enerxía que postear 8 fotos. Son algúns dos datos que a experta Coral Calero, catedrática da Universidade de Castela - A Mancha, mostrou no CITIC da UDC.
A Universidade de Vigo e Ediciones Profesionales de la Información SL organizan os días 12, 13 e 14 de marzo a primeira edición do Congreso de Divulgación, Transferencia e Impacto Social da Ciencia (CoDi). A actividade desenvolverase no campus de Ourense e terá como obxectivo fomentar o intercambio de coñecementos científicos entre expertos e expertas e promover a divulgación científica entre a comunidade académica e o público en xeral.
A Xunta de Galicia e as universidades públicas galegas poñen en marcha cigus.gal, unha nova web orientada a potenciar a visibilidade internacional dos centros de investigación que integran a Rede CIGUS. Esta plataforma, accesible en galego, castelán e inglés, ofrece un percorrido detallado polo traballo dos dez centros pertencentes ás universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo.
O CITIC suma aliados no desenvolvemento de proxectos que busquen a aplicación da intelixencia artificial e a computación cuántica a diferentes áreas da vida cotiá. En concreto, o centro de investigación da UDC estableceu sinerxías co Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) para colaborar no proxecto “Algoritmos de Aprendizaxe Automática de Nova Xeración para a Análise de Rexistros Médicos do Soño (NEXT-GEN-SOMNUS)”.
A contratación pública representa arredor dun 20% do Produto Interior Bruto de España, unha porcentaxe superior incluso ao considerado motor económico do país: o turismo. Conscientes deste contexto, a Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo acolleu este martes unha xornada na que se analizaron os desafíos estratéxicos aos que se enfronta este relevante sector na denominada era da 4ª Revolución Industrial e na que se reuniron tres dos máximos especialistas de España en materia de Intelixencia Artificial e contratación pública.


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES