Actualidad de Política

Noticias politica

A Xunta exixe o rescate da AP-9 e asina cos Gobernos de Asturias e Castela e León e o tecido empresarial das tres comunidades a Declaración Compostela, que insta á Comisión Europea a culminar o ditame sobre as prórrogas da AP-9 e AP-66. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, interveu no encontro 'As infraestruturas viarias do Noroeste', organizado pola Confederación de Empresarios de Galicia.
Galicia, once comunidades autónomas -Andalucía, Cantabria, A Rioxa, Rexión de Murcia, a Comunidade Valenciana, Aragón, Canarias, Estremadura, Illas Baleares, Madrid e Castela e León- e as cidades autónomas de Ceuta e Melilla veñen de enviar unha carta á comisaria europea de Medio Ambiente, Resiliencia Hídrica e Economía Circular Competitiva, Jessika Roswall, na que defenden o rigor técnico da súa xestión do lobo e denuncian a actitude arbitraria do Goberno central nesta materia, que pretende declarar o estado de conservación desta especie como desfavorable cando os datos científicos indican que é favorable.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello aprobou hoxe o Plan para o impulso da atención á diversidade de Galicia que se comezará a aplicar xa desde o vindeiro curso 2026-27 e contará 'cun importe de 118 millóns de euros ata 2030'. Unha folla de ruta que incluirá o reforzo do número de profesionais e novos recursos, así como melloras na organización e no traballo de xestión en prol dunha maior axilidade e eficiencia. A través deste plan da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, dáse un novo paso na calidade da educación inclusiva e personalizada do sistema educativo galego.
O Executivo galego, na súa reunión de hoxe, deulle luz verde ao inicio da consulta pública previa á redacción deste anteproxecto de lei que establecerá un marco xurídico moderno, integral e adaptado ás necesidades actuais da saúde pública de Galicia. A través do proceso de consulta pública recolleranse as achegas da cidadanía e dos axentes implicados á redacción da norma. 'Queremos modernizar o marco xurídico en materia de saúde pública para responder aos desafíos actuais', indicou o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, quen falou dos novos riscos 'sanitarios e ambientais'.
Celebrouse hoxe a sesión constitutiva do Foro do Litoral de Galicia, que será o máximo órgano colexiado de consulta e participación do conxunto da sociedade co fin de optimizar a xestión e ordenación da costa galega. Nel están representadas a Administración autonómica e as locais así como os sectores social, científico, económico e medioambiental e as entidades implicadas na protección do patrimonio natural co fin último de garantir unha gobernanza que permita unha participación suficiente de todos os sectores da sociedade interesados no litoral. A constitución do foro facilitará a partir de agora facer un seguimento das normas, políticas e instrumentos do litoral.
Alfonso Rueda informou de que o Consello deu conta do inicio da tramitación do anteproxecto da que será 'a primeira Lei do terceiro sector da acción social de Galicia'. Unha norma que busca 'unificar nun único texto legal a regulación deste eido e recoñecer de xeito formal o seu traballo e o papel que xogan as entidades na sociedade galega'. A necesidade de aprobar esta lei xustifícase na importante presenza destas entidades en Galicia, preto de 1.500, -que constitúen 'unha auténtica rede de solidariedade', segundo resaltou a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García-, para apoiar as persoas e fogares máis vulnerables.
O presidente da Xunta informou de que a Xunta vén de solicitar ao Goberno central 'que suspenda de inmediato a reforma do Regulamento de Costas' porque 'invade competencias exclusivas de Galicia e vulnera os dereitos dos titulares de concesións do litoral'. O Goberno autonómico lembra que, nos termos actualmente previstos, este regulamento non se adecuaría ás exixencias da Comisión Europea nin ao propio Dereito comunitario.
Galicia sitúase como a comunidade autónoma con menor porcentaxe de pacientes que agardan máis de 60 días por unha consulta co especialista. Así o referendan os datos publicados polo Ministerio de Sanidade sobre listas de espera no Sistema Nacional de Saúde a peche de 2025. Segundo os datos, en decembro de 2025 a comunidade galega situouse como a cuarta rexión española con mellores tempos medios de espera no ámbito das primeiras consultas. Neste eido, o Servizo Galego de Saúde rexistrou unha media de 63 días de espera, fronte aos 102 do Sistema Nacional de Saúde. Estas cifras reflicten que os galegos esperan 39 días menos para acceder a unha consulta co especialista que a media dos españois.
A Xunta de Galicia trasladou á Comisión Europea (CE) a súa inquedanza ante a reforma do Regulamento Xeral de Costas que está a impulsar o Goberno central, xa que unha vez analizado xuridicamente o anteproxecto en tramitación conclúe que é contrario a dereito xa que incumpre a lexislación española, ademais de ignorar a opinión das comunidades autónomas competentes na materia. A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, aproveitou a súa viaxe a Bruxelas para reunirse con varios membros da Dirección Xeral de Mercado Interior, Industria, Emprendemento e PEMES da CE, aos que lles entregou un informe sobre a análise xurídica realizada pola Xunta do anteproxecto de Real Decreto de modificación do Regulamento de Costas.
O titular do Goberno galego, Alfonso Rueda, trasladou esta mañá á Comisión Europea, a necesidade de que o novo marco financeiro teña en conta o papel das rexións, aposte por unha xestión descentralizada dos fondos comunitarios e manteña unha política de cohesión forte no continente. Rueda, como presidente da delegación española no Comité Europeo das Rexións, mantivo unha reunión co resto de representantes nacionais e a presidenta do organismo, Kata Tüttő, co fin de fixar 'unha postura común'. Nela, lembrou as demandas de España cara o novo modelo de financiamento, que xa foron recollidas na Declaración de Galicia aprobada en outubro.
« Anterior | 2  de  158 | Siguiente »

Notas politica

A Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal vén de publicar na súa web o documento do Plan de Investimentos Conxuntos 2021-2027 para a súa consulta pública. Estará accesible ata o 22 de xaneiro para que todos os axentes interesados poidan facer as súas achegas de cara á concreción dun documento final, que será aprobado no próximo plenario da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal.
Este intercambio de información enmárcase na colaboración que tradicionalmente manteñen Galicia e Portugal e que cobra agora unha especial relevancia por mor da loita contra a covid-19. Dada a estreita relación entre ambos territorios e o continuo tránsito de viaxeiros, o coñecemento mutuo das respectivas situacións epidemiolóxicas será unha ferramenta mais para adoptar con maior rapidez as medidas sanitarias máis axeitadas.
Nós no mundo é un informe anual impulsado polo IGADI e centrado na acción exterior galega. Esta décimo primeira entrega pon o foco nas temáticas fundamentais neste eido para a vindeira década: o marco político e legal do Goberno galego en acción exterior 2009-2020, o rol da vella e nova diáspora, a radiografía da nosa economía internacional, a aterraxe no sistema institucional galego da Axenda 2030, as relacións de Galicia con China, a lusofonía e o Reino Unido (Post-Brexit), ou o papel da tradución na acción exterior galega.
Xa está dispoñible para descarga a aplicación móbil que permitirá seguir os datos de participación e o avance en directo do escrutinio das eleccións ao Parlamento de Galicia que se celebran o próximo domingo, 12 de xullo. Pode instalarse desde os markets de Android e iOS. Ademais, os mesmos datos estarán tamén dispoñibles na web resultados2020.xunta.gal, que estará operativa o próximo domingo.
A Xunta presenta unha declaración conxunta con todas as comunidades autónomas enmarcada na crise da covid-19, mediante a que se acordan propostas imprescindibles para promover o desenvolvemento sustentable nun mundo complexo, cambiante e interdependente, segundo consta no documento. A declaración, froito do acordo e do interese por impulsar accións conxuntas entre o Encontro Autonómico
Tivo lugar hoxe a mesa inaugural do 'Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía: os municipios, pezas clave do desenvolvemento', que acolle a Escola Galega de Administración Pública - EGAP ata mañá, promovido polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, entidade nacida no ano 1997, produto da vontade integradora das políticas de cooperación para o desenvolvemento no ámbito da cooperación oficial descentralizada local.
A Xunta convocou unha nova edición do Premio Manuel Colmeiro co fin de fomentar e distinguir traballos de estudo e investigación sobre as administracións territoriais, institucionais e instrumentais do sector público de Galicia. Os traballos poderán versar sobre a súa organización, estrutura, funcións ou ámbitos competenciais. Por outra banda, a EGAP vén de poñer á venda o traballo premiado na XX edición do Premio Manuel Colmeiro.
Presentouse a cuarta edición desta campaña de concienciación e sensibilización que ten por finalidade, impulsar a cultura da separación de residuos de envases lixeiros e papel-cartón para a súa reciclaxe, é dicir, fomentar o coidado da contorna, do medio natural e da biodiversidade. Trátase dunha iniciativa que se leva a cabo nos meses nos que se concentra o maior número de peregrinos, de xuño a outubro.
Baixo o título “Reflexión postelectoral”, o Profesor de Ciencias Políticas da USC Antón Losada, o comentarista político de La Voz de Galicia Domingos Sampedro e a redactora xefa de Europa Press Beatriz Vila analizarán os resultados saídos das votacións do 28A ao Congreso, nun acto que estará moderado polo xornalista Fernando Salgado. Esta actividade, aberta ao público en xeral ata completar a capacidade da sala, desenvolverase ás 20 horas na Rúa do Vilar, 19 de Santiago de Compostela
O Ministerio de Política Territorial acaba de conceder á Deputación da Coruña, máis de 4 millóns de euros (4.252.591,45€) procedentes do Fondo Social Europeo para desenvolver o proxecto PEL- Emprego Sostible no Eido Rural. A institución provincial achegará outros 1,1 millóns para completar o orzamento total do programa, que ascenderá a 5.315.739 euros.


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES