
A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, presidiu esta mañá a primeira reunión do Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia que tivo lugar na Cidade da Cultura. Con este primeiro encontro constituíuse de xeito oficial este organismo de participación que procurará involucrar á mocidade na toma de decisións.
Os integrantes deste Consello Autonómico son mozos de entre oito e 17 anos procedentes dalgún dos Consellos locais de participación infantil, impulsados por Unicef-Galicia, da Plataforma de Organización da Infancia de Galicia (POIG) e do sistema de protección autonómico. A conselleira lembrou que a constitución deste organismo era moi agardado por mozos e entidades que traballan no ámbito da infancia e procura garantir o seu dereito a ter voz propia.
Fabiola García asegurou que coa súa constitución Galicia avanza na conquista de dereitos para a infancia e permite fomentar o espírito crítico entre a mocidade, ao tempo que se racha cos estereotipos que recaen sobre esta etapa. Neste sentido, apuntou que a nosa Comunidade conta cunha mocidade comprometida, concienciada e con moito que contar e sinalou que o Goberno galego escoitará, atenderá e procurará incorporara todas as súas propostas para mellorar a nosa sociedade.
Tivo lugar o acto de entrega dos Premios de Responsabilidade Social Empresarial de Galicia 2026, que puxeron en valor a importancia de promover unha cultura empresarial que integre a responsabilidade social no seu modelo de xestión e sitúe as persoas no centro da actividade. As entidades premiadas foron Galaica Consultaría Integral e Nasas Social Media, na categoría de pequena empresa; Torres y Sáez, na de mediana empresa; Citanias Obras y Servicios, na de grande empresa; e Altia, coa Mención á Conciliación.
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, defenderá ante o Goberno central a posición de Galicia sobre o futuro da Política Pesqueira Común, baseada na necesidade de garantir financiamento suficiente para o sector, facilitar a renovación e modernización da frota e avanzar cara a un modelo de xestión que teña en conta tanto a conservación dos recursos como a viabilidade económica e social da actividade. Villaverde trasladará que Galicia afronta este debate desde unha posición singular pola dimensión e diversidade do seu complexo mar-industria, cunha extensa frota de baixura e pequena escala, unha importante presenza da altura e gran altura, unha industria transformadora e conserveira de referencia e unha acuicultura cun destacado peso na produción comunitaria.