Notas de prensa

A UDC liderará o maior proxecto de investigación seleccionado polo INE para mellorar a función estatística oficial

O Instituto Nacional de Estatística (INE) concedeu ao Centro de Investigación en TIC (CITIC) da Universidade da Coruña unha axuda de case 650.000 euros para a realización dun proxecto de investigación científica, desenvolvemento e innovación tecnolóxica co obxecto de mellorar a función estatística oficial. A convocatoria establece 13 liñas de traballo das que 7 serán abordadas polo equipo de investigación do CITIC da UDC.

De feito, o CITIC contará para a posta en marcha deste proxecto cun equipo liderado polo investigador Ricardo Cao Abad que estará formado por 19 investigadores especializados en estatística, IA e bases de datos aos que sumarán outros 7 científicos que se contratarán para a realización deste importante proxecto que contará tamén con investigadores do IGE e a Universitè de Genève.

O do CITIC foi un dos catro únicos proxectos concedidos polo INE en toda España dun total de 13 solicitudes presentadas e ademais é o que vai recibir unha maior contía, concretamente máis da metade do orzamento total: 650.000 euros de case 1 millón de euros totais da convocatoria. A Universidade Miguel Hernández de Elche, a Universidade Politécnica de Madrid e a Universidade de Granada son os outros tres centros que xunto co CITIC levarán a cabo as investigacións científicas para mellorar a función estatística xeral.

Poboación, economía e innovación

As liñas que abordará o CITIC son sete. Así, traballará na codificación de respostas abertas en enquisas poboacionais. Tamén en series temporais económicas de longa duración no tempo, a publicación e uso de datos abertos enlazados (linked open data), así como a estimación en pequenas áreas para o uso de información auxiliar na desagregación de enquisas.

Outra das liñas de investigación na que se traballará desde o centro de investigación coruñés será a utilización de información pública na web para determinar características de empresas relativas á innovación e/o a sociedade da información. O obxectivo desta liña de investigación é a análise e desenvolvemento de métodos de aprendizaxe automática (machine learning) que permitan recoller información dispoñible en diferentes webs públicas relativas a variables sobre cuestións referidas á innovación nas empresas.

O uso de información de pagos con tarxetas bancarias para repartir o gasto dos turistas e excursionistas non residentes asignado ás comunidades autónomas entre todas as CCAA que se visitaron e o cálculo de imputacións en índices de cifra de negocio na industria mediante o uso de técnicas de machine learning completan a lista de investigacións que vai abordar o equipo de investigación do CITIC entre os anos 2023 e 2026.

Sobre o CITIC

O CITIC é un centro de investigación que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicada ás TIC, creado en 2008 pola Universidade da Coruña. A actividade científica do centro estrutúrase en catro áreas de investigación principais: Intelixencia Artificial; Ciencia e Enxeñería de Datos; Computación de Altas Prestacións; e Servizos e Redes Intelixentes, e unha área de investigación transversal a todas elas: a de Ciberseguridade. Na actualidade, o CITIC está financiado pola Xunta de Galicia a través do convenio de colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e as universidades galegas para o reforzo dos centros de investigación do Sistema Universitario Gallego (CIGUS). Un dos obxectivos do CITIC pasa por poñer ao alcance da sociedade os resultados das súas investigacións, polo que o centro promove accións de ciencia cidadá e actividades divulgativas que potencien as vocacións científicas e garantan a renovación do talento no ámbito das TIC.

Universidade da Coruña (UDC), 2023-05-19

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES