Notas de prensa

Preto de 800 escolares de Vigo e Pontevedra achéganse ás aplicacións das matemáticas na vida cotiá

A través dos talleres que o estudantado da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte da UVigo imparte nestes 15 colexios e dunha serie de encontros con investigadoras e investigadores, Te lo cuentan las matemáticas busca rachar coa percepción desta ciencia como algo desconectado da vida cotiá e cun modelo de aprendizaxe baseado na aplicación de regras de forma mecánica.

Preto de 800 alumnos e alumnas de doce colexios de Vigo e de tres de Pontevedra participan o longo do presente curso nun proxecto dirixido a estimular as “vocacións matemáticas” dos nenos e nenas de primaria e a amosarlles as múltiples aplicacións desta ciencia na vida cotiá.

O seu obxectivo é que os nenos e nenas “non só saiban que as matemáticas son útiles, senón que poidan comprender o papel que xogan no mundo que lles rodea”, explica a profesora Marta Pérez, coordinadora dun proxecto que conta co financiamento da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología-Ministerio de Ciencia e Innovación e do Consello Social da Universidade de Vigo.

Promovido polo grupo de innovación docente MaReMa (Materiais e Recursos para as Matemáticas), trátase dun programa que “apoia a ensinanza da materia desde un punto de vista científico, tecnolóxico, atractivo, innovador e complementario aos currículos”. Con ese obxectivo, comprende, por unha banda, a organización en cada trimestre dunha serie de talleres, de carácter manipulativo e tecnolóxico, que permiten ao estudantado de 5º e 6º de primaria achegarse ás aplicacións das matemáticas en múltiples eidos, desde a astronomía e a espionaxe, ata a xeración de mapas ou o uso da estatística no deporte. “Buscamos achegalos á importancia que teñen as matemáticas na súa vida cotiá dunha forma máis tanxible, que coñezan e comprendan as súas aplicacións”, salienta Pérez dun proxecto que reúne na súa terceira edición o maior número de participantes ata a data. “A verdade é que estamos moi satisfeitas coa resposta”, recoñece a profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte dunha iniciativa que se complementa á súa vez con actividades formativas e recursos educativos para o profesorado.

Ademais dos talleres que se levan a cabo nos 15 colexios participantes e que son impartidos maioritariamente polo alumnado do Grao en Educación Primaria, Te lo cuentan las matemáticas, comprende tamén unha serie de encontros con investigadoras e investigadores, que buscan contribuír a espertar esas vocacións nos nenos e nenas, así como pór o foco nos nesgos de xénero existentes neste eido. 

Aplicacións prácticas e matemáticas de referencia

Estruturado en tres bloques temáticos para o alumnado de quinto e noutros tres diferentes para o de sexto, este proxecto educativo toma como punto de partida “unha figura matemática e unha aplicación cotiᔠna articulación dos contidos que se imparten cada trimestre. Así, neste mes de novembro desenvolvéronse nos colexios dous talleres, “un de carácter tecnolóxico e outro de carácter manipulativo”, correspondentes cos bloques de Te lo cuenta la criptografía y Te lo cuentan los códigos, dirixidos tamén á por de relevo as traxectorias das matemáticas Ada Lovelace, Agnes Meyer Discroll e Dorothy Vaughan.

As achegas destas matemáticas e matemáticos de éxito tamén son abordadas nos “encontros inspiradores” que pechan as actividades de cada trimestre e que combinan a asistencia presencial co seguimento virtual a través de UVigo-TV. Trátase de coloquios con novas investigadoras e investigadores en matemáticas, que ademais de afondar nas figuras seleccionadas presentan tamén o seu “percorrido profesional e científico”, co propósito visualizar ante os escolares a profesión de investigador en matemáticas. 

No segundo trimestre, a actividade continúa cun bloque centrado nas aplicacións das matemáticas na astronomía e na figura de Hipatia de Alexandría e outro dedicado os movementos, no que os escolares coñecerán o traballo de Emmy Noether e verán como as matemáticas fan posible crear un GIF. Por último, no terceiro trimestre o alumnado de quinto participará nas actividades de Te lo cuentan los mapas, coas que coñecerán as achegas de Maryam Mirzakhani e J. Carl Friedrich Gauss, mentres que o de sexto afondará nos diferentes usos da estatística e na figura da matemática Florence Nightingale en Te lo cuentan los datos. 

Ir máis aló dos 800 participantes presenciais

Tanto nos talleres como nos encontros participa o alumnado dos CEIP vigueses Alfonso R. Castelao, Chans-Bembrive, Emilia Pardo Bazán, Escultor Acuña, Frian-Teis, García Barbón, Igrexa-Candeán, Mestres Goldar, Paraixal, Pintor Laxeiro, Ramón y Cajal e Virxe do Rocío, así como os colexios pontevedreses de San Martiño, Cabanas e Santo André de Xeve. Mais, como sinala Pérez, este proxecto busca tamén ir máis aló dos 800 participantes presenciais e “chegar a cantos máis nenos e nenas poidamos, co obxectivo de fomentar na sociedade a utilidade das matemáticas”. Con esa idea, Te lo cuentan matemáticas conta cunha área de recursos na súa web que reúne “materiais que calquera docente pode usar nas súas aulas” e que irá nutríndose de novos contidos ao longo do curso, “que poden ser utilizados tanto no último ciclo de primaria como en primeiro e segundo da ESO”. Ao mesmo tempo, o proxecto abrangue tamén o desenvolvemento cursos formativos específicos para docentes centrados no traballo das matemáticas a través “desta metodoloxía baseada en talleres”. 

Xunto a Pérez, o equipo responsable do proxecto está integrado polos profesores da UVigo José Manuel Casas, Xabier García e Ixchel Dzohara Gutiérrez, a investigadora predoutoral da Universidade de Santiago de Compostela Beatriz Álvarez e os profesores de primaria Lorena Fernández, do CEIP Chans-Bembrive; Benito Gil, do García Barbón; María Fernández, do Otero Pedrayo, e Abel Varela, do Frian-Teis. 

Universidade de Vigo, 2022-11-29

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES