Notas de prensa

Galicia notifica dous casos de gripe aviaria en animais silvestres

A Consellería do Medio Rural comunicou ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, a través da Rede de Alerta Sanitaria Veterinaria, a detección de dous casos de influenza aviaria de alta patoxenicidade en aves silvestres. Ambos foron confirmados polo Laboratorio Central de Veterinaria de Algete (Madrid), como paso previo para o seu traslado á Comisión Europea, aos restantes Estados Membros e á Organización Mundial de Sanidade Animal.

Trátase dos dous primeiros casos detectados en Galicia, dous individuos de mascato (alcatraz común ou atlántico, Morus bassanus), no marco do Plan de Vixilancia da Influenza Aviaria que desenvolve a Xunta de Galicia. O primeiro deles foi recollido no porto de Cangas, onde chegou a bordo dun buque pesqueiro, e foi trasladado ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre (CRFS) de Carballedo (Pontevedra), adscrito á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, onde se tomaron as mostras. O segundo localizouse nunha praia do Concello de Valdoviño, e foi trasladado ao CRFS de Santa Cruz de Oleiros (A Coruña).

Migración cara o sur

O mascato é unha ave mariña que nidifica no Atlántico norte, formando colonias de varios miles de parellas. As colonias de cría máis importantes están nas Illas Británicas, que acollen aproximadamente o 60% da poboación mundial. A colonia máis grande localízase na illa escocesa de Bass Rock, pero tamén hai grandes colonias noutras illas de Escocia, en Gales, Irlanda, Islandia e Canadá.

O mascato nidifica en verán, e aínda que a maioría dos individuos adultos permanecen despois no inverno arredor das colonias de cría, os máis novos migran cara ao sur e acadan augas subtropicais ou mesmo tropicais no oeste de Ãfrica. Trátase neste caso dunha especie mariña peláxica, que apenas se aproxima á costa, salvo para aniñar, e que neste momento atravesa as costas da Península Ibérica no comezo do seu paso migratorio post-nupcial (para invernar) cara a Mauritania e o Golfo de Guinea. A detección do virus da IAAP en aves silvestres non afecta ao status sanitario oficial das explotacións avícolas galegas, nin implica ningún tipo de restrición de movementos para as aves e os seus produtos.

En todo caso, e aínda que os exemplares da especie afectada non se aproximan normalmente á costa, a Consellería do Medio Rural recorda a necesidade de reforzar as medidas de bioseguridade nas explotacións avícolas, especialmente aquelas destinadas a evitar o contacto con aves silvestres, así como de intensificar a vixilancia pasiva tanto en explotacións avícolas como en aves silvestres, notificando aos Servizos Veterinarios Oficiais da Consellería do Medio Rural ou á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, calquera sospeita de enfermidade.

Reducida transmisión ás persoas

Aínda que ata o momento non hai constancia de que o subtipo de virus que durante o último ano está afectando a Europa teña capacidade zoonósica significativa, e polo tanto a súa capacidade de transmitirse ás persoas resulta moi reducida, recoméndase minimizar o contacto innecesario coas aves que mostren signos clínicos de enfermidade ou se atopen mortas no campo, usando medidas de protección en caso de ser necesario recollelas. En calquera caso, cómpre lembrar tamén este virus non pode ser transmitido ao home a través de carne de aves cociñada, ovos ou produtos procesados derivados deles.

Por último, hai que salientar que a Xunta de Galicia continuará desenvolvendo o seu Programa de Vixilancia da influenza aviaria, co obxecto de asegurar a detección precoz de calquera caso da enfermidade e tomar as medidas axeitadas segundo os protocolos establecidos.

Foto: Wikipedia

Xunta de Galicia, 2022-08-29

Actualidad

Foto del resto de noticias (premiso-rse-galicia-2026.jpeg) Tivo lugar o acto de entrega dos Premios de Responsabilidade Social Empresarial de Galicia 2026, que puxeron en valor a importancia de promover unha cultura empresarial que integre a responsabilidade social no seu modelo de xestión e sitúe as persoas no centro da actividade. As entidades premiadas foron Galaica Consultaría Integral e Nasas Social Media, na categoría de pequena empresa; Torres y Sáez, na de mediana empresa; Citanias Obras y Servicios, na de grande empresa; e Altia, coa Mención á Conciliación.
Foto de la tercera plana (pesca-azul.jpg) A conselleira do Mar, Marta Villaverde, defenderá ante o Goberno central a posición de Galicia sobre o futuro da Política Pesqueira Común, baseada na necesidade de garantir financiamento suficiente para o sector, facilitar a renovación e modernización da frota e avanzar cara a un modelo de xestión que teña en conta tanto a conservación dos recursos como a viabilidade económica e social da actividade. Villaverde trasladará que Galicia afronta este debate desde unha posición singular pola dimensión e diversidade do seu complexo mar-industria, cunha extensa frota de baixura e pequena escala, unha importante presenza da altura e gran altura, unha industria transformadora e conserveira de referencia e unha acuicultura cun destacado peso na produción comunitaria.

Notas

Berenguela de Castela, María de Molina, Inés de Castro, Leonor de Guzmán, María de Padilla ou Catalina de Lancaster son algunhas das mulleres que protagonizan 'Señoras de Castilla. Reinas y damas medievales en la literatura peninsular', a exposición que pode visitarse na Facultade de Filoloxía e Tradución. A mostra percorre a vida e a fortuna literaria de catorce figuras femininas da nobreza da Baixa Idade Media.
A campaña de escavación arqueolóxica realizada este verán na Cova do Santo e na Pala da Zorra, no Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra (Rubiá, Ourense), permitiu obter novos datos sobre a ocupación e a historia destas cavidades ao longo da Prehistoria e confirma que conservan un rexistro de gran valor para coñecer tanto as comunidades humanas da Prehistoria como e as paisaxes que ocuparon este territorio miles de anos atrás. Os traballos dan continuidade ás investigacións iniciadas en 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES