
Galicia exerce a lealdade institucional, pero non pode calar sobre os asuntos que lle preocupan, afirmou o conselleiro. Así, xa o manifestamos en varias ocasión ao longo deste proceso de vaivéns que mantén o Ministerio de Educación y FP, ao que pedimos reflexión, sinalou, lamentando que o proceso actual é unha cerimonia da confusión para os alumnos e as súas familias, algo compartido por comunidades de distinto signo político.
Proba única e comisión técnica
Román Rodríguez fixo fincapé na petición que leva facendo Galicia desde hai anos dunha proba única en toda España, con criterios homoxéneos de esixencia e corrección. Fronte a isto, as propostas do Ministerio perpetúan un modelo que non soluciona o problema actual, con 17 exames e formas de corrixir diferentes para acceder a un sistema universitario de distrito único.
Desde Galicia propúxose comezar de cero, con propostas como un control estandarizado das probas, que permitan homoxeneizar o seu grao de dificultade, e a creación dunha comisión estatal de carácter técnico para homologar as probas de cada comunidade autónoma como paso previo a súa realización. Esta comisión tamén revisaría as cualificacións obtidas en cada territorio co fin de axustar o necesario para preservar a igualdade no acceso á universidade.
Tivo lugar o acto de entrega dos Premios de Responsabilidade Social Empresarial de Galicia 2026, que puxeron en valor a importancia de promover unha cultura empresarial que integre a responsabilidade social no seu modelo de xestión e sitúe as persoas no centro da actividade. As entidades premiadas foron Galaica Consultaría Integral e Nasas Social Media, na categoría de pequena empresa; Torres y Sáez, na de mediana empresa; Citanias Obras y Servicios, na de grande empresa; e Altia, coa Mención á Conciliación.
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, defenderá ante o Goberno central a posición de Galicia sobre o futuro da Política Pesqueira Común, baseada na necesidade de garantir financiamento suficiente para o sector, facilitar a renovación e modernización da frota e avanzar cara a un modelo de xestión que teña en conta tanto a conservación dos recursos como a viabilidade económica e social da actividade. Villaverde trasladará que Galicia afronta este debate desde unha posición singular pola dimensión e diversidade do seu complexo mar-industria, cunha extensa frota de baixura e pequena escala, unha importante presenza da altura e gran altura, unha industria transformadora e conserveira de referencia e unha acuicultura cun destacado peso na produción comunitaria.