Notas de prensa

A xornada de portas abertas 'Ciencia Singular' desenvolverase o vindeiro sábado 19 de novembro

A Rede de Centros Singulares de Investigación da USC volverá abrir as súas portas o vindeiro sábado, 19 de novembro, a través da xornada ‘Ciencia Singular’ que, como cada ano, permitirá achegar á cidadanía a investigación punteira que se realiza nos centros da rede. Esta celebración fai partícipe á sociedade, por sexto ano consecutivo, para dar a coñecer os últimos avances en química, física, medicina molecular ou tecnoloxías intelixentes.

“‘Ciencia Singular’ constitúe un espazo de reflexión colectiva ao redor da ciencia que, por enriba de todo, permite tamén pasar unha divertida xornada en familia”, apuntan dende a organización.

As actividades deste evento, financiado pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, desenvolveranse ao longo de toda a xornada do sábado, e para participar nelas será imprescindible realizar inscrición previa nesta ligazón.

CiQUS

As persoas que visiten o Centro de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CiQUS) converteranse en "detectives moleculares" por un día, e deberán permanecer ben atentos para poder identificar moléculas. Ademais, os e as visitantes poderán infiltrarse nos laboratorios, coñecer in situ como traballa o persoal científico do centro e conversar con eles e elas sobre desafíos tan interesantes como os materiais grafénicos ou o uso de nanoferramentas con aplicacións biolóxicas. Os máis pequenos divertiranse xogando con polímeros, observando como brillan algunhas bacterias mediante unha proteína fluorescente, ou aprendendo os segredos da cociña molecular, entre outras sorpresas preparadas para a xornada.

CiMUS

Con motivo da celebración do ‘Ano de Investigación Santiago Ramón y Cajal’, o Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS) organizará, entre outros, un conxunto de talleres de divulgación dedicados ás neurociencias. Ademais, os visitantes poderán acceder ao laboratorio dedicado ao descubrimento temperán de fármacos, e asistir a un programa de charlas divulgativas no que se abordarán temas como o autismo, as enfermidades cardiovasculares, a epitranscriptómica ou a que ritmo envellecemos. Os e as máis pequenas converteranse en verdadeiras científicas observando ao microscopio mostras de células animais e vexetais, alén de aprender unha correcta saúde bucodental á vez que elaboran un dentífrico natural, ou a importancia da hixiene mentres fabrican un xabón personalizado.

CiTIUS

O Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS) mantén a súa aposta por aliñar os demostradores da xornada cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), e acollerá ao longo do día distintas conferencias e visitas guiadas con temáticas tan variadas como o uso de tecnoloxías Big Data para a detección de desinformación médica, ou a exploración interactiva de grandes volumes de datos de observación ambiental. A visita permitirá aos máis pequenos e pequenas achegarse ás tecnoloxías intelixentes, dándolles a oportunidade de vivir experiencias como manexar un brazo robótico, enfrontarse durante unha partida de scalextric a coches dotados de intelixencia artificial que aprenden de maneira autónoma, ou descubrir como funcionan pequenos humanoides. Mentres, os maiores poderán tamén experimentar nun marco de Realidade Virtual como é reimaxinarse a un mesmo, aos demais e ao mundo microscópico que nos rodea.

IGFAE

As charlas divulgativas do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da USC e da Xunta de Galicia, achegarannos aos eventos máis extremos do universo, as ondas gravitacionais e os buracos negros, pero tamén ás aplicacións médicas da física e ao corazón da materia. Os talleres permitirán coñecer e detectar en tempo real a radiación que nos chega do espazo, alén de penetrar nun laboratorio de aceleración láser, mentres que os pequenos poderán gozar dun divertido espectáculo de experimentos utilizando o método científico. O programa do IGFAE complétase cun conxunto de exposicións autoguiadas, unha delas con motivo do décimo aniversario do descubrimento do bosón de Higgs e a outra cunha carta de núcleos construída con Legos para visualizar os isótopos en tres dimensións.

Os centros organizadores contan coa acreditación e o financiamento da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades a través do Programa de axudas para a acreditación, estruturación e mellora de centros de investigación do Sistema Universitario de Galicia (SUG), co financiadas a través de FEDER (programa operativo Feder Galicia 2014‐2020).

Universidade de Santiago de Compostela, 2022-11-14

Actualidad

Foto del resto de noticias (autopista-ap9.jpg) A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, instou ao Goberno central a paralizar a suba dos prezos da AP-9 para 2027 e que os conxele como a Xunta fará coas autoestradas de titularidade autonómica. Allegue respondeu a unha interpelación sobre a situación da autoestrada no Parlamento autonómico, e apuntou que a suba prevista para AP-9 e AP-53 é dun 5% e un 4% respectivamente, o que as converte nas máis caras de España. Incidiu en que nesta lexislatura houbo un incremento dun 20% nos prezos mentres que nas da Xunta non houbo ningún aumento.
Foto de la tercera plana (agro-tractor.jpg) A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, reclamou en Bruxelas 'financiamento suficiente, estabilidade e seguridade' para a nova PAC. Foi durante a súa intervención no evento da Coalición Agriregions, no Comité Europeo das Rexións, no que estivo acompañada polo director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño. Na organización da xornada tomou parte a Fundación Galicia Europa, que prestou apoio técnico á delegación galega na capital comunitaria para participar nesta reunión conxunta con membros do Parlamento Europeo e do devandito Comité das Rexións.

Notas

O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da USC e a Xunta de Galicia, organzia do 23 ao 27 de novembro a novena edición da Semana da Ciencia, a cita anual coa que pretende achegar o seu labor investigador á sociedade. Nesta ocasión, o programa centrarase nos retos e oportunidades de futuro que se abren nas áreas de investigación nas que traballa o persoal do IGFAE.
Ata o 12 de xaneiro de 2027 a Sala Alterarte, o espazo expositivo do campus de Ourense, acolle a mostra Glaciares a derreterse, da artista italiana Cinzia N. Rojas e comisariada por Vítor Nieves e Xosé Lois Vázquez. Na exposición, o público visitante pode ver unha proxección sobre o desexo glaciar. A mostra foi inaugurada contando coa participación da artista.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES