
Unha vez previstos todos os trámites administrativos, a maiores do abano de materias que xa existen actualmente, tal e como explicou Rueda introdúcense as optativas Cultura Financeira e Intelixencia Artificial para a Sociedade na etapa de ESO e Tecnoloxías Intelixentes na etapa de bacharelato, que se ofertarán o próximo curso.
Cultura Financeira
A introdución desta materia no sistema educativo galego responde ás recomendacións dos estudos a nivel mundial que salientan a necesidade de iniciar a formación e alfabetización financeira xa no ensino obrigatorio, cun enfoque baseado na sustentabilidade e a xestión responsable dos recursos individuais e colectivos. O obxectivo é que os rapaces adquiran coñecementos financeiros e promover patróns de consumo sostibles no tempo, resaltou Rueda.
Así pois, en Galicia ofertarase Cultura Financeira como optativa para 3º curso de ESO cunha carga horaria de tres sesións lectivas semanais. Partindo do coñecemento e a comprensión dos conceptos e riscos financeiros, no currículo da materia abordarase o desenvolvemento de habilidades, motivación e confianza necesarias para tomar decisións financeiras responsables e racionais, non só enfocadas á mellora individual, senón tamén a lograr o benestar financeiro da sociedade a través do fomento de patróns de consumo sustentables no tempo.
No que atinxe aos contidos, a materia establécese en catro bloques temáticos: diñeiro e transaccións, planificación e orzamento, a xestión bancaria das finanzas persoais e educación ao consumidor.
Intelixencia Artificial
Esta materia, que se ofertará para 4º de ESO e tamén cunha carga lectiva de tres horas semanais, responde a un dos retos marcados na Estratexia Galega de Educación Dixital 2030, que é o de perfeccionar as competencias e capacidades dixitais para acadar unha verdadeira transformación dixital.
No seu currículo introdúcense aspectos da Intelixencia Artificial para formalos como futuros usuarios destes sistemas intelixentes. Trátase de adquirir, a través dun enfoque transversal, habilidades e coñecementos desta disciplina para que se familiaricen con ela e desenvolvan habilidades críticas e relevantes para o seu futuro.
Nesta liña, a materia estrutúrase en catro bloque: que é a intelixencia artificial, o impacto da intelixencia artificial (en que se abordarán cuestións como a ética, a sustentabilidade e os aspectos legais), áreas da intelixencia artificial (percepción e actuación, representación e razoamento, aprendizaxe automático e interacción natural) e aplicacións de intelixencia artificial (como a robótica autónoma ou a internet das cousas).
Tecnoloxías Intelixentes
A terceira materia coa que se reforza o sistema educativo galego de cara ao vindeiro ano é Tecnoloxías Intelixentes, que se ofertará en 1º curso de bacharelato cunha carga horaria semanal de catro sesións lectivas.
Esta materia céntrase na aprendizaxe automática desde unha perspectiva de programadores de sistemas intelixentes e brinda ao alumnado uns coñecementos específicos como aprender a obter e preparar os datos para adestrar sistemas, empregar técnicas de modelado estatístico, utilizar diferentes tipos de redes neuronais, manexar librarías dixitais ou avaliar a calidade dos resultados obtidos por modelos automáticos.
Paralelamente os estudantes poderán adquirirán outras competencias transversais como pode ser a resolución de problemas, a toma de decisións nun contorno tecnolóxico ou a programación en linguaxes de programación de alto nivel.
Estruturado en catro bloques temáticos, o currículo desta materia abordará os coñecementos básicos de programación (fundamentos de programación enfocados ao uso de librarías dixitais), o axente intelixente (abrangue o estudo de áreas da intelixencia artificial como son a percepción, a actuación, a representación, o razoamento e a aprendizaxe), e o impacto da intelixencia enfocado ao uso dos datos (consideracións éticas e aspectos legais en consonancia coas recomendacións da Unión Europa, así como cuestións de sustentabilidade).
Tivo lugar o acto de entrega dos Premios de Responsabilidade Social Empresarial de Galicia 2026, que puxeron en valor a importancia de promover unha cultura empresarial que integre a responsabilidade social no seu modelo de xestión e sitúe as persoas no centro da actividade. As entidades premiadas foron Galaica Consultaría Integral e Nasas Social Media, na categoría de pequena empresa; Torres y Sáez, na de mediana empresa; Citanias Obras y Servicios, na de grande empresa; e Altia, coa Mención á Conciliación.
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, defenderá ante o Goberno central a posición de Galicia sobre o futuro da Política Pesqueira Común, baseada na necesidade de garantir financiamento suficiente para o sector, facilitar a renovación e modernización da frota e avanzar cara a un modelo de xestión que teña en conta tanto a conservación dos recursos como a viabilidade económica e social da actividade. Villaverde trasladará que Galicia afronta este debate desde unha posición singular pola dimensión e diversidade do seu complexo mar-industria, cunha extensa frota de baixura e pequena escala, unha importante presenza da altura e gran altura, unha industria transformadora e conserveira de referencia e unha acuicultura cun destacado peso na produción comunitaria.