Actualidad de Sociedad

Noticias sociedad

Galicia contará este ano cun total de 113 praias pertencentes a 34 municipios galardoadas coa bandeira azul, un distintivo de carácter internacional co que a Asociación de educación ambiental e do consumidor (Adeac) recoñece anualmente a areais de todo o mundo seleccionados en base a unha serie de criterios de sustentabilidade, accesibilidade e servizos. Desde xeito, Galicia concentra case unha de cada cinco bandeiras concedidas en todo o país e consolida a súa posición entre as tres comunidades autónomas que reciben cada ano un maior número de distintivos para as súas praias, só superada por Valencia (135) e Andalucía (127).
Coa participación de máis de 500 académicos e académicas de diferentes países, Pontevedra reunirá en xuño do vindeiro ano á 'elite da investigación sobre transición ecolóxica de Europa, nos ámbitos das ciencias económicas e sociais', segundo anunciou o responsable do Post-Growth Innovation Lab da Universidade de Vigo, Mario Pansera. Da man deste grupo de investigación, a cidade será en 2024 a sede do congreso internacional da Sociedade Europea de Economía Ecolóxica (ESEE) e do Grupo Internacional de Estudos sobre Decrecemento e Poscrecemento.
A quinta edición do Verbena Fest celebrarase os días 4 e 5 de agosto e terá de novo como escenario o local Meigallo, cunha terraza ao aire libre con capacidade para 1000 persoas. O sábado celebrarase a xornada principal, con música desde as 13.00 horas; os concertos serán de balde ata as 20.00 horas e a continuación de pago ata as 2.00 horas da madrugada do domingo. As entradas darán acceso aos concertos de Second, Sexy Zebras, Kamikaze Helmets e El Chico López. O cartel do sábado completarase coa actuación previa, pola tarde, de Malenne, Louband e Los Naipes.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno autonómico vai incorporar o vindeiro curso tres novas materias optativas enfocadas á mellora das competencias financeiras e da intelixencia artificial, que contribuirán ao reforzo dos currículos académicos do ensino secundario obrigatorio (ESO) e de bacharelato. 'A nosa intención e ir un paso por diante das necesidades do futuro e preparar aos alumnos nas necesidades formativas do mañá', indicou.
A gran amplitude de proxectos de investigación que, na USC e dende diversos enfoques, contribuíron a loitar contra a COVID-19 permitiron desenvolver novas estratexias terapéuticas de potencial aplicación á hora de paliar outras patoloxías. Así se puxo de manifesto na xornada que este martes 25 acolleu o Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS) e na que se presentaron as principais conclusións de oito proxectos desenvolvidos dende a institución compostelá co apoio da Axencia Galega de Innovación (GAIN).
Tivo lugar a primeira reunión do Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia na Cidade da Cultura. Con este primeiro encontro constituíuse de xeito oficial este organismo de participación que procurará involucrar á mocidade na toma de decisións.Os integrantes deste Consello Autonómico son mozos de entre oito e 17 anos procedentes dalgún dos Consellos locais de participación infantil, impulsados por Unicef-Galicia, da Plataforma de Organización da Infancia de Galicia (POIG) e do sistema de protección autonómico. A constitución deste organismo era moi agardado por mozos e entidades que traballan no ámbito da infancia e procura garantir o seu dereito a ter voz propia.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Consello aprobou o inicio da tramitación do anteproxecto de Lei de loita integral contra os incendios forestais, que virá substituír a Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de 2007. 'Vai actualizar unha normativa que ten xa 16 anos', indicou. 'O obxectivo é aportar unha nova visión global, froito da experiencia acumulada ata agora e incluíndo tamén as recomendacións da comisión de estudo que se creou tras os lumes de 2017', indicou Rueda. Ademais a normativa elaborouse mediante a pertinente consulta pública previa e o proceso participativo levado a cabo coas universidades galegas e co Servizo de Prevención e Extinción.
Galicia será a rexión convidada da edición 2023 da Porto Design Biennale, o maior evento bienal de deseño da Península Ibérica. Así se anunciou hoxe durante a presentación realizada na escola de deseño esad-idea, en Matosinhos (Portugal), na que se adiantaron as liñas mestras do evento, que terá lugar a partir do 19 de outubro. Galicia colle así o relevo de Italia e Francia, países invitados das edicións 2019 e 2021, en recoñecemento ao traballo de impulso ao deseño que se está realizando a través de iniciativas como o Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024 - Diferenza e o labor da Fundación Artesanía de Galicia.
Galicia mellora a súa posición ao converterse na segunda comunidade autónoma que máis reduciu as emisións de gases de efecto invernadoiro en 2021 subindo do terceiro lugar que ocupaba o ano anterior. En concreto, baixaron un 34 % con respecto a 1990, que é o ano que se toma como referencia. No que atinxe á calidade do aire, cómpre lembrar que Galicia conta cun dos mellores sistemas de control e vixilancia deste parámetro de toda España. De feito, a Rede de Calidade do Aire de Galicia está composta por 47 estacións de control fixas e móbiles de titularidade pública (15) e privada (32).
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, destacou hoxe o conxunto de medidas do novo Plan de prevención de incendios forestais que ten como obxecto “evitar que se produzan incendios forestais ou, no caso de que se rexistre algún, que a súa propagación sexa a menor posible”. Entre elas, salientou o reforzo da vixianza para garantir que as parcelas máis próximas á vivenda estean limpas e rozadas. Para iso, apuntou á importancia de que 89 % dos concellos galegos están integrados ao sistema de xestión da biomasa.
| 39,1  de  392 | Siguiente »

Notas sociedad

O salón de actos da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña acollerá este mércores a conferencia de Julián Salas, 'Construíndo con recursos escasos. Contra a fame de vivenda en África'. Julián Salas implementou tecnoloxías apropiadas e apropiables e desenvolvementos metodolóxicos para construír en lugares do sur global onde podería parecer imposible construír.
'O futuro é galego, e o futuro é en feminino', conclúe a cociñeira Lucía Freitas en 'Superheroínas'. A afirmación podería ser o lema da segunda serie que USC e RAG presentaron na Facultade de Ciencias da Comunicación. A produción audiovisual realizouse no marco do proxecto 'Novas voces para a lingua', que procura outorgar visibilidade e promover o uso cotián do galego entre a mocidade dándolles voz a novos creadores e creadoras.
A Cátedra Institucional do Camiño de Santiago e as Peregrinacións, cuxa creación foi froito da colaboración entre a USC e Turismo de Galicia, organiza xunto ao Centro de História da Sociedade e Cultura e o Centro Interuniversitario de Estudos Camonianos, os dous pertencentes á Universidade de Coimbra, a I Xornada Internacional de Estudos Xacobeos que botou a andar este xoves 27 e esténdese ata o venres 28.
O Terra Creative Jam, un evento creativo e de innovación para a xeración de ideas impulsado pola USC e a incubadora Lug Open Factory, deu lugar a un laboratorio de ideas no marco do que 65 rapaces e rapazas chegados de toda Galicia participaron en diferentes obradoiros, ao tempo que resolveron desafíos sociais, ambientais e tecnolóxicos e propuxeron iniciativas orientadas a revitalizar o medio rural.
A República Popular China é un dos países máis antigos e máis poboado do mundo, con máis de 1400 millóns de habitantes. Tamén é a primeira potencia económica mundial por PIB. Todas estas características fan del un foco de especial interese desde calquera punto de vista que se poida prantexar, desde o cultural ao empresarial.
O Instituto Galego de Estatística (IGE) publica hoxe a ‘Estatística de nomes dos neonatos galegos’ correspondente ao ano 2021, que reflicte que ‘Sofía’ e ‘Mateo’ seguen a ser os nomes máis frecuentes das nenas e nenos nados en Galicia. Os nomes de mulleres máis comúns son ‘Sofía’, ‘Noa’, ‘Martina’, ‘Lara’ e ‘Valeria’, que continúan nas primeiras cinco posicións se se compara co 2020.
O proxecto Aldearmos é 'un ambicioso programa de democratización cultural do e no rural'. Así se presentou no campus de Ourense a iniciativa posta en marcha por unha vintena de concellos do rural das provincias de Ourense e Lugo que participan na Rede Aldear. Aldearmos é un programa que conta con catro pés que teñen como obxectivo amosar a vitalidade do rural das provincias de Lugo e Ourense e contribuír a asentar proxectos culturais nel.
O congreso 'Retos do cambio climático: impactos, mitigación e adaptación' botou a andar en Santiago de Compostela. Este foro, organizado conxuntamente por USC e UVigo, constitúe a edición número doce do congreso da Asociación Española de Climatoloxía (AEC). Ata o venres 21, a xuntanza conformará un espazo de referencia para o intercambio, debate científico e difusión sobre as ciencias atmosféricas e, particularmente, o cambio climático.
As facultades de Bioloxía, Ciencias, Física, Matemáticas, Química e a Real Academia Galega de Ciencias, con motivo da celebración da festividade de San Alberte Magno, organizan a IX edición do concurso ‘A Ciencia en imaxe’. O certame conta con dúas categorías, fotografía e vídeo divulgativo, sempre que o contido estea relacionado coas Ciencias, como por exemplo, os seus conceptos fundamentais, científicos/as, fenomenoloxía, aplicacións tecnolóxicas, ou temas de investigación, entre outros.
Santiago de Compostela converteuse este luns 17 de outubro na capital mundial da Xeografía ao acoller, no Colexio de Fonseca, a reunión do comité executivo da Unión Xeográfica Internacional da que é vicepresidente o catedrático da USC, Rubén Lois. O reitor Antonio López mantivo unha xuntanza previa ao acto cos representantes desta asociación asesora da UNESCO e da ONU en diversos ámbitos.


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES