Noticias

Pontevedra reunirá en 2024 á 'elite da investigación sobre transición ecolóxica de Europa'

Coa participación de máis de 500 académicos e académicas de diferentes países, Pontevedra reunirá en xuño do vindeiro ano á 'elite da investigación sobre transición ecolóxica de Europa, nos ámbitos das ciencias económicas e sociais', segundo anunciou o responsable do Post-Growth Innovation Lab da Universidade de Vigo, Mario Pansera. Da man deste grupo de investigación, a cidade será en 2024 a sede do congreso internacional da Sociedade Europea de Economía Ecolóxica (ESEE) e do Grupo Internacional de Estudos sobre Decrecemento e Poscrecemento.

Segundo apuntou Pansera, tras reunirse este martes co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira Anabel Gulías, este foro internacional reunirá na cidade “entre 500 e 1000 persoas durante catro días”. Nel participarán ademais estudantes de institutos de Pontevedra, que presentarán os resultados das súas investigacións sobre o papel da innovación na transición ecolóxica ao abeiro dun proxecto de “ciencia cidadᔠfinanciado pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (Fecyt), do Ministerio de Ciencia e Innovación.

A posta en marcha deste proxecto e a selección de Pontevedra como sede do congreso foron anunciadas nesta xornada por Pansera e o investigador do Post-Growth Innovation Lab Brais Suárez, nunha rolda de prensa xunto a Fernández Lores. “Estamos encantados de que o congreso se celebre en Pontevedra, porque fíxose en cidades moi importantes e eles quixeron expresamente que se fixera aquí polas características da propia cidade”, salientou o rexedor respecto dun evento que, entre o 18 e o 23 de xuño, reunirá expertos e expertas de diferentes países de Europa, así como doutras partes do mundo. Despois do celebrado en Manchester en 2021, tratarase da segunda vez na que conflúan nun mesmo evento a conferencia internacional da ESEE, que alcanzará a súa décimo sexta edición, e o congreso da International Degrowth Research Networks, que celebrará a súa décima edición.

Nese senso, Pansera explicou que cando desde o comité científico contactaron co grupo de cara a preparar a seguinte edición, coa idea de “organizar algo diferente”, a súa proposta foi que “o lugar perfecto” sería Pontevedra, unha cidade que definiu como “un exemplo” en materia de “rexeneración do espazo urbano”. De aí que, tras agradecer a colaboración do Concello, o director do Post-Growth Innovation Lab salientase a importancia de que “un evento tan grande” poida levarse a cabo da man da UVigo e dun “grupo de investigación pequeno", creado hai preto de dous anos en Pontevedra, a raíz da concesión a Pansera da bolsa Starting Grant por parte do Consello Europeo de Investigación (ERC) e integrado a día de hoxe por 17 investigadores e investigadoras.

Dous eixos temáticos

París ou Venecia, lembrou Pansera, foron previamente sedes dos congresos internacionais destas dúas sociedades, que ata o de agora só organizaran unha única "conferencia conxunta das dúas comunidades" en 2021. Nese senso, este foro centrarase por unha banda na economía ecolóxica. “un campo moi interdisciplinar”, que reúne “economistas, sociólogos ou tecnólogos” e que pon o foco na idea “de ir máis aló de que é o diñeiro o que rexe a economía”, posto en “en realidade” esta é “un proceso social que ten que ver co intercambio de materia e enerxía”. O outro eixo central do congreso serán as ideas do dececremento e poscrecemento, que se sustentan en que “temos que vivir dentro dos límites da planeta”, como salientou Pansera. “A economía convencional predica que o crecemento económico ten que ser infinito, pero vivimos nun planeta finito”, lembrou o investigador, para logo subliñar que “o crecemento do PIB non se corresponde co crecemento do benestar”.

Como explicaron nesta presentación, o congreso combinará unha parte “máis académica”, no Pazo da Cultura e no campus, cunha vertente máis orientada á “relación entre cidadanía e ciencia, no casco vello da cidade”. Ademais, adiantou Pansera, a organización traballa tamén nunha “posible colaboración” co festival Surfing the Lérez.

O alumnado de secundaria tamén será protagonista

Nesa idea de promover a relación entre cidadanía e ciencia insírese o proxecto, financiado pola Fecyt, Postgrowth SA Pontevedra, que levará ao estudantado dos institutos da cidade a presentar os resultados das súas investigacións nun apartado do congreso que levará o nome de Espazo Xove. Como explicou Suárez Eiroa, coordinador desta iniciativa, trátase dun “proxecto de ciencia cidadá no ámbito das ciencias sociais”, a través do que “queremos abordar cal é o papel da innovación na transición ecolóxica, particularmente no ámbito territorial local”.

Con esa idea, explicou, o proxecto estrutúrase en “dous grandes bloques”. Por unha banda, buscarase “converter en científicas e científicos sociais ao alumnado de institutos da cidade”, promovendo deste xeito unha iniciativa de “ciencia cidadᔠque, lembrou, “son moito máis habituais nas áreas das ciencias experimentais, pero non tanto nas de ciencias sociais”. Co propósito de que a iniciativa arranque nos meses de setembro ou outubro, o grupo comezará nestes días unha rolda de contactos cos diferentes centros, coa idea de que mozos e mozas de entre 14 e 16 anos tomen parte nun proxecto que buscará dar resposta a preguntas como “que tipo de innovación precisamos nesta transición ecolóxica ou quen gaña e quen perde con este tipo de innovación”. Nese senso, Suárez destacou que aínda “que a investigación hai que deseñala” co propio alumnado, a idea é que o proxecto permita “saír da tendencia de que a innovación tecnolóxica é a que vai solucionar os problemas”, para pór o foco “noutro tipo de innovación”, mais ligada ás realidades locais. Neste punto, Pansera puxo como exemplos de posibles ámbitos de traballo as ideas das comunidades enerxéticas ou a análise de se sería posible articular sistemas de reparto de comida xestionados de forma comunal ou a través dos concellos. “Sempre falamos de solucións tecnolóxicas, pero hai que xuntar as dúas cousas, a parte tecnolóxica coa social”, con que “a innovación sirva para mellorar a vida das persoas”, subliñou Pansera, que destacou tamén a importancia deste tipo de iniciativas á hora de pór relevo “que o coñecemento non só se crea dentro das universidades e dos centros de investigación”.

Partindo desta idea, a segunda “gran novidade” do proxecto, salientou Suárez, é a súa conexión coa conferencia internacional. “A nosa idea é abrir un espazo no que o alumnado e a comunidade dos centros educativos poderán interactuar con académicos de todo o mundo”, sinalou o investigador, xa que o final do proxecto será a presentación dos resultados por parte do alumnado, no marco deste evento internacional.

R., 2023-05-03

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-abanea-2025.jpg) O Festival Abanea celebrará entre o 16 e o 20 de xullo a súa cuarta edición cun programa de danza contemporánea de distintos estilos que distribuirá 15 funcións de nove compañías entre os concellos de Ames, Outes, Marín, Foz e Celanova. ISMO Cultura, colectivo organizador do encontro, estenderá así a súa actividade de exhibición e dinamización ás catro provincias. A bailarina Andrea Castro presentou a primeira fase do espectáculo Lola y los lamentos, como artista seleccionada para o acompañamento bienal 2025–2026 co que o festival apoia procesos de creación de artistas emerxentes e que nesta edición terá como resultado a estrea de 'A mona de seda'.
Foto de la tercera plana (trensturisticos.jpg) A campaña de Trens Turísticos da Xunta de Galicia sigue o seu percorrido este mes de xullo de xullo con varios dos traxectos practicamente vendidos, o que da mostra da excepcional acollida deste produto turístico deseñado por Turismo de Galicia en colaboración con Renfe e o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico – INORDE, dependente da Deputación de Ourense. Cun nivel xeral de ocupación do 71,4%, aínda quedan billetes sobre todo para as saídas de agosto, setembro e outubro. Están á venda a totalidade dos traxectos que compoñen o programa de Trens Turísticos de Galicia. As persoas que queiran gozar desta experiencia singular, que une o desprazamento en tren con visitas a lugares senlleiros da comunidade, teñen aínda oportunidade de comprar o seu billete para os traxectos nos que quedan prazas.

Notas

O 23 de novembro de 2023, despois de millóns de anos de viaxe a través do universo, unha sinal en forma de ondas gravitacionais chegou á Terra. Foi detectada ao mesmo tempo polos observatorios de Hanford e Livingston, separados por máis de 3.000 quilómetros nos Estados Unidos. Pero esta sinal, bautizada como GW231123, non era unha máis: foi causada pola colisión de buracos negros máis brutal que a humanidade puido observar ata agora.
O investigador galego Rafael Carballeira Coego, membro do Grupo de Investigación en Cambio Ambiental e Paleobioloxía (GRICA) do Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA) da Universidade da Coruña, participa nun destacado proxecto internacional que busca reconstruír a historia do fenómeno climático El Niño ao longo de milleiros de anos. A investigación desenvolverase na lagoa La Niña, situada na costa norte do Perú, un enclave estratéxico para o estudo do sistema climático do Pacífico.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES