Actualidad de Sociedad

Noticias sociedad

Coa participación de máis de 500 académicos e académicas de diferentes países, Pontevedra reunirá en xuño do vindeiro ano á 'elite da investigación sobre transición ecolóxica de Europa, nos ámbitos das ciencias económicas e sociais', segundo anunciou o responsable do Post-Growth Innovation Lab da Universidade de Vigo, Mario Pansera. Da man deste grupo de investigación, a cidade será en 2024 a sede do congreso internacional da Sociedade Europea de Economía Ecolóxica (ESEE) e do Grupo Internacional de Estudos sobre Decrecemento e Poscrecemento.
A quinta edición do Verbena Fest celebrarase os días 4 e 5 de agosto e terá de novo como escenario o local Meigallo, cunha terraza ao aire libre con capacidade para 1000 persoas. O sábado celebrarase a xornada principal, con música desde as 13.00 horas; os concertos serán de balde ata as 20.00 horas e a continuación de pago ata as 2.00 horas da madrugada do domingo. As entradas darán acceso aos concertos de Second, Sexy Zebras, Kamikaze Helmets e El Chico López. O cartel do sábado completarase coa actuación previa, pola tarde, de Malenne, Louband e Los Naipes.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno autonómico vai incorporar o vindeiro curso tres novas materias optativas enfocadas á mellora das competencias financeiras e da intelixencia artificial, que contribuirán ao reforzo dos currículos académicos do ensino secundario obrigatorio (ESO) e de bacharelato. 'A nosa intención e ir un paso por diante das necesidades do futuro e preparar aos alumnos nas necesidades formativas do mañá', indicou.
A gran amplitude de proxectos de investigación que, na USC e dende diversos enfoques, contribuíron a loitar contra a COVID-19 permitiron desenvolver novas estratexias terapéuticas de potencial aplicación á hora de paliar outras patoloxías. Así se puxo de manifesto na xornada que este martes 25 acolleu o Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS) e na que se presentaron as principais conclusións de oito proxectos desenvolvidos dende a institución compostelá co apoio da Axencia Galega de Innovación (GAIN).
Tivo lugar a primeira reunión do Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia na Cidade da Cultura. Con este primeiro encontro constituíuse de xeito oficial este organismo de participación que procurará involucrar á mocidade na toma de decisións.Os integrantes deste Consello Autonómico son mozos de entre oito e 17 anos procedentes dalgún dos Consellos locais de participación infantil, impulsados por Unicef-Galicia, da Plataforma de Organización da Infancia de Galicia (POIG) e do sistema de protección autonómico. A constitución deste organismo era moi agardado por mozos e entidades que traballan no ámbito da infancia e procura garantir o seu dereito a ter voz propia.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Consello aprobou o inicio da tramitación do anteproxecto de Lei de loita integral contra os incendios forestais, que virá substituír a Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de 2007. 'Vai actualizar unha normativa que ten xa 16 anos', indicou. 'O obxectivo é aportar unha nova visión global, froito da experiencia acumulada ata agora e incluíndo tamén as recomendacións da comisión de estudo que se creou tras os lumes de 2017', indicou Rueda. Ademais a normativa elaborouse mediante a pertinente consulta pública previa e o proceso participativo levado a cabo coas universidades galegas e co Servizo de Prevención e Extinción.
Galicia será a rexión convidada da edición 2023 da Porto Design Biennale, o maior evento bienal de deseño da Península Ibérica. Así se anunciou hoxe durante a presentación realizada na escola de deseño esad-idea, en Matosinhos (Portugal), na que se adiantaron as liñas mestras do evento, que terá lugar a partir do 19 de outubro. Galicia colle así o relevo de Italia e Francia, países invitados das edicións 2019 e 2021, en recoñecemento ao traballo de impulso ao deseño que se está realizando a través de iniciativas como o Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024 - Diferenza e o labor da Fundación Artesanía de Galicia.
Galicia mellora a súa posición ao converterse na segunda comunidade autónoma que máis reduciu as emisións de gases de efecto invernadoiro en 2021 subindo do terceiro lugar que ocupaba o ano anterior. En concreto, baixaron un 34 % con respecto a 1990, que é o ano que se toma como referencia. No que atinxe á calidade do aire, cómpre lembrar que Galicia conta cun dos mellores sistemas de control e vixilancia deste parámetro de toda España. De feito, a Rede de Calidade do Aire de Galicia está composta por 47 estacións de control fixas e móbiles de titularidade pública (15) e privada (32).
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, destacou hoxe o conxunto de medidas do novo Plan de prevención de incendios forestais que ten como obxecto “evitar que se produzan incendios forestais ou, no caso de que se rexistre algún, que a súa propagación sexa a menor posible”. Entre elas, salientou o reforzo da vixianza para garantir que as parcelas máis próximas á vivenda estean limpas e rozadas. Para iso, apuntou á importancia de que 89 % dos concellos galegos están integrados ao sistema de xestión da biomasa.
Foi presentado o festival Ouren Sound Fest, que se desenvolverá do 25 ao 28 de maio. Destaca a relevancia da programación desta VIII edición, que contará con grupos de renome como é Andrés Calamaro, os grupos revelación do 2022, Shinova e Cariño; e en música urbana, artistas como DePedro. O festival ten como obxectivo principal dinamizar a cidade de Ourense, dotándoa de contidos culturais que non só se limitan a realización do propio festival, e que o mesmo tempo é un motor turístico e patrimonial. O Ouren Sound Fest é moito máis que un festival de música, é un medio de difusión e concienciación de determinados oficios.
| 33,9  de  387 | Siguiente »

Notas sociedad

A decana da Facultade de Matemáticas da USC, María Elena Vázquez Cendón, recibirá o premio María Josefa Wonenburger 2022. A nova deuse a coñecer no último pleno da Unidade Muller e Ciencia da Xunta de Galicia, na que se tivo en conta a carreira de investigación e divulgación da matemática. 'É o corolario a un traballo feito', afirmou a profesora da USC logo de coñecer a nova da concesión. 'Sinto moita alegría e gratitude', sinalou.
Un sistema de tarifas variables podería servir para que a cidadanía tome conciencia e se responsabilice dos problemas ambientais derivados dos residuos que produce? A investigación desenvolvida na USC por Álvaro Fernández Braña profunda nesta cuestión ao abordar o coñecido como ‘pay-as-you-throw’ (PAYT) —paga só polo que botas ao lixo— instaurado dende hai décadas en países da Europa Central.
Preto dun 20% dos e das adolescentes galegas presentan síntomas de depresión grave e moderada. Ademais, o 12,7% ten ideas suicidas recorrentes. Estas cifras multiplícanse por 3 ou 4 entre as persoas que padecen acoso escolar. Son datos extraídos do informe ‘Adolescencia, Tecnoloxía, Saúde e Convivencia’ elaborado por USC e Fundación Barrié, cunha mostra final, logo dun proceso de depuración, de 8.833 adolescentes.
A través dos talleres que o estudantado da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte da UVigo imparte nestes 15 colexios e dunha serie de encontros con investigadoras e investigadores, Te lo cuentan las matemáticas busca rachar coa percepción desta ciencia como algo desconectado da vida cotiá e cun modelo de aprendizaxe baseado na aplicación de regras de forma mecánica.
O Centro Universitario de Riazor acollerá as xornadas 'A Coruña global no mundo do S.XXI', organizadas polo IGADI en colaboración co Concello da Coruña. Estas xornadas, que chegan á segunda edición, teñen como obxectivo explorar as posibilidades e potencialidades da Coruña como cidade intermedia global, no marco da acción exterior galega, española e europea, aliñada como unha cidade comprometida coa Axenda 2030.
O traballo desenvolvido polo departamento de Historia da USC foi recoñecido no marco dos Premios da Crítica 2022, na categoría dirixida a iniciativas culturais e científicas. O xurado salientou 'a importante dimensión espacial e temporal dunha iniciativa cultural e científica de longo alento, que abre as portas ao coñecemento do Paleolítico no territorio galego'.
A Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña acollerá un encontro internacional no que se analizará a incidencia do cambio climático na saúde e na vida das persoas. Organizado polo grupo de investigación Persoa-Ambiente da UDC, que coordina a profesora Cristina García Fontán, desenvolverase no salón de graos da Escola do 21 ao 25 de novembro coa presenza de destacados especialistas de Xapón, Arxentina e Estados Unidos.
Este venres o Presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda Valenzuela inaugurará oficialmente as novas instalacións de Aspnais no edificio do antigo Hospital de San José, cedido á Asociación de pais e titores de persoas con discapacidade intelectual pola Deputación Provincial de Lugo. Hai algo máis de dous anos que Aspnais ocupa o edificio, no que se efectuaron moi importantes obras de renovación interior e acondicionamento.
A Rede de Centros Singulares de Investigación da USC volverá abrir as súas portas o vindeiro sábado, 19 de novembro, a través da xornada ‘Ciencia Singular’ que, como cada ano, permitirá achegar á cidadanía a investigación punteira que se realiza nos centros da rede. Esta celebración fai partícipe á sociedade, por sexto ano consecutivo, para dar a coñecer os últimos avances en química, física, medicina molecular ou tecnoloxías intelixentes.
As novas violencias sexuais foron obxecto de análise nun foro este venres que profundou en cuestións como a submisión química ou as agresións dixitais. A Facultade de Ciencias da Comunicación da USC acolleu esta xornada na que se deron cita preto dun cento de asistentes. A apertura do acto estivo presidida pola delegada do Reitor para a Igualdade, Marta Pérez Pereiro.


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES