Noticias

A investigación contra a COVID-19, viveiro para novos avances terapéuticos

A gran amplitude de proxectos de investigación que, na USC e dende diversos enfoques, contribuíron a loitar contra a COVID-19 permitiron desenvolver novas estratexias terapéuticas de potencial aplicación á hora de paliar outras patoloxías. Así se puxo de manifesto na xornada que este martes 25 acolleu o Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS) e na que se presentaron as principais conclusións de oito proxectos desenvolvidos dende a institución compostelá co apoio da Axencia Galega de Innovación (GAIN).

O vicerreitor de Política Científica da USC, Vicente Pérez Muñuzuri, amosou a súa confianza en que nos vindeiros meses algúns dos resultados presentados sexan transferidos á industria. Pola súa parte, Patricia Argerey, directora de GAIN, subliñou o papel capital que ciencia e innovación xogaron á hora de dar resposta á pandemia.

En concreto, estes proxectos foron apoiados pola convocatoria de rescate de proxectos presentados ao Instituto de Salud Carlos III, pero que non obtiveron financiamento deste, e o programa Conecta COVID, dirixido a apoiar proxectos de I+D+i orientados á mellora da competitividade das pemes galegas e á súa transición dixital para contribuír á recuperación económica tras a pandemia. O programa Conecta COVID está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) dentro do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020 como parte da resposta da Unión á pandemia da COVID-19.

Proxectos

Baixo a coordinación do investigador do CiMUS, José A. Costoya, o proxecto ‘COVTES: proba rápida para a detección precoz de SARS-CoV-2 baseada en inmunocromatografía’ centrouse no desenvolvemento dunha proba para detectar antíxenos virais nunha mostra nasal, nasofarínxea ou de saliva a través da súa detección específica mediante un ensaio de inmunocromatografía baseado en nanoanticorpos. “A base da proba é sinxela, o que garantiría o seu baixo custo e unha fácil escalabilidade industrial”, explicou o profesor Costoya, quen leva anos traballando xunto co Grupo de Física de Coloides e Polímeros en sensores aplicados ao diagnóstico e tratamento de enfermidades. O proxecto logrou desenvolver un prototipo de test de antíxenos cun dispositivo de lectura para poder "interpretar" os resultados a través dunha aplicación para teléfonos móbiles. O equipo xa está a traballar no potencial uso deste tipo de ferramentas á hora de acometer diferentes patoloxías.

Pola súa parte, o proxecto de Eduardo Fernández Megía acometeu o desenvolvemento de métodos áxiles que complementasen a proba PCR, “a cal, malia a súa elevada sensibilidade, é unha técnica lenta, custosa e que require de grandes equipos e un laboratorio de microbioloxía”, explicou o investigador do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CIQUS). Os Affidendrons son unha potente plataforma para a rápida e selectiva identificación de patóxenos. Estruturalmente incorporan varias unidades dunhas pequenas proteínas de recoñecemento, denominadas Affitinas, ao redor dunha nanoestructura de polímero ramificado que se chama dendrímero. Mediante esta presentación multivalente increméntase a afinidade destas pequenas proteínas de forma exponencial. “Estas características, unidas á elevada especificidade de Affitinas, menor tamaño que anticorpos, maior estabilidade e facilidade de produción a gran escala, fai dos Affidendrons unha ferramenta interesante para o desenvolvemento de métodos de detección de antíxeno, similares ás clásicas probas de embarazo, para o diagnóstico temperá de COVID-19”, explica Fernández Megía, quen tamén destaca o potencial uso destas ferramentas á hora de acometer outras enfermidades de alta prevalencia social.

O desenvolvemento dunha vacina recombinante baseada en péptidos multiepitopos contra o SARS-CoV-2 foi o eixo do proxecto coordinado por José Manuel Leiro Vidal do Instituto de Investigación en Análises Químicas e Biolóxicas (IAQBUS). A vantaxe desta vacina é a súa seguridade, xa que é teoricamente inocua, “debido a que carece de toda posibilidade de infectividade e tampouco presenta ningún material xenético que puidese producir calquera fenómeno de interferencia con xenes celulares humanos, como é o caso das vacinas xenéticas baseadas na inmunización con ARN”, sinala o investigador principal do proxecto ‘Deseño e síntese de proteínas recombinantes superficiais quiméricas do virus SARS-CoV-2 para a produción dunha vacina en fermentos’. Asemade, todos os compoñentes deste tipo de vacina son biodegradables.

O proxecto liderado pola investigadora do CIQUS, Concepción González Bello, estudou a nivel molecular como se produciría a “desactivación” da resposta inmune utilizando ferramentas computacionais e biotecnolóxicas. Os fármacos contra a malaria, cloroquina e hidroxicloroquina, son aminoquinolinas que poderían ser eficaces fronte ao virus da COVID-19. Nesta liña, o equipo investigador analizou o potencial doutras aminoquinolinas, estruturalmente análogas ás anteriores. A vantaxe destes novos “axentes antivirais” é a súa potencia, “o que axudaría a reducir, en gran medida, os posibles efectos adversos por utilizarse en doses máis reducidas”, sinala González Bello, investigadora principal do proxecto ‘Novos axentes antivirais baseados en aminoquinolinas para o tratamento da pandemia actual por SARS-CoV-2’.

Baixo a dirección da investigadora do CiMUS María José Alonso, o proxecto Nanodecov aborda o desenvolvemento de nanoterapias para a prevención e tratamento da COVID-19. A vantaxe desta innovadora terapia, composta por vehículos nanométricos que portan distintos principios activos, defínese pola súa administración intranasal, a súa capacidade de dirixirse ao sistema inmune e a natureza dos seus compostos bioactivos.

O profesor da Facultade de Ciencias, Wajih Al-Soufi, lidera o proxecto ‘Detección rápida e automatizable para SARS-Cov-2 baseada en PCR, nanotecnoloxía e microfluídica’ (NANOFLUIDETEC) que naceu para acadar un sistema de detección do virus baseado en técnicas moleculares e integrando a nanotecnoloxía e microfluídica coa automatización e potencial conectividade para a súa comunicación. O proxecto centrouse nun dispositivo eficaz, compatible con métodos de diagnóstico de baixo custo e flexible para aumentar a capacidade de resposta diagnóstica en futuras pandemias ou enfermidades comúns. Nanofluidetec buscou así mellorar os actuais sistemas de detección baseados en PCR, tanto en rapidez, como en fiabilidade e complexidade técnica. O dispositivo final estaría pensado para o seu uso en centros de atención primaria, asistenciais ou residencias, nos que este tipo de probas de diagnóstico ofrecerían a posibilidade de obter os resultados en apenas uns minutos e sen necesidade de enviar a mostra a ningún laboratorio.

O obxectivo xeral de Coviled é o deseño, desenvolvemento e validación dunha solución tecnolóxica que permita diminuír a incidencia de infeccións causadas polo Sars-CoV-2 que se transmiten por vía aérea. Para iso o equipo liderado por Justo Arines Piferrer, profesor da área de Optometría, centrouse na creación dun sistema integral de desinfección intelixente do aire que circula polos condutos de ventilación mediante o uso de radiación ultravioleta C (UV-C), combinando tecnoloxías fotónicas, IoT e IA. O obxectivo deste sistema é aplicar estratexias de prevención e mitigación de maneira activa, actuando dinamicamente e en tempo real sobre os sistemas de radiación a partir dos datos recibidos de sensores e outras fontes de información.

Finalmente, Francisco Javier Sardina López do CiQUS é o responsable do proxecto ‘Análise e desenvolvemento de Solucións diagnósticas e terapéuticas de segunda xeración fronte a SARS-CoV-2 mediante a combinación de tecnoloxías biomoleculares e dixitais (BioTICfinder)’. O proxecto acometeu o desenvolvemento de novas solucións diagnósticas e terapéuticas mediante a incorporación multidisciplinar de diversas tecnoloxías, dixitais, moleculares e bioquímicas para xerar ferramentas de segunda xeración á hora de combater a pandemia.

R., 2023-04-26

Actualidad

Foto del resto de noticias (mitec-42-2025.jpg) A Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas presentou hoxe a programación da súa 42ª edición, que se celebrará entre os días 22 de xuño e 6 de xullo no Auditorio Municipal Xosé Manuel Pazos Varela, así como nas rúas e noutros espazos da vila do Morrazo, que acollerán 26 espectáculos e un nutrido programa de actividades lúdicas e sectoriais. O certame, organizado desde 1984 pola Asociación Cultural Xiria, é un dos poucos festivais de teatro europeos cuxo principal selo de identidade é a comedia, unha marca consolidada e referente da produción escénica deste xénero en calquera das súas vertentes: negra, branca, xestual, contemporánea, circense, dramática, musical e, dende hai máis dunha década, tamén na danza.
Foto de la tercera plana (musica-clasica.jpg) A praza Conde de Fontao de Foz será o enclave elixido para a actuación extraordinaria do festival o 31 de xullo con La Carroza Del Real, mentres que o destacado pianista Denis Kozhukhin abrirá oficialmente o ciclo de concertos o 12 de agosto na Fortaleza de Alfoz. O 13 de agosto a Real Filharmonía de Galicia e o Coro da Comunidade de Madrid realizarán o primeiro concerto sinfónico-coral no que interpretarán o Réquiem de Mozart na Catedral de Mondoñedo. A clausura do XII Festival Bal y Gay será co barítono galego Borja Quiza, o 21 de agosto, no Teatro Pastor Díaz de Viveiro, cita na que tamén participarán o pianista Javier Carmena e a mezzosoprano Andrea Rey, nunha proposta que mesturará as raíces galegas e españolas.

Notas

Afondar no papel que a evidencia científica pode e debe xogar nas decisións políticas e na implantacións de políticas públicas foi o obxectivo central da conferencia impartida pola presidenta do Consejo Superior de Investigaciones Científicas, Eloísa del Pino, na UVigo. Sustentar as actuacións públicas na ciencia, defendeu Del Pino, posibilita en primeiro termo 'ser eficiente cos recursos, porque sabes que é máis probable que unha política funcione, aínda que non é unha garantía de éxito'.
A Sociedade Europea de Biomateriais recoñeceu cun dos seus premios europeos de doutoramento Julia Polak 2025 a Ana Iglesias Mejuto e Miguel Pereira Silva, que realizaron a súa tese de doutoramento en iMATUS da USC. O galardón distingue persoal investigador novo que completou un doutoramento de excelencia no ámbito dos biomateriais e a enxeñería de tecidos, valorando tanto a calidade da súa investigación como a súa formación internacional.
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES