Notas de prensa

Unha conferencia achégase 'á gran descoñecida potencia mundial' que é China

A República Popular China é un dos países máis antigos e máis poboado do mundo, con máis de 1400 millóns de habitantes. Tamén é a primeira potencia económica mundial por PIB. Todas estas características fan del un foco de especial interese desde calquera punto de vista que se poida prantexar, desde o cultural ao empresarial.

Atendendo a esta relevancia e co obxectivo de achegar este país ao seu alumnado, a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense organizou este martes a conferencia China 2025. A gran descoñecida potencia mundial.

A conferencia foi ofrecida por Modesto Corderí, que conta cunha dilatada traxectoria profesional en relación ao país asiático, sendo profesor do Departamento de Chinés da Escola Oficial de Idiomas da Coruña e docente da Consellaría de Educación; Máster MTCSOL e Comercio Internacional pola Universidade de Pequín; doutor en Linguas en Contornas Multilingües pola Universidade do País Vasco; Premio á Mellor Actividade Didáctica en Chinés (Maryland- USA, 2016), e relator de conferencias en institucións académicas como Notre Dame (Indiana) ou Princeton (USA).

Do económico ao cultural

Na súa intervención, Modesto Corderí explicou “como foi a transformación de China desde os anos 70 ata agora e os últimos cambios acontecidos tanto políticos como empresariais”. Así, detallou, durante este período o país asiático viviu un crecemento económico moi forte, coa súa apertura nos anos 70, 80 e 90 do século pasado. Porén, indicou, agora esta situación está cambiando co novo presidente chinés cara unha época máis pechada. “Non sabemos moi ben o que vai a pasar, é unha época de incerteza”, sinalou.

O relator tamén analizou co alumnado da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo presente algúns casos de estudo de éxito e fracaso empresarial en China e os seus motivos. Tamén fixo unha introdución da súa experiencia de nove anos vivindo en Pequín, onde traballou no Instituto Cervantes e na embaixada de España e fixo a titulación de Filoloxía China. “A miña experiencia é moi positiva. Tratáronme moi ben e aprendín moitísimo”, dixo. Na última parte da súa intervención falou das diferenzas culturais que atopa entre España, Galicia e o país asiático. “Culturalmente China ten 5000 anos de historia, ten arte, música, historia, ten de todo. É un mundo incrible por descubrir”, afirmou o relator.

Modesto Corderí tamén subliñou na súa intervención que “China é unha potencia económica, empresarial, tecnolóxica e en todos os aspectos; todo o mundo ou quere comprar cousas de China ou quere venderlle cousas a China” polo que, dixo, “é necesario cooperar con ela”. Neste senso sinalou que “temos que aprender a convivir con eles”. Por todos os motivos expostos, desde económico a culturais, o convidado animou ao alumnado universitario presente a que, cando poida polas súas circunstancias persoais e polas restricións existentes no país asiático debido á covid-19, visiten China.

Universidade de Vigo (UVigo), 2022-10-25

Actualidad

Foto del resto de noticias (flores-rock-2026.jpg) Presentouse o décimo aniversario do festival Flores Rock, que se celebrará os días 4, 5 e 6 de setembro cunha ampla programación musical e cultural no Barrio das Flores da Coruña. A iniciativa, nacida no propio barrio e fortemente vinculada a súa xente e ao tecido social, mantén dez anos despois a esencia coa que comezou, cunha combinación de música, cultura e participación veciñal. O festival contará con dous escenarios e unha programación que reúne artistas e bandas de diferentes estilos, ademais de actividades para públicos de todas as idades e familias. O Flores Rock naceu en 2016 como iniciativa local e, ao longo desta década, foi consolidándose no calendario cultural da Coruña sen perder a súa identidade.
Foto de la tercera plana (cdc-01.jpg) A Cidade da Cultura volverá converterse o próximo 28 de agosto nun punto de encontro para os novos sons urbanos coa celebración da III Lingua Urbana, unha cita que se consolida dentro da programación dos Concertos do Xacobeo. A terceira edición de Lingua Urbana contará con Yung Beef e Dirty Suc, dous dos nomes máis recoñecidos da escena urbana, aos que se suma Abhir, que ofrecerá en Santiago a súa única actuación en Galicia durante 2026. A presenza galega terá un peso destacadocoa participación de Arce, 9Louro, Lg1do, Sote, Carlos Barral ou Valesk8.

Notas

No marco do convenio asinado pola USC e a Deputación da Coruña, o grupo de investigación Histagra da USC, tamén pertencente ao Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC), está a coordinar o estudo histórico e arqueolóxico das fosas localizadas no cemiterio de Serantes (Ferrol). A primeira cata arqueolóxica neste espazo desenvolverase entre o luns 31 de agosto e o venres 11 de setembro.
Pódese prever como se comportará a rótula despois dunha operación de prótese de xeonllo? Unha investigación desenvolvida no Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) da Universidade da Coruña permite simular o movemento desta articulación tras a intervención e estudar como as características de cada paciente poden influír na elección do tratamento.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES