
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe a posta en marcha da Axenda de Impulso da Industria Forestal 2019-2021 co fin de modernizar o tecido empresarial deste sector; estimular a demanda e fomentar a utilización da madeira nas novas construcións e contribuír á creación dunha sociedade sustentable, baixa en carbono e baseada no emprego verde e no consumo de produtos locais.
A Axenda da Industria Forestal contará cun investimento de 54 millóns de euros que prevé mobilizar máis de 125 M. O presidente da Xunta detallou que, en concreto, "se destinarán 14M á formación, 8M a configurar un ecosistema de innovación, 1M á valoración e á cooperación e 31M á competitividade e á diversificación".
No que respecta a súa elaboración, Feijóo incidiu en que este plan conta coa participación das asociacións do sector forestal. Trátase dun documento aberto, polo que poderán incluírse novas propostas xa que se seguirán mantendo encontros cos diferentes axentes sociais para que poidan contribuír coas súas suxestións a deseñar a mellor estratexia posible.
En canto aos seus obxectivos, o presidente da Xunta explicou que a Axenda da Industria Forestal pretende incrementar nun 6% a facturación do sector ata os 2.400 millóns de euros, aumentar tamén un 6% os empregos directos ata alcanzar os 21.000 postos de traballo e facer medrar nun 10% o uso de elementos non estruturais na construción.
A nova Axenda inclúe catro medidas para promover o uso da madeira. Na construción, buscarase seguir impulsando o sector contract galego e introducir con máis forza novos modelos de edificación sustentable. O presidente da Xunta detallou que a utilización da madeira permitirá acurtar os tempos construtivos, crear novas oportunidades laborais no rural e permite unha nova industria no sector da madeira en Galicia. A Xunta dará exemplo e promoverá a apertura de novos equipamentos públicos construídos en madeira.
Ademais, no emprego de biocombustibles preténdese reducir os consumos enerxéticos fósiles e cambiar as fontes de combustible. Tamén se buscará introducir a madeira en sectores estratéxicos da economía galega como a automoción, o naval e o téxtil, promovendo a súa colaboración coa industria forestal para desenvolver novos produtos, procesos e mercados a través da bioeconomía circular. Finalmente, no deseño traballarase na utilización da madeira en interiores xa que mellora o confort.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.