Noticias

O CGAC estrea a ópera 'Euphoria' cun itinerario de 27 escenas representadas en diversos espazos do centro

Euphoria preséntase a unha semana da clausura da exposición Vestiges d´un ici, vestixios de si, de Loreto Martínez Troncoso. O compositor e director musical de Vertixe Sonora, Ramón Souto, aceptou o convite de Martínez Troncoso para crear unha obra a partir “daquela materia informe que nun momento dado emerxe, xa sexa como un balbucido, un tremor, un xemido, un golpe, un berro, un latexo, un paso ou un suspiro”. En Euphoria, que recupera a súa orixe etimolóxica en grego antigo “forza para soportar”, recréanse, coa colaboración especial de Ignacio Barcia e a asistencia do Obradoiro Artesán en Madeira de Severino García Seijo, diversos artellos sonoros experimentais que pulsan a palabra do edificio.

O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) estrea a ópera Euphoria, unha superprodución composta por un percorrido de 27 escenas a través dos diferentes espazos da exposición. Trátase dunha ópera concebida por Loreto Martínez Troncoso e Ramón Souto, que tamén asina o traballo de composición musical, coa colaboración especial de Ignacio Barcia, do Grupo de Investigación DX7 da UVigo, e a asistencia do Obradoiro Artesán en Madeira de Severino García Seijo en Bembrive (Vigo).

Os diferentes e singulares espazos do CGAC, en Santiago de Compostela, serán os escenarios para unha obra que envolve a máis de 50 músicos xunto ao grupo vocal Exvoco con Dora Garcidueñas, soprano; Cecilia Fontaine, mezzosoprano; Enrique Martínez, tenor; Matías Bocchio, barítono, e Pascal Zurek, baixo.

Euphoria preséntase a unha semana da clausura da exposición Vestiges d´un ici, vestixios de si, de Loreto Martínez Troncoso (Vigo, 1978). O compositor e director musical de Vertixe Sonora, Ramón Souto, aceptou o convite de Martínez Troncoso para crear unha obra a partir “daquela materia informe que nun momento dado emerxe, xa sexa como un balbucido, un tremor, un xemido, un golpe, un berro, un latexo, un paso ou un suspiro”.

En Euphoria, que recupera a súa orixe etimolóxica en grego antigo “forza para soportar”, recréanse, coa colaboración especial de Ignacio Barcia e a asistencia do Obradoiro Artesán en Madeira de Severino García Seijo, diversos artellos sonoros experimentais que pulsan a palabra do edificio. E entre eles, os primeiros intentos de sintetizar a voz humana no século XVIII: as máquinas parlantes do eslovaco Wolfgang von Kempelen, e os resonadores vogais de órgano para o rexistro da “voz humana” do alemán Christian Gottlieb Kratzenstein nesta ocasión coa colaboración do mestre organeiro de Palencia Abel Acitore.

Xunto ás cinco voces do grupo Exvoco, Euphoria implica a máis de medio cento de intérpretes. Vertixe Sonora Ensemble, a formación da que Souto é director artístico e grupo referente na escena musical contemporánea peninsular, con 20 músicos para a ocasión, levará o peso musical da estrea. Pero para desenvolver esta experiencia sonora-musical, Ramón Souto e Vertixe botan man das estructuras e do traballo en rede desenvolvido nos últimos anos. Tanto co Grupo de Experimentación Electrónica do IGAS que coordina Mateo Mena como coa Orquestra Filharmónica Infantil Cidade de Pontevedra, que participan nesta estrea. Euphoria foi especialmente concebida para o edificio do portugués Álvaro Siza.

R., 2019-05-31

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES