Notas de prensa

A primeira fase da estratexia estatal de innovación suporá 8 millóns

Nesta financiación incluirase unha liña de axudas para contratos-programa en centros tecnolóxicos, según anunciaba o presidente da Xunta que insiste en consolidar medidas pioneiras e plans como Interconecta, Plan 12C ou o Fondo Tecnolóxico.

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, anunciou a posta en marcha da primeira fase da Estratexia Estatal de Innovación, que contará este 2013 cun investimento de 8 millóns de euros e que permitirá poñer en marcha medidas pioneiras en materia de I+D+i, como unha liña de axudas que financiará por primeira vez contratos – programa en centros tecnolóxicos ademais de dar continuidade aos que se veñen apoiando noutros centros non universitarios.

Durante o acto de recoñecemento empresarial e entrega da medalla de ouro da Confederación de Empresarios de Pontevedra a Ventura González Prieto, Feijóo puxo este novo instrumento a prol da innovación como exemplo de que non se resigna ante as dificultades, nin como titular do Goberno galego nin como político, porque na súa opinión “somos herdeiros dun legado que non recibimos sen máis, senón co encargo de mantelo e engrandecelo”.

Así, asegurou que comprende a inquedanza dos cidadáns ante a crise económica pero propuxo “non resignarse” e seguir consolidando a nivel nacional medidas pioneiras, como xa ocorreu na pasada lexislatura coa redución do gasto das administracións ou a aposta por axustarse aos criterios de estabilidade orzamentaria.

Neste senso, recordou que Galicia foi a única comunidade con solvencia acreditada dende 2009 ou que xa logrou a práctica totalidade do financiamento necesario para o presente exercicio 2013. “Mentres outras comunidades declaran a súa dependencia pedindo o rescate do Estado, nós xa teñamos dende xaneiro o financiamento necesario para todo o ano”, resaltou.

Do mesmo xeito, engadiu que tampouco se resigna ante os obstáculos que sofren actualmente moitos emprendedores e, neste eido, subliñou que a Xunta de Galicia impulsou na pasada lexislatura e reforzará nos próximos anos unha axenda internacional que permita incrementar as exportacións e atraer investimentos para Galicia, como se ten logrado recentemente con PSA Peugeot Citroen e coa petroleira PEMEX.

A este respecto, tamén insistiu na aposta pola innovación e amosou o seu compromiso para seguir aproveitando os instrumentos dos que nos temos dotado como as distintas convocatorias do Interconecta, o Plan I2C ou as posibilidades do Fondo Tecnolóxico, que recentemente teñen permitido desbloquear, por exemplo, o proxecto Atlantic da Universidade de Vigo.

Na vertente económica, Núñez Feijóo tamén recordou algúns dos instrumentos que a Xunta de Galicia ten posto a disposición dos emprendedores nos presupostos para este ano 2013, como un Fondo de Crecemento dotado con 386 millóns de euros ou a incorporación dalgunhas das medidas previstas na futura Lei do Emprendedor, como un paquete de seis incentivos fiscais para aqueles que decidan crear ou ampliar ou un negocio.

“Non me resigno como Presidente de Galicia nin tampouco o fago como político”, resumiu Feijóo, e engadiu que tamén comprende as dúbidas que lles xorden aos cidadáns e que esixen máxima transparencia e explicacións. “E non me resigno. Porque non é admisible a tolerancia cómplice que algúns puideran desexar, nin tampouco a sospeita permanente que outros aplican sobre a vida”, sentenciou, e explicou que proclamalo é un acto de xustiza para lembrar que “a nosa democracia, con todos os atrancos, garante unha vida pública basicamente decente”, do que poden dar fe as institucións, as administracións e os organismos públicos e privados que funcionan con normalidade e que gozan de prestixio social.

Para o titular do Goberno galego, afrontar os problemas do noso tempo é ineludible por moitos motivos, entre os que destacou a necesidade de estar á altura dos nosos antepasados, “para que o seu esforzo non teña sido en van, senón que teña continuidade”. “O exemplo de xentes como Ventura González Prieto estanos dicindo que con independencia das circunstancias, que á marxe das posibilidades de cada quen, todos temos un compromiso co noso tempo. Eles non agardaron por nada en concreto nin por alguén en especial. Ventura simplemente actuou. A súa grandeza está na forza coa que afrontou o transcurso da vida. O seu prodixio é a constancia coa que, despois de cada caída sempre se levantou; e coa que despois de cada éxito, nunca se obnubilou”, expuxo.

“Tamén nós temos que escoller como continuar a historia: se por ser impasibles e por tirar a toalla; ou por utilizar todos os mecanismos ao noso alcance para saír adiante”, continuou, e asegurou que actos como este de recoñecemento poñen de manifesto que o compromiso de Vigo nesa tarefa é firme, tralo que concluíu que nese obxectivo está garantido tamén o compromiso da Xunta de Galicia.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2013-02-04

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES