//if ($dataid['id'] == 2){ ?>
Noticias sociedad
A quinta edición do Verbena Fest celebrarase os días 4 e 5 de agosto e terá de novo como escenario o local Meigallo, cunha terraza ao aire libre con capacidade para 1000 persoas. O sábado celebrarase a xornada principal, con música desde as 13.00 horas; os concertos serán de balde ata as 20.00 horas e a continuación de pago ata as 2.00 horas da madrugada do domingo. As entradas darán acceso aos concertos de Second, Sexy Zebras, Kamikaze Helmets e El Chico López. O cartel do sábado completarase coa actuación previa, pola tarde, de Malenne, Louband e Los Naipes.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno autonómico vai incorporar o vindeiro curso tres novas materias optativas enfocadas á mellora das competencias financeiras e da intelixencia artificial, que contribuirán ao reforzo dos currículos académicos do ensino secundario obrigatorio (ESO) e de bacharelato. 'A nosa intención e ir un paso por diante das necesidades do futuro e preparar aos alumnos nas necesidades formativas do mañá', indicou.
A gran amplitude de proxectos de investigación que, na USC e dende diversos enfoques, contribuíron a loitar contra a COVID-19 permitiron desenvolver novas estratexias terapéuticas de potencial aplicación á hora de paliar outras patoloxías. Así se puxo de manifesto na xornada que este martes 25 acolleu o Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS) e na que se presentaron as principais conclusións de oito proxectos desenvolvidos dende a institución compostelá co apoio da Axencia Galega de Innovación (GAIN).
Tivo lugar a primeira reunión do Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia na Cidade da Cultura. Con este primeiro encontro constituíuse de xeito oficial este organismo de participación que procurará involucrar á mocidade na toma de decisións.Os integrantes deste Consello Autonómico son mozos de entre oito e 17 anos procedentes dalgún dos Consellos locais de participación infantil, impulsados por Unicef-Galicia, da Plataforma de Organización da Infancia de Galicia (POIG) e do sistema de protección autonómico. A constitución deste organismo era moi agardado por mozos e entidades que traballan no ámbito da infancia e procura garantir o seu dereito a ter voz propia.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Consello aprobou o inicio da tramitación do anteproxecto de Lei de loita integral contra os incendios forestais, que virá substituír a Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de 2007. 'Vai actualizar unha normativa que ten xa 16 anos', indicou. 'O obxectivo é aportar unha nova visión global, froito da experiencia acumulada ata agora e incluíndo tamén as recomendacións da comisión de estudo que se creou tras os lumes de 2017', indicou Rueda. Ademais a normativa elaborouse mediante a pertinente consulta pública previa e o proceso participativo levado a cabo coas universidades galegas e co Servizo de Prevención e Extinción.
Galicia será a rexión convidada da edición 2023 da Porto Design Biennale, o maior evento bienal de deseño da Península Ibérica. Así se anunciou hoxe durante a presentación realizada na escola de deseño esad-idea, en Matosinhos (Portugal), na que se adiantaron as liñas mestras do evento, que terá lugar a partir do 19 de outubro. Galicia colle así o relevo de Italia e Francia, países invitados das edicións 2019 e 2021, en recoñecemento ao traballo de impulso ao deseño que se está realizando a través de iniciativas como o Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024 - Diferenza e o labor da Fundación Artesanía de Galicia.
Galicia mellora a súa posición ao converterse na segunda comunidade autónoma que máis reduciu as emisións de gases de efecto invernadoiro en 2021 subindo do terceiro lugar que ocupaba o ano anterior. En concreto, baixaron un 34 % con respecto a 1990, que é o ano que se toma como referencia. No que atinxe á calidade do aire, cómpre lembrar que Galicia conta cun dos mellores sistemas de control e vixilancia deste parámetro de toda España. De feito, a Rede de Calidade do Aire de Galicia está composta por 47 estacións de control fixas e móbiles de titularidade pública (15) e privada (32).
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, destacou hoxe o conxunto de medidas do novo Plan de prevención de incendios forestais que ten como obxecto evitar que se produzan incendios forestais ou, no caso de que se rexistre algún, que a súa propagación sexa a menor posible. Entre elas, salientou o reforzo da vixianza para garantir que as parcelas máis próximas á vivenda estean limpas e rozadas. Para iso, apuntou á importancia de que 89 % dos concellos galegos están integrados ao sistema de xestión da biomasa.
Foi presentado o festival Ouren Sound Fest, que se desenvolverá do 25 ao 28 de maio. Destaca a relevancia da programación desta VIII edición, que contará con grupos de renome como é Andrés Calamaro, os grupos revelación do 2022, Shinova e Cariño; e en música urbana, artistas como DePedro. O festival ten como obxectivo principal dinamizar a cidade de Ourense, dotándoa de contidos culturais que non só se limitan a realización do propio festival, e que o mesmo tempo é un motor turístico e patrimonial. O Ouren Sound Fest é moito máis que un festival de música, é un medio de difusión e concienciación de determinados oficios.
O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, instou ao Goberno Central a escoitar ás universidades na reforma da ABAU. Nunha intervención no Parlamento de Galicia, o titular do departamento educativo da Xunta lembrou que recentemente as universidades públicas de todo o Estado 'teñen manifestado, a través de alegacións, que ven con preocupación a viabilidade de implantar o modelo de avaliación de competencias para o acceso á universidade xa no vindeiro ano'. 'Compartimos coas universidades que o cambio da ABAU é apresurado e que faltan garantías', manifestou.
Afundación, a Obra Social de ABANCA, continúa co ciclo de cinema sobre intelixencia artificial vinculado á exposición internacional interactiva 'AI: More than Human' que se poderá visitar na Sede Afundación da Coruña ata o vindeiro 5 de febreiro. Está composto por dez películas que expoñen a relación dos seres humanos coa intelixencia artificial desde diferentes perspectivas.
A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte... nas Ondas! presenta catro programas en catro cidades polas que pasa o Camiño de Santiago para recolleitar o patrimonio inmaterial que tamén se xerou ós albores das rutas xacobeas. Serán Cea, Tui, Sarria e Santiago as que acollerán os obradoiros de A Radio do Patrimonio, nos que colaborarán varios centros educativos sendo o propio alumnado o que exerza de xornalistas.
USC e Concello de Santiago colaboran un ano máis na organización da Feira de Emprendedoras de Compostela. Esta cuarta edición que se desenvolverá o 30 de setembro no Teatro Principal poñerá o foco nas entidades do sector artístico e cultural da cidade e a súa contorna. Entidades con liderados feministas, creadas moitas delas por mulleres referentes, imprescindibles para a consolidación dun tecido empresarial de gran valor engadido e aliñado con ditos valores feministas centrarán a actividade.
O Campus de Lugo da USC converterase este mes nun dos escenarios escollidos pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) para celebrar o recente nomeamento de Juan Rof Codina, impulsor da Veterinaria en Galicia e en España, como Científico Galego do ano 2022. O relatrorio 'O primeiro influencer veterinario', a cargo do investigador da USC e doutor en Veterinaria Diego Conde, quen é especialista en Juan Rof Codina, abrirá os actos.
O programa 'A Vía Láctea e outros motivos xacobeos do Camiño' continúa a percorrer Galicia para dar a coñecer a riqueza patrimonial das rutas a Compostela os fenómenos e obxectos astronómicos que podemos avistar ao percorrelas. Esta iniciativa do Observatorio Astronómico Ramón María Aller (OARMA) da USC, baixo a dirección de José Ángel Docobo, forma parte das actividades culturais desenvolvidas ao abeiro da convocatoria 'O teu Xacobeo'.
A Consellería do Medio Rural comunicou ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, a través da Rede de Alerta Sanitaria Veterinaria, a detección de dous casos de influenza aviaria de alta patoxenicidade en aves silvestres. Ambos foron confirmados polo Laboratorio Central de Veterinaria de Algete (Madrid), como paso previo para o seu traslado á Comisión Europea, aos restantes Estados Membros e á Organización Mundial de Sanidade Animal.
O Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e de Estudos de Xénero da USC programa o 8 de setembro as XIV Xornadas de Formación e VI Xornadas Internacionais de Educación, Xénero e Igualdade, unha actividade ao que busca promover un modelo de convivencia igualitaria e de relacións interxénero equitativas e democráticas.
A Policía Autonómica, en colaboración coa Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO) da Consellería do Medio Rural, vén de esclarecer un incendio forestal intencionado rexistrado o pasado luns, 15 de agosto, en Santiago de Compostela que afectou 5.900 metros cadrados de monte raso.
Comprender a unicidade da necrópole da Lanzada e afondar no coñecemento do proceso de formación do necrosol, o tipo de solo existente nas superficies que foron empregadas como camposanto, é posible grazas a un estudo recente do grupo de investigación EcoPast da USC. Os resultados da súa investigación foron recollidos no último número da revista Scientific Reports.
Os concertos do Xacobeo 21-22 traerá este martes Vigo a artista C. Tangana co seu espectacular tour 2022. Será o escenario do peirao de Transatlánticos, mesmo lugar no que rematou este sábado o exitoso Festival Latitudes, o que acolla a loada posta en escena do cantante madrileño de ascendencia galega e confeso seguidor do Celta.