
En concreto, na carta, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e os seus homólogos autonómicos informan á responsable europea de que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico abriu un trámite non previsto regulamentariamente -un procedemento de información pública- que parece pretender convencer á opinión pública de que as comunidades non fomos capaces de aportar con rigor todos os datos e a información necesarios para elaborar correctamente o informe de avaliación dunha única especie, o lobo ibérico.
De feito, na documentación dese procedemento inclúense expresións como valoracións unilaterais e carentes de validación científica algunha que suxiren que a información recompilada polas comunidades non é fiable, que os seus sistemas de seguimento carecen de rigor e, ademais, supoñen un cuestionamento implícito da solvencia técnica de todo o persoal desas administracións.
Nese senso, resulta contraditorio que este novo trámite só se considere preciso para a documentación do lobo, e non se poña en cuestión, en ningún momento, o traballo realizado para outras especies, que se fixo co mesmo procedemento, cos mesmos participantes e cos mesmos criterios. Os datos que se trasladaron teñen base tanto na literatura científica como na realidade dos datos do territorio, indican as comunidades na súa carta á comisaria europea.
Ademais, as comunidades tamén expoñen que o Goberno central tampouco respectou no caso do lobo o procedemento de comunicación e diálogo para a validación formal dos arquivos remitidos. Pola contra, si houbo solicitudes de revisión por parte do Ministerio de cuestións formais nos informes doutras especies, que foron solventadas en tempo e forma. E, neste senso, tampouco convocou a Conferencia Sectorial de Medio Ambiente na que se debería debater este tema.
A maiores, no que atinxe aos criterios empregados na análise, as comunidades autónomas denuncian que o Executivo central alude a supostas pautas establecidas pola autoridades comunitarias que, ou ben son falsas ou ben sementan dúbidas sobre unha suposta inconsistencia dos datos autonómicos.
É o caso, por exemplo, da suposta obriga de alcanzar as 500 mandas nunha rexión bioxeográfica para que o estado de conservación do lobo poida ser considerado como favorable. Trátase dun criterio que nunca foi establecido como tal pola Comisión e, de feito, hai países que, con moitos menos exemplares dos censados polas comunidades españolas, declararon o estado de conservación desta especie como favorable sen que Bruxelas puxera reparos á validación do respectivo informe sexenal.
Tamén poñen de manifesto as interpretacións subxectivas que o Ministerio fai sobre a xurisprudencia do Tribunal Superior de Xustiza da Unión Europea (TJUE). Neste senso, cómpre lembrar que nin o TJUE nin a Comisión Europea prohiben de maneira absoluta o control cinexético total, pero si exclúen expresamente as extraccións carentes dunha xustificación rigorosa e cientificamente fundamentada.
Por outra banda, os representantes autonómicos tamén solicitan información á comisaria europea sobre unhas recentes declaracións do secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, na que indicaba que xa entregara el mesmo os datos do lobo á Comisión Europea, documentación que non foi trasladada ás comunidades. E, de feito, a propia comisaria europea de Medio Ambiente, Resiliencia Hídrica e Economía Circular Competitiva comunicou o pasado mes de abril que aínda estaba á espera da remisión por España do informe sexenal e que por ese retraso se iniciou a apertura dun procedemento de infracción.
Carta da Xunta ao Ministerio para a Transición Ecolóxica
A maiores, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático tamén enviou unha carta ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico na que traslada os seus argumentos e consideracións sobre o informe sometido a información pública, que coinciden cos expresados na comunicación remitida á Comisión Europea.
Nesta carta, ademais de poñer en valor o traballo rigoroso e científico dos técnicos autonómicos, cuestiona o proceder do Goberno central nesta cuestión e defende que o Plan de xestión do lobo en Galicia foi concibido precisamente para compatibilizar a protección estrita da especie coa mitigación de danos recorrentes ao gando. Trátase, polo tanto, dun modelo plenamente aliñado coa Directiva Hábitats e coa xurisprudencia actualmente vixente, dado que limita as actuacións de control a supostos excepcionais, individualizados e condicionados ao esgotamento previo das medidas preventivas dispoñibles.
Foron presentados os novos equipamentos do Centro de Supercomputación de Galicia) instalación que vai incorporar un segundo computador cuántico, denominado IQM Spark. O novo supercomputador e os dous novos computadores cuánticos que se van adquirir situarán a nosa Comunidade na vangarda europea en canto a capacidade de almacenamento de datos e participación en grandes proxectos internacionais. En canto aos computadores cuánticos, o de menor capacidade (5 cúbits), dedicarase exclusivamente a tarefas de formación, probas de concepto e de algoritmia, complementando así ao de maior capacidade (54 cúbits), que será o buque insignia.
A Xunta exixe o rescate da AP-9 e asina cos Gobernos de Asturias e Castela e León e o tecido empresarial das tres comunidades a Declaración Compostela, que insta á Comisión Europea a culminar o ditame sobre as prórrogas da AP-9 e AP-66. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, interveu no encontro 'As infraestruturas viarias do Noroeste', organizado pola Confederación de Empresarios de Galicia.