Actualidad de Sociedad

Noticias sociedad

O Consello da Xunta aprobou o Protocolo de actuación contra as violencias sexuais e LGBTI fóbicas nos espazos de lecer nocturno. Esta medida enmárcase no obxectivo de “tolerancia cero” ante calquera tipo de violencia e busca “previr, detectar e saber como actuar no caso de detectar algunha”. É o resultado dun proceso participativo coas achegas do Observatorio da Violencia de Xénero, do Observatorio LGBTIQ+, e das entidades representativas do sector que, a través da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, fixeron as súas alegacións: a Federación de Hostelería de Pontevedra (Feprohos), a Federación de Asociacións Provinciais de Empresarios de Salas de Festa, Baile e Discotecas de Galicia (Fesdiga), a Asociación de Hostelería de Galicia e a Asociación Galicia de Noite.
A Xunta de Galicia intensificará a vixilancia das praias ante a posible chegada de máis pellets nos vindeiros días polo cambio das condicións marítimas, segundo informou hoxe a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez. Durante a reunión que mantivo esta tarde con técnicos de MeteoGalicia para analizar a evolución das correntes mariñas, á que tamén asistiron o subdirector xeral de Servizo de Gardacostas, Lino Sexto, e a directora de Instituto tecnolóxico para o control do medio mariño (Intecmar), Covadonga Salgado, avaliáronse as previsións meteorolóxicas e a súa incidencia no desprazamento do material vertido polo mercante Toconao en augas portuguesas. Nesa liña, a vicepresidenta segunda explicou que un cento de efectivos se unirán, nos próximos días, ás máis de 200 persoas do operativo medioambiental despregado pola Xunta.
A Cidade da Cultura acolle neste primeiro mes do ano unha selección do mellor cine para público miúdo cunha nova edición de Pequefilmes, o festival internacional de curtametraxes infantís que proxectará no Gaiás máis de medio cento de obras procedentes de 16 países, o 26, 27 e 28 de xaneiro. Con Pequefilmes, a Xunta consolida a súa aposta por ofrecer contidos audiovisuais de calidade desde idades temperás, fomentado o gusto polo cinema e o espírito crítico da rapazada, que será a encargada de elixir cos seus votos as mellores curtametraxes que serán premiadas no festival.
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, participou hoxe pola mañá na sesión extraordinaria do Pleno do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, convocada polo Ministerio de Sanidade, para abordar actuacións coordinadas en materia de saúde pública en relación co incremento de infeccións respiratorias.Segundo Comesaña, a reunión chega tarde, foi improvisada e ademais sen convocar previamente a Ponencia de Alertas nin a Comisión de Saúde Pública. “Non se poden tomar decisións sen escoitar antes aos expertos, así que resulta sorprendente que se convoque un Consello Interterritorial sen reunir antes os técnicos”.
A Xunta organizará no primeiro trimestre deste ano varias mesas de traballo abertas á participación de todos os membros da Alianza galega polo clima, para sentar as bases para establecer novas vías de colaboración e sinerxías na loita contra o cambio climático. Serán os primeiros encontros promovidos para favorecer o intercambio de experiencias, proxectos e iniciativas entre os aliados. Ano e medio despois da posta en marcha desta iniciativa para fomentar a colaboración entre axentes sociais e económicos e sumar o maior número de apoios en Galicia, chegou o momento de dar un paso máis e promover sinerxías entre os case 100 socios que suma.
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade lembra da importancia de vacinarse fronte a covid-19 e a gripe con motivo das xuntanzas familiares que son habituais no Nadal. Así, mantén habilitado o sistema de autocita para vacinarse de ambas infeccións respiratorias no conxunto de hospitais da rede sanitaria pública galega. Deste xeito, tanto as persoas con idades comprendidas entre os 12 e os 59 anos -con algunha condición de risco-, como as persoas de 60 e máis anos, poden facer uso do sistema de autocita para seren vacinados no seu hospital de referencia.
Galicia revalida o seu liderado como a Comunidade Autónoma con máis sendeiros azuis, cun total de 49 itinerarios recoñecidos, 14 máis que en 2023. Este galardón de bandeira sendeiro azul, concedido pola Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (Adeac), busca poñer en valor o papel das sendas e camiños como recurso valioso para gozar da natureza, realizar actividades deportivas e de ocio ao aire libre e aprender a interpretar ambientalmente a contorna. Os 49 sendeiros azuis cos que contará Galicia en 2024 pertencen a 26 concellos, dos que 8 están na provincia da Coruña, 4 na de Lugo e 13 na de Pontevedra.
A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) fai un chamamento xeneralizado á participación de toda a cidadanía na doazón de sangue e, de forma especial, aos doantes do grupo Cero Negativo. A demanda de compoñentes sanguíneos, por causa do incremento da actividade asistencial dos centros hospitalarios, e a coincidencia coas vacacións de Nadal, provocaron unha diminución nas reservas de sangue. Neste sentido, a Axencia fai un chamamento á doazón de todos os grupos sanguíneos, e á participación nas campañas de doazón que realiza a Consellería de Sanidade por mediación de ADOS, xa que os hospitais galegos precisan entre 400 e 500 doazóns diarias para levar a cabo de forma axeitada o seu labor asistencial.
O Servizo Galego de Saúde presentou, a finais da pasada semana, ante a Comisión Central de Seguridade e Saúde do Sergas, o informe de avaliación de riscos psicosociais para o conxunto da organización, que servirá de base para implementar un conxunto de medidas destinadas á mellora da calidade laboral e o benestar dos seus traballadores. Este proceso iniciouse en novembro do ano 2022, desde a área de Recursos Humanos do Sergas, mediante a campaña “Contorno de traballo saudable”, na que remitiu a todo o persoal un “Cuestionario de benestar” para coñecer a súa situación e percepción laboral; realizou diversas “Enquisas ás liñas de mando” para recoller información sobre os equipos de traballo; e organizou un total de 33 reunións dos denominados “Grupos Focais”.
O premio á persoa voluntaria do ano na modalidade individual para as persoas físicas recaeu en Isabel Rubinos Fernández, dada a súa traxectoria e participación en diferentes áreas de actuación acreditadas no ámbito do voluntariado. Ademais, a Asociación Galega de Afectados por Transplantes Medulares (Asotrame) fíxose co premio á entidade de acción voluntaria do ano. O xurado condecora así a consolidada traxectoria de Asotrame na área sociosanitaria e de atención psicosocial. O premio ao mellor proxecto de acción voluntaria deste exercicio foi parar a Solidaridad Intergeneracional, polo seu proxecto ‘CuentaconMigo’, cuxo enfoque está centrado na atención a persoas maiores no medio rural.
« Anterior | 38  de  401 | Siguiente »

Notas sociedad

A Facultade de Historia do campus de Ourense acolleu este xoves a celebración das xornadas Violencia e morte na historia, organizadas polo centro co apoio da Vicerreitoría do campus de Ourense. A cita arrancou cunha conferencia de Mª del Carmen Saavedra, catedrática de Historia Moderna da Universidade de Santiago de Compostela, sobre violencia e guerra en época moderna.
A UDC leva catro anos traballando coa Fundación Galicia Sustentable no Concello da Laracha sobre modelos baseados nos principios da agricultura sintrópica para a rexeneración de chans. Este estudo conseguiu demostrar que estas técnicas de agricultura rexenerativa dan resultados moi notables na recuperación do chan en plantacións intensivas de eucalipto, recuperando a súa produtividade agroalimentaria.
En catro días, o FIV de Vilalba volverá tinguir de fucsia a localidade na que se celebra o primeiro festival da tempada desde fai dezaseis anos. Vilalba espera numerosos visitantes na súa edición máis multitudinaria, albergando este ano un aforo para 5.000 persoas. O venres, o festival abrirá as súas portas ás 19 horas coa sesión de Tangerine Sistas, que dará paso ás actuacións de Moura, Carlangas, Sidecars, La Casa Azul e Akkan.
O Festival RESIS segue enchendo A Coruña da mellor música contemporánea e arte internacional. Como parte da súa programación, esta semana haberá unha instalación sonora e mais un concerto. O venres, día 28 de abril, ás 20:00, inaugurarase Faro Horizontal/7, instalación que se poderá visitar ata o día 19 de maio na Fundación Luís Seoane. Trátase dunha obra que mestura a música coa arte visual, da man de Marco Maril e Juan Lesta respectivamente.
A Nerd Nite correspondente ao mes de abril desenvolverase o vindeiro día 26, a partir das 20.30 horas, na Nave de Vidán. As persoas relatoras serán Andrea Rodríguez Antón, investigadora do INCIPIT-CSIC; xunto cos profesores da USC Alberto Quián e Belén Trigo García. Astronomía, hackers e dereito serán os eixos temáticos sobre os que se asentará a sesión de acceso libre ata completar a capacidade do espazo.
Marcos Méndez, xornalista freelance lucense centrado actualmente na cobertura da guerra de Ucraína, é o gañador da XIX edición do Premio José Couso de Liberdade de Prensa, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e o Club de Prensa de Ferrol, coa colaboración do Concello de Ferrol. A candidatura de Marcos Méndez resultou vencedora con maioría suficiente e sen necesidade de voto de calidade do presidente do xurado.
O Encontro Universitario de Danza que chega á súa vixésimo primeira edición desenvolve este mércores 19, no Teatro Principal de Santiago de Compostela, o seu acto central. Apartir das 20.30 horas, a sesión botará andar coa obra 'Á espera de....', a cargo da aula de danza da Universidade da Coruña. A continuación, será a quenda da Compañía de Danza da Universidade de Vigo no Campus de Ourense, coa obra titulada 'Corpos Celestes'.
As restricións impostas para o control da pandemia da COVID-19 asociáronse a unha redución importante na transmisión do coronavirus en España, estimando que ao incrementar un 34% a intensidade das medidas reduciuse a transmisión nun 22% á semana. Así se conclúe no estudo publicado pola revista Frontiers in Public Health sobre a 'Eficacia de intervencións non farmacéuticas en nove campos de actividade para diminuír a transmisión do SARS-CoV-2'.
A hipertermia con nanopartículas magnéticas é un tratamento que toma como punto de partida o feito de que as células tumorais sexan máis sensibles aos incrementos de temperatura que as sas. Dado que os imáns poden quentarse baixo a acción de campos magnéticos, esta técnica consiste en situar nanopartículas magnéticas (nanoimáns) no tumor, para activalos de xeito remoto.
Conectar os estudos sobre decremento e poscrecemento, que poñen o foco na importancia de que o progreso da sociedade non se basee nun crecemento económico continuado, coa análise dos modos de funcionamento de diferentes tipos de organizacións, tanto públicas como privadas, é o eixo central do seminario que desenvolve o grupo de investigación Post-Growth Innovation Lab.


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES