Actualidad de Economía

Noticias economia

Galicia segue reducindo o paro a nivel anual e mensual confirmando a tendencia de baixada do desemprego e de creación de postos de traballo dos últimos meses. De feito, posiciónase no último ano como a Comunidade na que máis baixa o paro, superando ao Estado en máis de catro puntos (Galicia:-8,71%; España: -4,63%). Na evolución anual, o paro baixa en 14.816 persoas, é dicir, nun -8,71%, o que supón que Galicia xa suma seis anos consecutivos de caída do paro nun mes de xuño. Ademais, a cifra sitúa á Comunidade galega en niveis de paro inferiores aos de hai unha década. A creación de emprego, ademais, continúa en crecemento. A Comunidade volve a superar o millón de cotizantes á Seguridade Social, situándose en 1.025.192, a cifra máis alta desde agosto de 2010.
Na actual convocatoria 2014-2020, estanse a desenvolver 80 iniciativas que contribuirán a dinamizar a Eurorrexión como xa o fixeron outros proxectos máis alá dos Poctep, entre os que destacan: a interconexión dos servizos de emerxencia e a coordinación dos 112 a ambos lados; o programa de mobilidade universitario Iacobus; a cooperación en materia sanitaria, coordinando e facilitando o acceso a servizos especializados nos centros de referencia das comarcas fronteirizas; os avances e melloras no Camiño Portugués a Santiago; e a posta en marcha da estratexia Ris 3 Conxunta, a primeira presentada por unha eurorrexión.
O endebedamento da Comunidade Autónoma de Galicia ao peche do primeiro trimestre situouse no 18,3% do PIB, segundo os datos do Banco de España, que volve ratificar que Galicia é unha das comunidades autónomas –a quinta– con menor endebedamento, 6,1 puntos menos que a media. Galicia conseguiu reducir nove décimas o seu endebedamento sobre o primeiro trimestre de 2018, que era do 19,2%. En canto á evolución trimestral, o aumento de tres décimas respecto á ratio do cuarto trimestre de 2018 (18,0%) débese á que Galicia concentrou nos primeiros meses deste ano a maior parte das emisións de débeda e dos ingresos do Fondo de Facilidade Financeira de todo o exercicio, ao igual que sucedeu en anos anteriores.
Ponse en marcha da Axenda de Impulso da Industria Forestal 2019-2021 co fin de modernizar o tecido empresarial deste sector; estimular a demanda e fomentar a utilización da madeira nas novas construcións e contribuír á creación dunha sociedade sustentable, baixa en carbono e baseada no emprego verde e no consumo de produtos locais. A Axenda da Industria Forestal contará cun investimento de 54 millóns de euros que prevé mobilizar máis de 125 M€. En concreto, destinaranse 14M€ á formación, 8M€ a configurar un ecosistema de innovación, 1M€ á valoración e á cooperación e 31M€ á competitividade e á diversificación. No que respecta a súa elaboración, este plan conta coa participación das asociacións do sector forestal.
No marco do Programa Operativo do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional de Galicia (FEDER Galicia) 2014-2020 aprobáronse ata o pasado 31 de decembro máis de 2.000 operacións por un importe de 683 millóns de euros, o que supón case o 60% do total programado, que son 1.142 millóns. Así se puxo de manifesto na reunión que celebrou en Santiago o comité de seguimento do programa operativo de FEDER Galicia, onde se deixou patente que co desenvolvemento destas actuacións se está consolidando o progreso autonómico cun modelo de crecemento intelixente, sustentable e integrador, en liña coa Estratexia Europa 2020.
Galicia é na actualidade a oitava rexión europea produtora de leite. O seu sector lácteo –que ten a consideración de sector estratéxico- produce arredor do 40% do leite de España e comprende máis da metade do total das explotacións lácteas españolas. Os máis de 7.000 gandeiros galegos facturan anualmente arredor de 800 millóns de euros e a produción de leite no 2018 chegou aos 2,8 millóns de toneladas, consolidando a Galicia como líder nacional indiscutible. Na actualidade, o selo Galega 100% tense acreditado como identificador dun produto da máxima calidade, que permite ao consumidor unha identificación fácil e sinxela, o que contribúe a poñer en valor este produto nos mercados.
A misión comercial lévana a cabo 43 empresas, o Clúster do Naval de Galicia (Aclunaga), a Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia (Asime), e a Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía, co obxectivo de potenciar alianzas estratéxicas que contribúan a incrementar a competitividade e a proxección exterior do sectores naval e metal. As empresas e agrupacións empresariais que forman parte da delegación están a ter reunións con armadores e estaleiros noruegueses, entre outros, co obxectivo de atopar novas vías de investimento e colaboración e avanzar acordos comerciais de cooperación, ao tempo que se incrementa o prestixio a nivel mundial da industria naval e do metal galegos.
Galicia é a segunda comunidade na que máis baixou o paro en maio con respecto a hai un ano, superando, ademais, a media de caída de desemprego rexistrada no Estado, con máis de tres puntos e medio de diferencia. Así, a Comunidade galega rexistrou no mes de maio unha baixada do paro do -8,99% fronte ao -5,31% de España. En Galicia, polo tanto, hai 15.891 desempregados menos que hai un ano, polo que o número de parados sitúa á Comunidade en niveis moi inferiores aos de hai unha década. O paro, polo tanto, continúa caendo, 6 anos de xeito consecutivo no mes de maio. O desemprego tamén descende na evolución mensual, nun 3,26% con respecto a abril (-5.421 persoas).
Galicia pechou o primeiro trimestre de 2019 cun superávit contable do 0,03%, mentres que a media autonómica rexistrou un déficit do 0,1%, segundo recollen os últimos datos publicados polo Ministerio de Facenda. Galicia rexistrou no peche do mes de marzo un superávit contable de 21 millóns de euros, mentres que o déficit do conxunto das administracións autonómicas situouse en 1.234 millóns. Os datos do Ministerio de Facenda mostran que a nosa comunidade é unha das cinco que rematou o primeiro trimestre do ano con superávit contable. As outras administracións autonómicas que tamén rexistraron capacidade de financiamento son Asturias (0,3%) e A Rioxa (0,1%), xunto ás dúas comunidades forais: Navarra (0,61%) e País Vasco (0,45%).
Galicia será unha das primeiras comunidades en dispoñer dun censo do solo empresarial, exhaustivo e actualizado, para facilitar a creación de empresas. Co obxectivo de ter mellor información sobre o total de solo empresarial dispoñible no conxunto da Comunidade, será obrigatoria e gratuíta a inscrición no censo de todas as áreas empresariais existentes en Galicia que teñan parcelas dispoñibles para a súa comercialización e tamén das áreas previstas para o seu inmediato desenvolvemento. Deste xeito, a obriga comprende a todas as áreas empresariais independentemente de que sexan propiedade de persoas físicas ou xurídicas.
« Anterior | 53  de  381 | Siguiente »

Notas economia

Alternativa Galega de Esquerda denuncia os silencios e evasivas do PP respecto dos casos que anegan a formación. O BNG insiste en que toda a oposición pide a comparecencia urxente de Feijóo para que explique o impacto da corrupción na economía galega. Os deputados do PPdeG rexistran as súas declaracións de bens.
Con este investimento reafírmase o compromiso de garantir a viabilidade de Navantia na área de reparacións e dase o primeiro paso para a creación do "pool" investidor no futuro do estaleiro que busca garantir os postos de traballo co contrato de Pemex.
Artesanía de Galicia e Galicia Calidade contan cun espazo propio en Inhorgenta, que se celebra na cidade alemá de Múnic ata o 25 de febreiro, para promover a comercialización da xoiería galega dos obradoiros artesáns Ardentia, Fink Orfebres, Ortega e Piropo Joyas.
A Xunta traballa na creación dun selo de promoción único baixo o que se ampararán todos os produtos agroalimentarios de calidade de Galicia, e tamén promove unha gran feira do viño en Galicia que sexa potente e que atraia a outras denominacións de orixe.
O presidente da Xunta avanzou que os autónomos galegos terán unha axuda de entre 4.000 e 6.000 euros para contratar ao primeiro traballador, e de entre 5.000 e 7.000 euros para o segundo e o terceiro empregados. A loita contra o paro segue a ser obxectivo prioritario, según Núñez Feijóo.
O certame turístico Reisen 2013, da cidade de Hamburgo, está especializado en campismo e autocaravaning, unha modalidade elexida polo 9.5% dos turistas internacionais que visitan Galicia desde Alemaña.
O Consello da Xunta aproba un convenio que suporá un “importante osíxeno económico” e destaca o “efecto multiplicador” que ten o diñeiro público na consecución da totalidade dos avais que os estaleiros galegos necesitan nesta situación.
Máis de 16.000 visitantes aproveitaron os mellores prezos ofrecidos polo comercio local. As estufas e sistemas de calefacción, os automóbiles e o téxtil volveron ser os sectores máis demandados.
O novo calendario de feiras do libro de Galicia 2013 inclúe catro eventos máis que en 2012, e amplía o programa de actividades culturais que se desenvolven nestes eventos. Entre abril e agosto celebraranse feiras en Coruña, Santiago de Compostela, Vigo, Pontevedra, Ourense, Lugo, Ferrol, Viveiro, Foz, Monforte e Rianxo.
Nesta financiación incluirase unha liña de axudas para contratos-programa en centros tecnolóxicos, según anunciaba o presidente da Xunta que insiste en consolidar medidas pioneiras e plans como Interconecta, Plan 12C ou o Fondo Tecnolóxico.


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES