
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, mantivo unha xuntanza cos organizadores do Verbena Fest de Sarria, José Castro e Héctor Sánchez, entre outros, para concretar a colaboración do Goberno galego co evento.
A quinta edición do Verbena Fest celebrarase os días 4 e 5 de agosto e terá de novo como escenario o local Meigallo, cunha terraza ao aire libre con capacidade para 1000 persoas. O sábado celebrarase a xornada principal, con música desde as 13.00 horas; os concertos serán de balde ata as 20.00 horas e a continuación de pago ata as 2.00 horas da madrugada do domingo.
As entradas darán acceso aos concertos de Second, Sexy Zebras, Kamikaze Helmets e El Chico López. O cartel do sábado completarase coa actuación previa, pola tarde, de Malenne, Louband e Los Naipes.
A gastronomía é un valor engadido para o festival, con varios postos de comida no recinto, nos que se ofrecen pratos típicos ou de fusión de gran calidade elaborados por cociñeiros locais.
Ademais, este ano o festival servirá de marco para que distintos colectivos e asociacións de Sarria instalen stands informativos para dar a coñecer o seu traballo.
Tivo lugar o acto de entrega dos Premios de Responsabilidade Social Empresarial de Galicia 2026, que puxeron en valor a importancia de promover unha cultura empresarial que integre a responsabilidade social no seu modelo de xestión e sitúe as persoas no centro da actividade. As entidades premiadas foron Galaica Consultaría Integral e Nasas Social Media, na categoría de pequena empresa; Torres y Sáez, na de mediana empresa; Citanias Obras y Servicios, na de grande empresa; e Altia, coa Mención á Conciliación.
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, defenderá ante o Goberno central a posición de Galicia sobre o futuro da Política Pesqueira Común, baseada na necesidade de garantir financiamento suficiente para o sector, facilitar a renovación e modernización da frota e avanzar cara a un modelo de xestión que teña en conta tanto a conservación dos recursos como a viabilidade económica e social da actividade. Villaverde trasladará que Galicia afronta este debate desde unha posición singular pola dimensión e diversidade do seu complexo mar-industria, cunha extensa frota de baixura e pequena escala, unha importante presenza da altura e gran altura, unha industria transformadora e conserveira de referencia e unha acuicultura cun destacado peso na produción comunitaria.