Noticias

Galicia é a segunda comunidade na que máis baixa o paro na evolución anual e suma 252 afiliados ao día no último mes

Galicia é a segunda comunidade na que máis baixou o paro en maio con respecto a hai un ano, superando, ademais, a media de caída de desemprego rexistrada no Estado, con máis de tres puntos e medio de diferencia. Así, a Comunidade galega rexistrou no mes de maio unha baixada do paro do -8,99% fronte ao -5,31% de España. En Galicia, polo tanto, hai 15.891 desempregados menos que hai un ano, polo que o número de parados sitúa á Comunidade en niveis moi inferiores aos de hai unha década. O paro, polo tanto, continúa caendo, 6 anos de xeito consecutivo no mes de maio. O desemprego tamén descende na evolución mensual, nun 3,26% con respecto a abril (-5.421 persoas).

Con respecto á evolución anual das afiliacións, a secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, sinalou que continúan crecendo, situándose nos mellores niveis da década. Galicia volve a superar a barreira do millón de cotizacións aumentando nun 2,04% (+20.315). A Comunidade, ademais, leva seis anos de incrementos consecutivos. En canto á evolución mensual, Galicia rexistrou 7.814 afiliacións máis que no mes de abril. O incremento producido supón un ritmo de 252 afiliados ao día.

A secretaria xeral, así mesmo, indicou que o desemprego baixa nos colectivos prioritarios para a Xunta: os menores de 30 anos, as mulleres e os parados de longa duración. De feito, 4 de cada 5 persoas que saíron do paro no último ano atopábanse nesta última situación.

O paro tamén caeu nas catro provincias e sete grandes cidades galegas e en todos os sectores de actividade, liderando o descenso a construción (-18,08%), seguido da industria (-8,34%), da agricultura e a pesca (-8,30%) e dos servizos (-7,90%).

En canto á baixada por provincias, Lugo lidera a caída cun descenso do 10,37%, seguida da Coruña (-9,61%), de Ourense (-8,58%) e de Pontevedra (-8,14%).

Traballadores cualificados

Toca destacou a aposta da Xunta pola formación dos galegos e galegas pois, segundo sinalou, é a clave para acceder ao mercado laboral, abrir novas oportunidades e contar con traballadores máis cualificados, cos coñecementos necesarios para dar resposta ás demandas dun mercado laboral orientado cara o impulso da Industria 4.0 e da innovación.

Neste sentido lembrou que entre este ano e o que vén o Goberno galego investirá 57,3 millóns de euros para poñer a disposición de máis de 26.000 galegos unha formación de calidade. Así, xa están abertas as convocatorias tanto do Plan galego de formación para desempregados e ocupados, como os obradoiros duais de emprego.

R., 2019-06-04

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES