Noticias

O plástico recollido nas praias duplica xa as cantidades de pellets recuperados

O dispositivo despregado nos últimos días pola Xunta nas praias e no mar para a recollida dos pellets perdidos polo mercante Toconao en augas portuguesas permitiu recoller xa case o dobre de plásticos asimilables a residuos urbanos que pellets. A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, detallou que desde a activación do dispositivo a comezos de mes os medios do Executivo galego recuperaron o equivalente a 92 sacos de 25 quilos, mentres que o resto de plásticos retirados das praias -materiais que comezaron a recollerse o pasado martes- roldan xa os 4.200 quilos.

De feito, na xornada de onte o dispositivo mobilizado pola Xunta recuperou o equivalente a cinco sacos -incluído un saco enteiro recuperado polo Servizo de Gardacostas no litoral de Laxe- e sacou dos areais máis de 1.200 quilos doutros materiais compostos por plásticos.

Nesta liña, e para ter un balance global dos pellets recuperados, Ánxeles Vázquez explicou que o Goberno autonómico vai solicitar aos concellos que trasladen información das cantidades recollidas polo seu persoal ata este momento e para reforzar a colaboración para optimizar a súa xestión.

A representante do Executivo galego salientou que hoxe o operativo de limpeza en terra -composto por máis de 300 efectivos e 56 formadores de voluntarios- está a traballar en 63 praias de 30 concellos e a eles súmanse os medios por mar. Neste sentido, o Servizo de Gardacostas ten activados os helicópteros Pesca 1 e Pesca 2, catro embarcacións de gran porte -o Sebastián de Ocampo, o Irmáns García Nodal, o Ría de Vigo e a Mar de Galicia- e 13 patrulleiras de menores dimensións. Mentres, o Goberno central unicamente mantén activado o avión Rosalía de Castro para facer voos de vixilancia.

Ángeles Vázquez reiterou a necesidade de que o Executivo central realice unha avaliación de riscos deste episodio para coñecer tanto a situación do contedor de pellets -por se ten sacos no seu interior- como a dos outros cinco que caeron ao mar. Ao mesmo tempo insistiu na importancia de que Salvamento Marítimo do Estado active medios propios para rastrexar o medio mariño posto que os dous sacos enteiros atopados por Gardacostas na fin de semana mostran a transcendencia de recollelos no mar para “evitar que se abran e vertan milleiros de partículas pois cada saco son 1,5 millóns de partículas de plástico que poden chegar á costa”.

Previsión de deriva

A representante do Goberno autonómico explicou que as simulacións e previsións de correntes dos próximos días apuntan a que “os pellets deberían dirixirse ao Cantábrico, o que non deixa de ser unha preocupación pois estamos a falar de plásticos que son prexudiciais para o medio ambiente”.

A vicepresidenta segunda tamén avanzou que se está a conformar un comité científico, do que se dará a coñecer mañá a súa composición. De feito, hoxe mantivo unha reunión con representantes da asociación ecoloxista Adega e mantén contactos con organizacións medioambientais e entidades investigadoras para que realicen propostas de incorporación dos seus representantes -biólogos, científicos ou especialistas na materia- a este organismo de estudo e avaliación de riscos.

Ángeles Vázquez explicou tamén que a Xunta está a ultimar o seu informe do sucedido para darlle traslado á Fiscalía e que dirima as responsabilidades que considere oportunas. Neste sentido, quixo salientar “o excelente labor” que realizaron desde o primeiro momento os técnicos do Executivo galego e do Plan Territorial de Continxencias por Contaminación Mariña Accidental de Galicia (Plan Camgal).

R., 2024-01-15

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES