//if ($dataid['id'] == 2){ ?>
Noticias cultura
Historias reais, causas de vida e cinema de autor, son os principais elementos que configuran o ciclo de cine euroárabe "Amal en Ruta 2019", unha mostra que nesta edición proxectará catro películas de ficción e dous documentais. As películas recollen diferentes puntos de vista e sensibilidades do mundo árabe. Ademais da temática palestina e da crise dos refuxiados, o ciclo aborda outros temas que amosan a diferenciación e matices dos máis de 500 millóns de persoas do mundo árabe. Os filmes que se proxectan son: "Alma Mater", "Sheikh Jackson", "Of fathers and sons", "Zagros", "Ghost hunting", e "El Cairo Confidencial". O cartel do ciclo é unha fotografía da colección "Familias completas, familias incompletas", do fotoxornalista Sergi Cámara.
Euphoria preséntase a unha semana da clausura da exposición Vestiges d´un ici, vestixios de si, de Loreto Martínez Troncoso. O compositor e director musical de Vertixe Sonora, Ramón Souto, aceptou o convite de Martínez Troncoso para crear unha obra a partir daquela materia informe que nun momento dado emerxe, xa sexa como un balbucido, un tremor, un xemido, un golpe, un berro, un latexo, un paso ou un suspiro. En Euphoria, que recupera a súa orixe etimolóxica en grego antigo forza para soportar, recréanse, coa colaboración especial de Ignacio Barcia e a asistencia do Obradoiro Artesán en Madeira de Severino García Seijo, diversos artellos sonoros experimentais que pulsan a palabra do edificio.
Este proxecto está composto polo libro Os nove anos de Fraguas en Lugo, que recolle textos dos promotores desta iniciativa, e doutros amigos e antigos alumnos de Antonio Fraguas, sobre os nove anos que este pasou en Lugo, e da profunda pegada que deixou neles e na sociedade lucense; unha exposición itinerante, composta por doce paneis, nos que se resumen os contidos do libro, e que nos próximos meses percorrerá toda Galicia; e a web fraguasenlugo.org, que recolle todas os contidos da publicación en papel. Neste acto, ao que asistiu tamén un grupo de alumnos do centro, foron presentadas todas estas accións, e tamén se fixo entrega ao centro do cadro realizado polo pintor Manuel Romero con motivo desta celebración.
O Festival Interceltique de Lorient anunciou en París o programa da súa 49ª edición, na que este histórico encontro da cultura celta celebra o Année de la Galice (ano de Galicia). O acto, para o que se contou coa colaboración da Embaixada de España, tivo lugar na sala Pan Piper da capital francesa e incluíu un concerto de Mercedes Peón co seu proxecto 'Déixaas'. Deuse así conta do especial protagonismo que a música galega terá do 1 ao 11 de agosto en Lorient, ata onde viaxarán máis de 20 artistas e grupos galegos como parte da programación elaborada polo festival.
Máis de 150 axentes culturais de Galicia e do resto de España reuniranse do 10 ao 13 de xuño en Santiago de Compostela para participar na sétima edición de Galicia Escena PRO que, como en anos anteriores, tamén abrirá o seu programa de espectáculos ao público xeral. O seu principal obxectivo é servir de escaparate para a compra-venda de producións galegas de teatro e danza, para o que se convida a asistir os responsables da programación de teatros, auditorios e festivais, así como de compañías e empresas distribuidoras. Entre os acreditados este ano, atópanse profesionais chegados de toda Galicia, pero tamén doutros puntos de España.
'Elisa e Marcela', a película de Isabel Coixet producida pola compañía compostelá Zenit TV chega esta fin de semana ás salas de cine despois de ter desenvolvido maioritariamente unha rodaxe en localizacións galegas e de xerar máis de 1,5 millóns de euros na contratación de equipos e profesionais do noso sector audiovisual. A filmación supuxo 13 xornadas de rodaxe en Galicia, das 23 desenvolvidas, o que equivale a máis do 56% do período de gravación. Durante este tempo, contratáronse máis de 200 persoas entre persoal artístico, técnico e de figuración en 191 convocatorias de traballo. A fita, que conta a historia das dúas mulleres que casaron na Coruña en 1901 no considerado como primeiro matrimonio homosexual de España está protagonizada por Natalia de Molina e Greta Fernández.
A Cidade da Cultura de Galicia festexará o Día Internacional da Música, que se celebra o 21 de xuño, cun concerto da mítica banda galega Os Resentidos, na Praza Central do Gaiás, actuación de entrada libre e de balde. Os Resentidos teñen no seu haber un currículo de máis 30 anos de carreira musical que lles deron para publicar sete LPs, un EP compartido con Siniestro Total, un recompilatorio e conseguir o fito de situar como gran hit en España un tema en galego, Fai un sol de carallo, nunha época (1986) en que eran moi poucos grupos en Galicia que cantaban no noso idioma. Críticos, inconformistas, irreverentes, indignados.... Así o recollen unhas letras radicais e comprometidas coa realidade do seu tempo.
A lingua galega escoitouse por vez primeira desde as pantallas de cinema do Festival de Cannes na estrea este mediodía da película de Oliver Laxe O que arde, coa que foi seleccionado para competir na sección Un Certain Regard, que o certame francés lle dedica a obras con olladas cinematográficas orixinais e diferentes. O que arde conta a historia de Amador, quen regresa á casa da súa nai nunha pequena aldea escondida nas montañas da Galicia rural despois de cumprir condena por ter provocado un incendio forestal. Alí a vida pasa paseniño, ao ritmo que marca a natureza, ata que unha noite se declara un incendio devastador. A idea da película xurdiu a partir dunha iniciativa do Máster en Documental de Creación da Universidad Pompeu Fabra de Barcelona, co que colabora Oliver Laxe.
A sétima edición de Galicia Escena PRO inclúe no seu programa tres espectáculos procedentes de Madrid, Cantabria e País Vasco dentro das vías de colaboración abertas tanto con MADferia como co proxecto Camiño Escena Norte. Trátase das propostas de Rotura Producciones, Café de las Artes Teatro e Hortzmuga Teatroa, que compartirán cartel cos 17 espectáculos galegos e os 10 proxectos en formato pitching seleccionados para esta nova entrega do evento. Refórzase así o programa de intercambio con outras comunidades autónomas que Galicia Escena PRO puxo en marcha en 2016 e que, ademais de presentar en Galicia unha mostra da produción escénica doutros puntos de España, facilita a incorporación de compañías galegas nos carteis dos eventos colaboradores.
Inaugurouse a mostra dedicada a Antonio Fraguas con motivo do Día das Letras Galegas no Arquivo e Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura. Trátase dunha exposición na que se inclúen as 40 pezas, entre as que se inclúen algunhas das obras máis importantes de Antonio Fraguas como etnógrafo e antropólogo. A exposición, que se poderá visitar ata finais do mes de agosto, trata de achegar aos visitantes á figura de Fraguas como historiador e xeógrafo, coa presenza de obras como Geografía de Galicia, título de referencia aínda hoxe para calquera estudo sobre este tema publicada en 1953. Tamén estarán presentes algunhas das súa obras sobre a Historia de Galicia ou o Colexio de Fonseca, tema da súa tese de doutoramento.
Este mércores o Ateneo de Santiago e Histagra Grupo de Investigación da USC presentarán o último ensaio publicado pola editorial Galaxia titulado Golpistas e verdugos de 1936. Historia dun pasado incómodo, edición de Lourenzo Fernández Prieto e Antonio Míguez Macho. O acto (19:30, sede de Afundación) contará coa participación dos Catedráticos de Historia Contemporánea da USC Ramón Villares e Lourenzo Fernández Prieto.
A nova programación de artes escénicas de Santiago ofreceralle ao público compostelán 25 espectáculos, dos que 10 chegan á cidade a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA), o circuíto de exhibición que a Consellería de Cultura e Turismo promove a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e en colaboración coas entidades locais xestoras dos seus 40 espazos asociados.
Trinta e dous anos despois de deixar a súa terra natal, Carla volve ao seu pobo despois de ter conseguido unha existencia acorde á súa identidade e xénero. Durante o documental e o debate posterior a actriz e activista fará balance do camiño percorrido. O 19 de xaneiro terá lugar unha proxección organizada pola Deputación da Coruña en colaboración co movemento LGTBI. O filme foi gañador do premio ao Mellor Documental nacional e internacional e Premio á mellor obra española en Lesgaicinemad 2014.
Afundación presenta en Ferrol a exposición fotográfica «Terras de salitre. Cristina Mittermeier», un percorrido polas zonas do mundo nas que o ser humano explota os recursos marítimos dunha forma respectuosa e sustentable realizado pola fotógrafa mexicana Cristina Mittermeier. A mostra, conformada por fotografías de Grenlandia, Hawai, India, Madagascar, Columbia, Abralhos, a Antártida e Galicia, inaugurarase o 24 de xaneiro na Sede Afundación de Ferrol.
Coincidindo co ano do 25 aniversario do recoñecemento ao Camiño Francés como Patrimonio Mundial da Unesco que se conmemorou en 2018, a Consellería de Cultura e Turismo vén impulsando a exposición O Camiño de Santiago debuxado, que permanece no Museo das Peregrinacións e de Santiago da capital galega durante este mes de xaneiro.
A memoria anual da Academia Galega do Audiovisual, coñecida como Os Papeis da Academia, publícase con textos de María Yáñez, Brais Romero, Cibrán Tenreiro e fotos de Tamara de la Fuente en formato revista web que se pode consultar en papeisdaacademia.gal. Os Papeis da Academia contan co patrocinio do Concello da Coruña e coa colabroación da Fundación TIC, de Lugo.
O programa de dinamización lingüística Nadal en Rede, impulsado desde a Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia, ten nesta última fin de semana do ano un calendario especialmente intenso. Entre este venres e o domingo, 21 localidades galegas acollerán concertos e actividades musicais, obradoiros e sesións de teatro. Destacan no programa Lucía Pérez, A Banda da Loba ou os irmáns Bolechas.
O profesor, xornalista e investigador galego Fernando Redondo Neira (Boqueixón, 1971) fíxose coa XVIII edición do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio, galardón que convocan conxuntamente a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Editorial Galaxia coa colaboración de Gas Natural Fenosa, pola obra Os amorodos de Bergman. Está dotado con 3000 euros e coa publicación do traballo por Galaxia.
O Complexo artístico Regal Xunqueira, en Viveiro, acollerá este venres 21 de decembro, ás 20:00 h. unha das presentacións da Axenda Feminista 2019 do Observatorio da Mariña pola Igualdade, dedicada ás artistas visuais galegas. Este ano a axenda tráenos a obra, o discurso e a traxectoria de 12 mulleres do panorama artístico galego contemporáneo.
Froito de máis de vinte anos de traballo, o Grupo de Investigación Valle-Inclán da USC (GIVIUS) presentou este martes na Facultade de Filoloxía o Archivo Digital Valle-Inclán (1888-1936), que contén o fondo documental, bibliográfico, iconográfico e gráfico do escritor, con 4.500 documentos e 80.000 imaxes dixitalizadas. En versión trilingüe galego-español-inglés, o Arquivo pode consultarse de maneira libre.