A Consellería de Economía e Industria destina no seus orzamentos unha partida de 5 millóns de euros para colaborar na construción do dique flotante co obxectivo de garantir a viabilidade de Navantia na área de reparacións. Esta partida orzamentaria pretende impulsar a mellora da competitividade do estaleiro e contribuir ao mantemento dos postos de traballo amosando de novo o firme compromiso do Goberno galego co naval de Ferrol.
Con este apoio financeiro a Xunta de Galicia dá o primeiro paso na iniciativa xa proposta a Navantia para a creación dun pool de investidores privados que permitan adaptar as infraestruturas do estaleiro a buques de maior tamaño e así impulsar a súa competitividade e incrementar as súas oportunidades de negocio na área de reparacións.
A Xunta segue sen escatimar esforzos para garantir o futuro do naval galego e, concretamente, do naval de Ferrol, co obxectivo de dotalo de carga de traballo e garantir a súa viabilidade. Así o ten amosado a alianza estratéxica acadada con Pemex que xa frutificou na firma de dous contratos cos estaleiros Barreras, en Vigo, e Navantia, en Ferrol, para a construción de dous floteis.
Ademais, a Xunta, a través do convenio con Pymar, e co obxectivo de apoiar as operacións financeiras dos estaleiros galegos e impulsar as súas contratacións, mobilizará durante 2013, máis de 60 millóns de euros en avais.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.