
O reitor puxo o foco no feito de que España asumirá no segundo semestre deste ano a presidencia de quenda da UE, circunstancia que lle outorga un gran impulso ás ideas que aquí poidan xurdir, afirmou en relación á posibilidade de que as propostas acordadas no cumio sexan tomadas en consideración nunha posible estratexia de cooperación a curto e medio prazo entre os dous continentes.
Félix García Lausín, director coordinador do Espazo Iberoamericano do Coñecemento, afondou na necesidade de dar institucionalidade a este tipo de mecanismos, dixo en relación ao cumio. García Lausín, en representación da Secretaría Xeral Iberoamericana (SEGIB), subliñou que é preciso manter e reforzar este espazo de diálogo no eido da ciencia, coñecemento e educación superior. Nesta mesma liña, Adrián Bonilla Soria, director executivo da Fundación EU-LAC, definiu o cumio como medida saudable e vigorosa. O alcalde de Santiago Xosé A. Sánchez Bugallo vinculou, pola súa parte, a pertinencia do cumio co feito de que estamos asistindo a un proceso de cambio imparable con transformacións sociais e políticas que traen consecuencias non sempre positivas, dixo co gallo da posibilidade de que aparezan, por exemplo, brechas dixitais en sectores con dificultades para adaptarse ao cambio.
Antes de impartir o relatorio inaugural do cumio, Stefania Giannini, subdirectora xeral de Educación da UNESCO, lembrou que Galicia é terra de grandes pensadoras como Emilia Pardo Bazán, Rosalía de Castro e Concepción Arenal, as cales moveron os límites a favor das mulleres. Giannini destacou que a UNESCO segue traballando a prol dun mundo máis xusto a través da educación. A continuación, Ralph Gonsalves, primeiro ministro de San Vicente y las Granadinas e presidente da Comunidade de Estados Latinoamericanos e Caribeños (CELAC) deu a benvida a todas as persoas participantes a través dun vídeo gravado expresamente para a inauguración do cumio. O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, acompañado polo conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, pechou a sesión de apertura lembrado os 500 anos de relacións moi frutíferas entre os dous continentes. O presidente subliñou que a Xunta sempre apoiará os espazos de cooperación, fraternidade e construción.
Alianzas
O obxectivo principal deste foro, que se estenderá ata o venres 5, consiste en impulsar a construción dun espazo común euro-latinoamericano e caribeño de educación superior, ciencia, tecnoloxía e innovación, a través da xeración de coñecemento, o deseño de liñas comúns de acción, o establecemento de alianzas e de capacidades de promoción estables, a integración e a cooperación estratéxica, todo isto nun contexto de transformación da educación superior, contribuíndo así ao desenvolvemento do Plan de Acción UE-CELAC acordado polo Cume de Xefes de Estado e de Goberno desenvolvido en Bruxelas en 2015.
A xuntanza servirá para deseñar estratexias e instrumentos que promovan a creación dese espazo común; incidir na formulación de políticas públicas, plans e programas nacionais a través da creación de espazos de discusión, da elaboración de propostas con base científica e da vinculación da academia coa contorna; e para orientar a acción académica e a xeración do coñecemento cara á consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e a Axenda 2030.
O cumio estrutúrase en relatorios maxistrais e mesas redondas, organizadas en sesións plenarias e sesións temáticas paralelas que virarán ao redor de tres eixos temáticos: a transformación dixital da educación superior con especial atención ao estado actual, retos e oportunidades; coñecemento para o desenvolvemento e a sustentabilidade no eido da ciencia, tecnoloxía e innovación; e a cooperación académica para a construción do Espazo de Educación Superior euro-latinoamericano e caribeño dende a internacionalización solidaria.
O foro está organizado polas tres universidades públicas galegas (USC, UDC e UVigo), a Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral Iberoamericana, o Consello Universitario UE-CELAC, o Consello Superior Universitario Centroamericano, a Universidade do Salvador, a Unión de Universidades de América Latina e o Caribe, a Asociación de Universidades Grupo Montevideo, o Comité Executivo do Espazo Latinoamericano e Caribeño de Educación Superior, a Asociación Europea de Universidades, a Fundación EULAC, as Universidades do Caribe, a CRUE e o Consello de Reitores das Universidades Portuguesas.
Consorcios
A coordinación deste foro por parte da USC atópase en consonancia con outras accións estratéxicas desenvolvidas pola institución compostelá en materia de relacións internacionais como a adhesión á alianza EUniWell, a Universidade Europea do Benestar, que co apoio da Comisión Europea persegue comprender, mellorar, medir e reequilibrar o benestar das persoas, as comunidades e a sociedade no seu conxunto en base a valores democráticos, inclusivos e de diversidade.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.